200305opium nangahar afghanistan

A guerra do opio


 Clic para aumentar
O cultivo da amapola, prohibido e perseguido polos talibáns ata o punto de reducir a súa producción ata 185 toneladas en 2001, está a piques de recuperar o seu récord de 1990, 4.565 toneladas. O agravamento da situación, afirma Antonio Mara Costa, director da Oficina contra a Droga e o Crime de Nacións Unidas, é moi serio, e a tendencia aínda non se reverteu. Afganistán acapara hoxe o 75% da producción mundial de opio fronte ao 35% de 1995.
 

En Afganistán, a democracia é o opio do pobo. Enténdase, parafraseando a vella frase, pola súa capacidade de allear á sociedade respecto da súa construcción racional, da súa aposta por vertebrar unha existencia minimamente normalizada, que non converta o pluralismo e as liberdades en sinónimo de simple alucinación.

Afganistán non é soamente a última das “democracias” nacidas co cuño recoñecible de Bush senón tamén o primeiro productor de opio do mundo. O cultivo da amapola, prohibido e perseguido polos talibáns ata o punto de reducir a súa producción ata 185 toneladas en 2001, está a piques de recuperar o seu récord de 1990, 4.565 toneladas. O agravamento da situación, afirma Antonio Mara Costa, director da Oficina contra a Droga e o Crime de Nacións Unidas, é moi serio, e a tendencia aínda non se reverteu. Afganistán acapara hoxe o 75% da producción mundial de opio fronte ao 35% de 1995.

De nada serve culpar ao pobre campesiño. As leis do mercado, ese outro paradigma dos novos tempos, determinan que o opio se retribúa 57 veces mellor que o trigo, segunda fonte de renda para o país despois do opio, que representa máis dun tercio do producto interior bruto en Afganistán. Segundo estimacións da ONU, o opio permite vivir directamente a 1,7 millóns de persoas, o 7% dos 24 millóns de habitantes deste país. A maior parte do consumo diríxese cara Europa, estimándose que xera unha cifra de negocio final de 30 mil millóns de dólares.

Acabar con este problema non é doado, pero sen dúbida poderíase facer moito mais. As modernas tecnoloxías estadounidenses que están a ser aplicadas na loita contra as guerrillas que en Afganistán combaten aos invasores, ben poderían contribuír á localización de campos, refinerías e laboratorios, que están ubicados en zonas moi coñecidas. A observación por satélite permite iso e moito mais. Só compre interese efectivo e conciencia respecto da necesidade de combater este problema, que tanto determina a fraxilidade das institucións e vulnera a sacrosanta in-seguridade xeral. De non existir esa vontade, abónase o terreo para aqueles que insinúan complicidades contra-natura entre o goberno de Karzai e as tropas ocupantes co narcotráfico. De darse entre traficantes e talibáns clandestinos, como se asegura con reiteración, por qué non haberían de pisar tamén as alfombras gobernamentais?

Claro que a represión non basta. O estimulo doutros cultivos precisa programas de desenvolvemento rural, educación e incluso formación que soamente poden levarse adiante se hai complicidade internacional. Sen perder de vista que un combate serio deste problema suporía amputar de golpe un tercio da “riqueza” de Afganistán que habería que suplir dalgún xeito.

No acordo de Bonn de 2001 para reconstruír Afganistán, o Reino Unido asumiu as funcións de represión do tráfico de drogas. A política consistiu en destruír campos e indemnizar aos campesiños, e estes reaccionaron abrindo mais campos e mais rapidamente para cobrar mais indemnizacións. As cantidades invertidas nesta loita son ridículas, 150 millóns de dólares, se as comparamos coa cifra de negocio que está xerando o opio. Ou co gastado nesta guerra de nunca acabar.