Turquía: paseniño, cara Europa

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O histórico acordo acadado polo secretario xeral da ONU, Kofi Annan, cos líderes das comunidades turco e grego-chipriotas o pasado xoves 12 en Nova York outorga a Turquía unha privilexiada posición para negocia-la súa futura admisión na Unión Europea; as roldas de negociacións comezarían a partir do próximo mes de decembro. Do mesmo modo, o "plan Annan" abre o camiño para a solución do conflicto na illa de Chipre, que ingresará formalmente na Unión Europea o vindeiro 1º de maio, a través da realización dun referendo o 21 de abril, que signaría o futuro constitucional da illa.

O diferendo sobre Chipre afondou a tradicional ruptura entre Grecia e Turquía e converteuse nun dos máis ásperos obstáculos para as pretensións turcas de ingresar na Unión Europea. As negociacións en torno ó status da illa chipriota, dividida en dúas comunidades, unha turca ó norte (a proclamación da República en 1983 só foi recoñecida por Turquía) e outra grega ó sur (recoñecida internacionalmente, é a que, en primeira instancia, ingresaría na UE en maio), atópanse estancadas dende que en marzo de 2003 o líder turco-chipriota Rauf Denktash, rexeitara o plan de Annan e provocara unha nova crise nas relacións turco-europeas.

De igual maneira, a excesiva presencia militar na illa provoca un balance preocupante que en calquera momento podería facer estoupar un conflicto rexional: Turquía posúe 35.000 soldados ó norte da illa, por 12.000 gregos ó sur e 1,200 efectivos militares da ONU na chamada "liña verde" limítrofe entre ambas comunidades dende 1964.

Pero o actual panorama internacional invitaba ó cambio. O novo goberno islamista e pro-occidental de Recep Tayyip Erdogan en Turquía, a nova configuración da orde política mundial tralo 11/S e a guerra en Iraq, e o feito de que Chipre ingresará na UE en maio próximo, aceleraron os acontecementos que posibilitaron o acordo acadado a pasada semana na sede da ONU, acordo que ben podería pór fin nun futuro próximo ó poder exercido polo octoxenario presidente Denktash, o líder que guiou os destinos turco-chipriotas durante os últimos 40 anos e que veu nas últimas semanas numerosas protestas populares esixindo un achegamento a Europa e unha aceptación do plan de paz. As presións para acepta-lo plan de paz viron igualmente de mans do secretario de Estado Colin Powell, do presidente da Comisión Europea Romano Prodi e do chanceler británico Jack Straw.

O actor principal que manexa os fíos desta trama chámase Recep Tayyip Erdogan, primeiro ministro e líder do partido islamista no poder en Turquía. Erdogan logrou con éxito proxectar unha imaxe de islamista moderado que busca a adhesión turca a Europa, manobrando coa poderosa elite militar turca vén apoiando a Denktash, para convencela das bondades do plan de paz. Ó mesmo tempo, Erdogan busca mellora-la situación dos dereitos humanos en Turquía, en especial cara á comunidade kurda, e de reforza-las reformas económicas que dende Bruxelas lle esixen para inicia-las negociacións de admisión.

Lidiando entre o Islam laico, a opción europea e o peso militar e estratéxico de Turquía e sabedor de que se atopa nunha perigosa encrucillada, Erdogan manobra simultaneamente con EEUU, tradicional aliado turco, e Europa, para posicionar con forza a Turquía no escenario internacional. A visita de Romano Prodi a Ankara en xaneiro pasado serviu para pór en marcha o execútese do plan de paz en Chipre. Posteriormente, Erdogan visitou Washington, onde foi recibido con tódolos honores por George W. Bush. A razón da visita ós EEUU é que Turquía busca concilia-la súa relación co goberno estadounidense tras rexeita-lo envío de efectivos militares turcos ó norte de Iraq, discuti-la situación da comunidade kurda nese país e obter fondos financeiros (especialmente, un novo acordo vantaxoso co FMI) que permitan revitaliza-la economía turca. Outro aspecto ten que ver coa loita contra o terrorismo: Erdogan sabe que Turquía é un obxectivo para o terrorismo internacional tralos atentados de novembro pasado en Istambul, e reforza-la cooperación con Washington é unha prioridade. En poucas palabras, Washington pode ser un camiño seguro cara Bruxelas.

Posibilitar un acordo de paz en Chipre sen dúbida achegará as opcións turcas de negociar con vantaxe a súa eventual adhesión á UE. A decisión está agora nas mans de Bruxelas, que xa fixou data para decembro próximo sobre a posibilidade ou non de que Turquía comece negociacións formais con vistas a unha admisión con data aínda por determinar.

Se ben Chipre é un gran paso, Turquía aínda necesita avanzar noutros aspectos. Dende Bruxelas se critica o excesivo poder dos militares turcos, que se ben son pro-occidentais, veñen obstaculizando a solución de problemas como os dereitos humanos, a situación dos kurdos ou a plena democratización. O peso do Estado é igualmente absorbente na economía e Bruxelas esixe maior liberalización económica nun país que viviu a súa peor crise financeira hai dous anos.

Outro dos obstáculos que se deberán superar corresponde a certos complexos que en Europa se teñen sobre a eventual admisión dun país musulmán na Europa laica e cristiá. Países como Alemaña, Holanda e Francia ven con recelo a admisión turca, xa que a tenor do balance de poder dentro da UE, se Turquía ingresara se convertería dentro duns anos no país con maior poder de decisión debido á súa poboación. Tamén se observa con cautela a posición estratéxica de Turquía, que se ben podería ser aproveitada por Europa para converterse en actor principal en rexións como Medio Oriente, o Cáucaso ou Asia Central, igualmente a acercaría cara rexións conflictivas e complexas.

Todo depende do que decidan en Bruxelas de aquí a final de ano. Erdogan deu un paso histórico importante para a plena admisión turca en Europa, pero a dinámica das relacións na UE determinará se o país euro-asiático será membro pleno nun futuro. No novo escenario internacional, tanto Turquía como a Unión Europea se atopan nunha encrucillada histórica.