O conflicto entre islamismo e occidente: Orixes

Na actualidade, os informativos amósannos cunha terrible familiaridade a violencia irracional do que algúns medios deron en denominar "ameaza islámica". Esta xeneralización deixa de lado a división do Islam e tamén esquece que Islam e islamismo non son o mesmo. O islam é simplemente unha relixión mentres que o islamismo, tamén coñecido como fundamentalismo ou integrismo é a politización distorsionada e fanática do Islam, chegando á violencia para impor a súa verdade ós infieis. A incomprensión entre Occidente e o mundo musulmán existiu dende as orixes do Islam, atraéndose e repeléndose segundo as circunstancias históricas. Vixíanse e obsérvanse mutuamente, pero non son capaces de entenderse. Occidente teme o terrorismo e o fundamentalismo, pero precisa o petróleo depositado no subsolo dos países islámico. Os islamistas acusan a Occidente de manter unha actitude hostil cara a súa cultura, de respaldar a Israel, a quen consideran intruso na súa terra, así como de protexer réximes corruptos e antidemocráticos que controlan algúns dos seus estados para así manter o control sobre un área xeográfica de gran importancia estratéxica.

Entre as explicacións desta hostilidade, autores coma Carrol Lewis describen o conflicto en termos similares ó "choque de civilizacións" anunciado por Huntington. Para este autor, o odio cara Occidente é resultado dunha reacción dun antigo rival contra a nosa herdanza xudeo-cristiana, o noso presente secular e especialmente a forma na cal Occidente expansiona mundialmente ambos. Ademais, sostén que "o movemento hoxe chamado fundamentalista non é a única tradición islámica. Existen outras, mais tolerantes, mais abertas e podemos esperar que esas outras tradicións prevalezan co tempo. Mentres tanto debemos ter gran coidado para evitar o perigo dunha nova era de guerras relixiosas". Buscar a causa desa "ira musulmana" significa comezar por observar que, mentres no cristianismo dáse unha separación da relixión e a política, no Islam a loita entre o ben e o mal adquiriu cedo dimensións políticas e incluso militares.

As diferencias entre ambos modos de vida e relixións atopámolas incluso nos seus comezos. As orixes do Islam son moi diferentes ás do cristianismo. Dun lado temos unha minoría perseguida dentro dun Estado legal e socialmente organizado -Roma- que evolucionou cara estados con separación de poderes nos que a relixión non esta ligada á política; fronte a isto, o Islam é ademais da relixión, o Estado e a lei que organizou unha sociedade. Mahoma foi un home de Estado que levantou un imperio, o Islam non só organiza e ordena o espiritual e relixioso senón tamén o político, o social e incluso o económico. Por isto a identificación de relixión e poder quedou inscrita indeleblemente na memoria dos musulmáns. O Islam é unha relixión, pero tamén un código de honor, un sistema lexislativo e unha forma de vida.

A humanidade para o islamismo radical divídese en fieis e infieis, ós cales deben levar o Islam. A Cristiandade é así recoñecida ós ollos dos fundamentalistas coma un rival e a pugna entre ambas crenzas xa supera amplamente o milenio. Pero nos últimos trescentos anos o Islam estivo á defensiva. Os avances de Occidente, a invasión de ideas e estilos de vida foráneos e incluso os desafíos dentro da súa sociedade levados por movementos feministas e de xuventudes desacordes cas restriccións na súa vida que impón o modelo de sociedade islámico desatan a ira dos lideres mais radicais que deciden volverse contra o inimigo milenario, orixe do estilo de vida que tanto atrae a unha parte da súa comunidade.

Nembargantes este odio antioccidental e sobre todo antiamericano de moitos musulmáns non se debe exclusivamente a unha etiquetaxe coma inimigos dende os seus lideres; moitos outros factores pasan factura ás relacións entre ambas comunidades como o apoio estadounidense a Israel ou as manobras xa sexan políticas ou militares para poñer e depoñer réximes árabes afins ós seus intereses sen importar a súa corrupción, tiranía ou as violacións contra os dereitos humanos que poidan cometer sobre as súas poboacións Non é só o imperialismo ou a explotación económica. De feito, observamos que a hostilidade cara Estados Unidos é moito maior cá dirixida contra Rusia, que aínda goberna e somete a millóns de musulmáns, chegando a masacralos a diario en Chechenia ante o silencio internacional. A orixe do odio contra Occidente debe buscarse na conxunción de agresións bélicas, intervencionismo e unha "violencia cultural" na que factores coma os grandes cambios sociais, intelectuais e económicos, en particular o consumismo e secularismo, transformaron o mundo islámico e ameazan con derrubalo no marco do mundo globalizado. Os hábitos sociais que tanto atraen á a poboación das nacións islámicas chegaron de Occidente e non de Rusia. Nos países islámicos, o modo de vida occidental baseado no capitalismo, a democracia e secularización é a mais atractiva das alternativas fronte a súa vida tradicional. Os líderes fundamentalistas ven na civilización occidental o maior desafío ó modo de vida que eles desexan reter ou restaurar para o seu pobo e incluso expandir ó resto do mundo.