Un delicado labirinto para Irán no 2010

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

O 2010 anuncia unha complexa conxuntura para Irán. A renovación das masivas protestas dos sectores considerados reformistas así como a dureza dunha represión oficial que, segundo fontes occidentais, deixou case unha decena de mortos e centenas de detidos, supón un delicado escenario interno que, con case toda probabilidade, se repetirá no próximo ano.

Se o escenario interno é complexo, a tal punto que coloca nun verdadeiro labirinto ao réxime teocrático e as forzas populares que demandan máis cambios e apertura, a conxuntura internacional iraniana non é menos estable. Así, segue a pender como unha ameaza a posibilidade dun ataque militar israelí, con ou sen o consentimento de Washington, contra as instalacións nucleares iranianas.

Paralelamente, a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) parece persuadida a certificar novas sancións contra Teherán, que poden espallarse ao longo de 2010, desta vez cunha maior benevolencia por parte de tradicionais aliados de Teherán, como é o caso de Rusia. Para finalizar, e como colofón a un escenario de riscos e inestabilidades, nos últimos días apreciase un delicado pulso fronteirizo entre Iraq e Irán polo control de campos petrolíferos, un escenario que obriga a considerar os imperativos que pode ter Washington detrás desta crise.

Así, as perspectivas anuncian maiores acontecementos no país persa para o próximo ano. Se ben resulta aínda pouco claro que a presión nas rúas dos sectores reformistas, cos seus líderes Mir-Hossein Musavi e Mehdi Karrubi á cabeza, finalmente certifique o remate do réxime teocrático na república islámica, a prolongación desta crise está socavando cada vez máis a lexitimidade política do presidente Mahmud Ahmadíneyad, quen vese constantemente obrigado a afincarse no gran aiatolá Alí Jamenei e a Garda Republicana Islámica como principais soportes do seu poder.
           
Se os violentos enfrontamentos nas rúas e o incremento da represión oficial comezan a configurar unha situación de inestabilidade cada vez máis latente, os manexos nas altas cúpulas do poder en Teherán incrementarán a súa presión cara Ahmadíneyad e Jamenei. O pulso político estaría configurándose en torno aos influentes aiatolás Akbar Hashemi Rafsanjani e Mohammed Jatamí, simpatizantes dos sectores reformistas, aínda que os seus obxectivos semellan máis orientados en desestabilizar a Ahmadíneyad e a socavar a autoridade de Jamenei.

Igual perspectiva pode afrontarse dende o exterior, no caso de que as presións dende a AIEA para dar curso a novas e máis restritivas sancións económicas contra Irán e a renovación da retórica ameazante militar por parte de Israel comecen a configurar un escenario aínda máis candente, que obrigue ao poder en Teherán a pechar filas e, finalmente, desarticular con violencia a protesta reformista.

Neste sentido, os líderes reformistas Mossavi e Karrubi corren o risco de finalizar en prisión, o cal potenciaría aínda máis a súa popularidade e a inestabilidade interna. E, no caso de ataques exteriores contra as súas instalacións nucleares, Teherán podería activar unha serie de contraofensivas contra obxectivos israelís e estadounidenses no exterior, así como no Golfo Pérsico.

Non obstante, co espectro de maior violencia nas rúas e ameazantes presións exteriores, a alta cúpula dos aiatolás podería igualmente premer ou ben persuadir a Jamenei a desfacerse de Ahmadíneyad, dando curso a un pulso de sectores de poder que debilitaría aínda máis a estrutura política e estatal, socavando así a lexitimidade do réxime teocrático.

Independentemente dos escenarios que seguirán e das súas consecuencias, Irán seguirá sendo un protagonista clave no plano internacional do 2010. Resta observar se o país persa está experimentando unha nova revolución ou ben está dando curso a unha inestabilidade interna con graves riscos xeopolíticos para a seguridade en Oriente Próximo e Asia Central.