Segue o culebrón en Cote d’Ivoire

Nun momento no que a guerra en Iraq é o único tema de conversa, e no que a existencia de máis de 20 conflictos armados parece esquecida, os ivoirenses seguen a sufrir a sen razón. Cando hai meses, máis de medio ano xa, falabamos da revolta que se producía en Cote d’Ivoire non imaxinabamos, a pesares da dinámica de longos conflictos vividos nas excolonias africanas, que aínda hoxe o acordo de paz non se daría alcanzado. Nin o intervencionismo francés nin os intentos dos países próximos produciron os resultados agardados.

O Presidente da veciña Ghana, e tamén actual Presidente da Comunidade Económica dos Estados de África Occidental (CEDEAO), John Kufuor fixo un chamamento ás partes asinantes do Acordo de Paz “Linas Marcoussis”, asinado o pasado 24 de xaneiro. Esta decisión tomouse polos responsables de Defensa dos países da CEDEAO en vista da actitude das partes de non respecto ao acordo de paz.

O armisticio tiña como condición obrigatoria a creación dun goberno de unidade nacional, goberno que foi deseñado polo Primeiro Ministro, Seydou Diarra, e presentado o 28 de febreiro. No seu novo gabinete, 7 dos 30 ministerios correspondían ós rebeldes, entre eles Interior e Defensa.

Sen embargo, segue a haber grandes diverxencias entre os seguidores do presidente de Cote d´Ivoire, Lauren Gbagbo e os líderes rebeldes; de feito, o pasado 13 de marzo ningún dos membros dos grupos rebeldes acudiu á primeira reunión do gabinete.

Por se fose pouco as masacres non cesaron e as partes cúlpanse unhas a outras. Nembargantes a matanza producida na cidade de Bangolo, no oeste do país, introduciu novos condicionantes no conflicto. Trátase da aparición de máis de dous centos de mortos. Esta cidade estaba ocupada polos rebeldes e as víctimas eran residentes musulmáns, asasinados segundo os grupos rebeldes por mercenarios liberianos ó servicio do Presidente.

A suposta implicación de Liberia fixo que se lanzara un ataque dende Cote d´Ivoire a Beam, no país veciño.

Parece novamente que as catástrofes se repiten e prolongan nunha escalada ¿sen sentido? Pode que Oriente Medio sufra agora a insidiosa inxerencia “anglosaxona” pero África tampouco está exenta. ¿Non existirá, tamén aquí, un cara a cara entre Estados Unidos e Europa?