frente polisario mohamed abdelaziz

Véndese plan de autonomía para o Sahara


 Mohamed Abdelaziz, clic para aumentar
Interpretacións aparte, as iras de Tinduf diante dos recentes desenvolvementos son un feito. Mohamed Abdelaziz (na foto), líder do Fronte Polisario, non tardou en remitir a Jacques Chirac unha carta de queixa, na que exhortaba a este “a respectar e a obrar pola aplicación da legalidade vixente”. As críticas tamén arreciaron contra España, sobre todo tras coñecerse a firma do acordo para a venda de importantes cantidades de material bélico a Rabat.
 

O 5 de febreiro pasado unha delegación marroquí composta por responsables de Interior e de Exteriores, próximos ó dosier saharauí, chegaban a París para facer participe ó presidente galo e ó seu Executivo do proxecto de autonomía para o Sahara Occidental que Rabat presentará en abril diante do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. O encontro, que contaba coa presenza do home forte de réxime de Mohamed VI, Fouad Alí Al. Himma, o concluía o xefe da diplomacia francesa, Philippe Douste-Blazi, cunha aparición pública na que non dubidou en cualificar a proposición autonomista do Reino Alauí como “seria” e “constructiva”.

A estratexia de lobbying internacional de Marrocos continuou, días máis tarde, co desembarco da mesma delegación ministerial en Madrid. Aquí, tras “escoitar con grande interese as ideas expostas polos dirixentes marroquís”, Miguel Ángel Moratinos destacou “a importancia de restablecer o diálogo entre as partes no marco da ONU para buscar unha solución política definitiva, durable e mutuamente aceptada”. ¿Un xesto de España ás teses marroquís, tal e como se interpreta en Marrocos? “Cando España falta de solución política e diálogo enténdese que non está pola aplicación e imposición da actual lexislación internacional, senón por avanzar cata outro tipo de solución”, asegura un anónimo responsable marroquí de Interior.

Interpretacións aparte, as iras de Tinduf diante dos recentes desenvolvementos son un feito. Mohamed Abdelaziz, líder do Fronte Polisario, non tardou en remitir a Jacques Chirac unha carta de queixa, na que exhortaba a este “a respectar e a obrar pola aplicación da legalidade vixente”. As críticas tamén arreciaron contra España, sobre todo tras coñecerse a firma do acordo para a venda de importantes cantidades de material bélico a Rabat. Coa prensa alxeriana clamando ó escándalo, o colofón o puxo Yeslam Baissat, embaixador da República Árabe Saharauí Democrática en Alxeria, ó declarar, na primeira cadea da radio pública alxerina, que “a nova axenda política española na rexión é unha axenda de guerra”.

Coa perspectiva de que Rabat obteña novos apoios ás súas teses autonomistas para o Sahara Occidental, o clima de axitación promete aumentar nas vindeiras semanas. Haberá que estar atento, durante as xornadas que seguen e tras ter xa pasado por Washington, ás visitas que a delegación ministerial marroquí ten previstas a Londres, Moscova e Pekín, todos eles membros permanentes do Consello de Seguridade da ONU e sobre os que caerá a responsabilidade de dar creto –ou non– e de admitir –ou non– a implementación dunha autonomía saharauí como eventual saída para un conflicto tan enquistado coma este.

A pesares do optimismo que reina en Marrocos, pouco se sabe aínda sobre o contido do proxecto de autonomía elaborado, en medio dun grande secreto, na cociña de Palacio. Algunhas informacións sobre o futuro ente autonómico transcenderon o 9 de febreiro, nun encontro entre responsables de Interior e unha vintena de patróns dos principais medios marroquís. “Sinalóusenos que o proxecto non irá, en ningún caso, ate o federalismo, que se tratará dunha descentralización controlada”, confesa o director dun diario. En canto ás institucións, haberá unha asemblea elixida por sufraxio universal e un Executivo de composición mixta, é dicir, con membros electos e con outros designados directamente polo monarca, á imaxe do propio Goberno central.

Nada se sabe, nembargantes, de cuestións clave tais como cales serán as futuras competenzas, en qué maneira se establecerá a relación cos poderes centrais ou como se financiará a autonomía. Tampouco se coñece se a descentralización se levará a cabo unicamente nas que Marrocos considera como as súas “provincias do sur” ou para todo o Estado, habida conta da expectación existente, por exemplo, no Rif, onde se mantén a aspiración de poder beneficiarse dun estatuto autonómico similar ó saharauí. Por último, tampouco se sabe se os límites autonómicos do Sahara se corresponderán cos do antiga colonia española ou se, polo contrario, tamén se incluirán os territorios situados máis ó norte de Saguia El Hamra e que, aínda que non forman parte do contencioso, tamén son saharauís. Demasiadas dúbidas.

(Versión en catalán de este artículo en www.avui.cat).