20050807venezuela eleccions municipais

Venezuela e a abstención

 Eleccións municipais Venezuela, Consello Nacional Electoral, clic para aumentar
Se ben, tradicionalmente en Venezuela, os comicios municipais reflectían unha elevada abstención (no derradeiro, celebrado no 2000, chegou ao 76%), e a pesar de que, nesta oportunidade e segundo as cifras do Consello Nacional Electoral, ese índice logrouse rebaixar a un 69,7% (o cal quere dicir que votaron 4,3 millóns de cidadáns dos 14,3 millóns de venezuelanos habilitados para exercer o sufraxio), esta realidade amosa sinais preocupantes para a evolución política venezuelana. Non semella convincente a razón esgrimida por algunhas autoridades do CNE de que a elevada abstención é consecuencia de que, coa nova Constitución bolivariana, o voto non é obrigatorio.
 

Existe un síntoma de elevada imprevisibilidade e incomprensión política en Venezuela. Un ano despois do referendo revogatorio onde se rexistrou a máis alta participación electoral da historia republicana do país (76,6%), e que supuxo unha nova vitoria do presidente Hugo Chávez (cun 59% dos votos), outros comicios, nesta ocasión para órganos municipais e xuntas parroquiais, amosaron unha realidade moi distinta. Nesta oportunidade, a abstención chegou a preto do 70%.

Non é baladí falar da importancia da participación electoral e da repercusión política da abstención nun país que camiña cara un novo modelo sociopolítico, inspirado na revolución bolivariana, e que o presidente Chávez denomina "socialismo do século XXI". Que a abstención fora a estrela e o principal motivo de atención duns comicios nun país que vive unha etapa de cambio que debería implicar unha considerable mobilización social e política, amosa que algo está a fallar nunha sociedade que semella esgotada polo debate, as constantes convocatorias electorais e a incesante confrontación política.

Isto incita á preocupación e á reflexión tanto nos simpatizantes do chavismo como da oposición. A abstención dominou o debate electoral previo a uns comicios que, sen dúbida, espertaron pouca atención na poboación venezuelana. A pesar do elevado gasto, a campaña electoral pasou inadvertida e careceu dunha mensaxe convincente para os electores. Algúns deles declararon que non sabían nin a quen votaban nin porque.

Do mesmo xeito, dentro da fracionada e diletante oposición a Chávez, a maioría dos partidos e movementos apostaron pola abstención como arma política contra o "chavismo", na súa pretensión de construír unha posición de "desobediencia civil". Pero tamén desvelaron a súa división interna, porque se manifestaron posicións diverxentes en torno a votar ou non votar.

As acusacións de fraude contra o CNE, reiteradamente esgrimidas desde o referendo do 2004, aglutinan a diversos sectores non só da dirixencia opositora senón da sociedade, o cal contribúe a profundizar no clima de crispación e división.

A autocrítica chavista

Se ben, tradicionalmente en Venezuela, os comicios municipais reflectían unha elevada abstención (no derradeiro, celebrado no 2000, chegou ao 76%), e a pesar de que, nesta oportunidade e segundo as cifras do Consello Nacional Electoral, ese índice logrouse rebaixar a un 69,7% (o cal quere dicir que votaron 4,3 millóns de cidadáns dos 14,3 millóns de venezuelanos habilitados para exercer o sufraxio), esta realidade amosa sinais preocupantes para a evolución política venezuelana.

Non semella convincente a razón esgrimida por algunhas autoridades do CNE de que a elevada abstención é consecuencia de que, coa nova Constitución bolivariana, o voto non é obrigatorio.

Hai un dato importante nun país onde as cifras e as enquisas semellan case unha "verdade absoluta": no Municipio Libertador de Caracas, onde habitan dous de cada tres caraqueños, e constitúe un bastión tradicional do "chavismo", a abstención foi a máis alta de todo o país: 79,4% (CNE dixit).

Quizáis, neste sentido, valga a pena reseñar a reflexión realizada polo dirixente do Comando Político do MVR e director do diario oficialista "Vea", o veterano político izquierdista, Guillermo García Ponce. O argumento de que a abstención foi lixeiramente rebaixada "non debe servir de consuelo ao movemento bolivariano. Enfrontado o noso movemento á agresión imperialista do goberno de Bush, e convocado a construír o socialismo do século XXI, había suficiente motivación para concurrir ás eleccións municipais. Falta espírito de autocrítica na dirixencia chavista".

Segundo Ponce, "os partidos políticos chavistas carecen de profundidade organizativa. Son organizacións de dirixentes e cadros, pero non teñen capacidade de mobilización efectiva". A crítica é lóxica porque non se comprende cómo coa sólida popularidade de Chávez, a normalización do tecido económico e o éxito das misións sociais, o electorado chavista apenas se mobilizou.

O dilema da oposición

Sen embargo, a pesar da alta abstención, os resultados foron claros. A fórmula política do chavismo, o MVR-UVR, obtivo o 80% dos concellos e xuntas parroquiais a nivel nacional. Esta é a décima convocatoria electoral dende que Chávez chegara ao poder en 1999 e, polo tanto, constitúe outra vitoria mais. A súa hexemonía política semella consolidada e avizora vitorias similares nos comicios lexislativos para a Asemblea Nacional en decembro deste ano e as presidenciais, para finais do 2006.

Tan só, nesta ocasión, o seu triunfo viuse lixeiramente empañado polas críticas dun dos seus principais movementos de base, os Tupamaros, quen aduciron que a fórmula electoral chavista prexudicou a varios dos seus candidatos en Petare, un dos municipios con maior base electoral chavista.

Neste sentido, a oposición volveu a caer derrotada políticamente, aínda que moitos dos seus principais dirixentes aduciran (con certa razón) que a elevada abstención leva unha mensaxe clara para o presidente Chávez. Un deles, Gerardo Blyde do partido Primeiro Xustiza, apresurouse a catalogar coma un "mito" a invencibilidade chavista.

A oposición só conseguiu manter a súa hexemonía en alcaldías de dous estados e dous municipios da capital, pero o seu dilema de cómo enfrontar a popularidade de Chávez e presentar un proxecto alternativo, aínda carece de solución.

Paseándose no labirinto

Para demostrar que ninguén estaba realmente pendente destas eleccións, aínda sen ofrecerse os primeiros resultados, outros asuntos coparon a atención do goberno e a opinión pública, neste caso relativos á imaxe e a axenda internacional do chavismo. A ruptura de Chávez coa DEA estadounidense na loita antidrogas, acusándoa de "conspiración contra o goberno bolivariano"; o Congreso Mundial da Mocedade en Caracas, convocado polo chavismo para difundir o "socialismo do século XXI"; e a inmediata xira de Chávez polos países do MERCOSUR, constituíron factores de maior atención que os resultados das municipais e o novo mapa político.

Os resultados deixan outra lectura política non menos preocupante: a percepción dun clima de esgotamento e apatía no electorado, unha realidade inesquivable para o devir da revolución bolivariana e para os partidos de oposición. En realidade, a mensaxe política de chavistas e antichavistas semella ter calado menos do esperado na maioría dunha sociedad civil que agarda outros enfoques. A abstención como unha silenciosa mensaxe de protesta? Poidera ser, e de ser así, agrandaríase un pouco mais o labirinto venezuelano.