Xiro “cartesiano” en Paraguai

A vitoria do empresario Horacio Cartes nas eleccións presidenciais paraguaias celebradas o pasado 21 de abril explica dúas variables enfocadas na polémica transición política acaecida no país suramericano trala remoción do ex mandatario Fernando Lugo en xuño de 2012. Unha primeira ollada implica observar que esta vitoria electoral supón o retorno ao poder do outrora hexemónico e conservador Partido Colorado, plasmando e consolidando ó mesmo tempo un status quo político derivado da polémica caída presidencial de Lugo. Paralelamente, a segunda variable identifica a emerxencia dunha nova elite “reaccionaria” dentro da política latinoamericana, con claras perspectivas orientadas a frear o avance ao poder do progresismo de esquerdas  presentado durante o período electoral 1999-2012.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

A vitoria do empresario Horacio Cartes nas eleccións presidenciais paraguaias celebradas o pasado 21 de abril explica dúas variables enfocadas na polémica transición política acaecida no país suramericano trala remoción do ex mandatario Fernando Lugo en xuño de 2012. Unha primeira ollada implica observar que esta vitoria electoral supón o retorno ao poder do outrora hexemónico e conservador Partido Colorado, plasmando e consolidando ó mesmo tempo un status quo político derivado da polémica caída presidencial de Lugo. Paralelamente, a segunda variable identifica a emerxencia dunha nova elite “reaccionaria” dentro da política latinoamericana, con claras perspectivas orientadas a frear o avance ao poder do progresismo de esquerdas  presentado durante o período electoral 1999-2012.

Debese, por tanto, observar con atención como un resultado electoral nun país aparentemente periférico dentro da política latinoamericana, como é o caso de Paraguai, pode subitamente converterse nunha referencia viable para outros contextos políticos e electorais hemisféricos, en particular ante o ciclo electoral 2013-2016 actualmente en curso na rexión.

Amparado no apoio dun partido histórico como o Colorado, detentor do poder en Paraguai entre 1947 e 2008 cando perdeu as eleccións ante a plataforma de esquerdas liderada por Fernando Lugo, Cartes semella asumir unha nova etapa política nun país polarizado pola polémica remoción do ex presidente Lugo tras un confuso escándalo político en xuño de 2012.

Non obstante, a polarización post-Lugo non exerceu unha directa influencia nas urnas: Cartes gañou co 45,8% dos votos; o seu principal rival, o liberal Efraín Alegre (candidato apoiado polo presidente interino Fernando Franco, quen asestou o golpe parlamentario contra Lugo), alcanzou o 36,9% da votación. Finalmente, a Fronte Guasú apoiada polo ex presidente Lugo, a penas logrou un 9,5% da votación. Por tanto, o novo Congreso paraguaio terá unha abafante hexemonía conservadora, sendo esta“colorada” e liberal, que dificilmente logrará ser revertida ante a división existente na esquerda paraguaia.

Neste sentido, a transición política post-Lugo, en mans do presidente interino Franco, funcionou como mecanismo de conservación dun status quo anteriormente ameazado polas políticas progresistas do removido ex presidente paraguaio que,  curiosamente, logrou alcanzar un escano no Senado a pesar de estar case absolutamente desprazado do centro da atención política paraguaia.

Deste modo, un ata agora outsider da política como Cartes, quen arrastra un vergoñento “background” empresarial como magnate do tabaco implicado en desfalco ao Estado, cárcere por lavado de diñeiro e presunta implicación co narcotráfico, encarna agora as demandas dunha poderosa clase terratenente e das elites burocráticas e económicas tradicionalmente hexemónicas na política paraguaia. Precisamente, o propio Cartes chegou a eloxiar durante a súa campaña electoral a presunta “orde e progreso” existente na prolongada ditadura militar de Alfredo Ströessner (1954-1989), que consolidou precisamente esa hexemonía política “colorada”.

Por tanto, a vitoria “cartesiana” en Paraguai eventualmente gravitaría con notable influencia no contexto rexional, en particular ante a posibilidade de observar un retorno das elites políticas e económicas reaccionarias coas vitorias electorais das esquerdas latinoamericanas no período 1999-2012.

Polémicas aparte, a vitoria de Cartes pode dalgún xeito alentar a conformación de plataformas de centrodereita, sexan de carácter liberal ou conservador, encarnadas en liderados moi probablemente provenientes do sector privado que poden obter relevantes réditos electorais dentro deste novo ciclo electoral na rexión. A curto prazo, especialmente importantes serán os escenarios políticos na polarizada Venezuela post-Chávez, Arxentina, Perú e América Central, entre outros.

Pero o reto principal de Cartes será asentar a reinserción paraguaia no concerto rexional (MERCOSUR, UNASUR, CELAC) trala suspensión temporal acaecida pola polémica remoción parlamentaria do ex presidente Lugo en xuño pasado. Se ben os resultados electorais do pasado 21 de abril lexitimaron ese status quo post-Lugo, Cartes deberá agora necesariamente convencer aos gobernos e organismos rexionais da fortaleza democrática e institucional paraguaia, ó mesmo tempo que debería interpretar o cambio político en América Latina ante os avances electorais da esquerda reformista. Prolongar o súbito illamento paraguaio non será, obviamente, unha opción viable no actual contexto.