20050811casa rosada chavez kirchner

Transnational Revolution Chávez Corporation

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Chávez-Kirchner, clic para aumentar
O goberno de Chávez comprou máis de 500 millóns de dólares de títulos arxentinos que vencen no ano 2012. Con Néstor Kirchner ten asinado un paquete doutros 500 millóns de dólares en acordos comerciais que van dende a importación de cabana vacún, selección xenética, ate a reparación de petroleiros. Outros 300 millóns de dólares de débeda ecuatoriana poden pasar, nas próximas semanas, a mans venezolanas.
 

A revolución bolivariana muda as vellas estratexias de mediados do século pasado. Abandona os manuais do foquismo guevarista para a propagación da revolución mundial, a partir dun pequeno foco atrincheirado nas montañas e inserto na poboación rural.

A revolución mundial do século XXI, pensada por Chávez, móvese comodamente no corazón do capitalismo, nada como peixe na auga nas bolsas de valores internacionais, promove transnacionais enerxéticas (Petrosur-Petrocaribe-Petroandina), lánzase ás ondas das redes mediáticas continentais (Telesur), participa en rendíbeis joint ventures empresariais ou constrúe modernas plantas de concreto (cemento) con avanzada tecnoloxía iraniana.

En xaneiro de 2003, durante o prolongado paro empresarial convocado pola oposición, as esgotadas reservas internacionais de Venezuela chegaron a un mínimo de 13.900 millóns de dólares. Agora, as arcas do estado rebordan polos ingresos petroleiros que fornecen máis do 80% das reservas do país; reservas que non deixan de medrar ata situarse, a día de hoxe, nos 30.862 millóns de dólares.

Nos albores no século XXI , o intenso pulso ao imperialismo e ao neoliberalismo líbrase coas armas do máis puro capitalismo, para marcar un rumbo certo cara o socialismo. Xa non so é un desafío retórico dialéctico dun presidente fanfarrón. As hormonas que musculan a robustez internacional do corpo diplomático bolivariano veñen subministradas pola sobredose de reservas internacionais que enchen as caixas fortes do Banco Central de Venezuela, polo vigor dunha economía nacional con medres espectaculares no último bienio e pola crecente eficacia do Seniat (Facenda) que tradicionalmente era ignorado polos contribuíntes.

A lista da transnacionalización financeira da revolución bolivariana é interminábel:

Venezuela posúe o 70% das accións e soporta maioritariamente o custe de Telesur. Sacrificou ao seu ministro de información, Andrés Izarra, para colocalo na cúspide do organigrama do precario canal suramericano, coa pretendida ilusión de ser a alternativa á CNN en español.

Segundo anunciou o presidente Hugo Chávez, África será o destino dunha doazón de 3 millóns de dólares para as nacións afectadas pola seca debido á mingua no Canle do Río Níxer.

O goberno de Chávez comprou máis de 500 millóns de dólares de títulos arxentinos que vencen no ano 2012. Con Néstor Kirchner ten asinado un paquete doutros 500 millóns de dólares en acordos comerciais que van dende a importación de cabana vacún, selección xenética, ate a reparación de petroleiros. Outros 300 millóns de dólares de débeda ecuatoriana poden pasar, nas próximas semanas, a mans venezolanas.

No marco dos acordos de San José, Venezuela exporta a Cuba 53.000 barrís diarios en condicións preferenciais. Co caimán do Caribe, con quen se baila en solitario a melodía do Alba, alternativa ao Alca, cofinanciarase un proxecto de reconstrución e modernización das redes eléctricas da cidade da Habana. Ou, tamén, vai crear unha empresa binacional dedicada á reciclaxe e recuperación de ferro e aceiro.

Negocia cos países máis poderosos da área Arxentina e Brasil, a consolidación dunha potente petroleira transnacional rexional, Petrosur.

Promove a constitución de Petrocaribe que na Declaración de Panamá do pasado mes de xullo recibiu as bendicións da Asociación de Estados do Caribe: "O obxectivo fundamental de Petrocaribe é contribuír á seguridade enerxética, ao desenvolvemento socioeconómico e á integración dos países do Caribe, mediante o emprego de recursos enerxéticos…", rezaba a declaración conxunta final.

Hai menos dun mes, Chávez, aproveitando a súa presidencia na CAN (Comunidade Andina de Nacións) lanzaba a Petroandina en Lima. Era o broche ideado para pechar o anel enerxético que contribúa á integración latinoamericana. Para engraxar a maquinaria que facilite a fabricación de Petroandina, o amigo venezolano propuxo a creación dun fondo social ao que Caracas comprométese a contribuír anualmente con 50 millóns de dólares.

Con Uruguai estase a traballar, entre outros temas, nunha repleta axenda económica, e na asociación estratéxica das dúas únicas liñas aéreas públicas do continente Conviasa e Pluna.

Por outra banda, China pasou a converterse no socio predilecto de Pdvsa (Petróleos de Venezuela Sociedade Anónima), será partenaire en proxectos de fabricación de petróleo sintético ou na refinación do cru superpesado faixa do Orinoco, na explotación de pozos de gas, na utilización do espacio aéreo, no desenvolvemento do feble sector agrícola.

Irán participa na construcción dunha macropranta estatal de producción de cemento no país caribeño, que competirá co dominante sector privado venezolano.

A lista de acordos comercias con vocación política: autónoma, integradora rexional ou de contido ideolóxico, continúa a engrosarse cada día. Nos próximos meses veremos movementos de grande calado político para tratar de crebar a solidez deste alternativo mapa xeopolítico que se está construír rumbo ao socialismo, de base instrumental financeiro capitalista.

Sirvan tres apuntes para calibrar os ventos que comezan a soprar a contrapelo da revolución socialista valéndose de instrumentos hipercapitalistas. O goberno Bush exerceu fortes presións para que o TLC con Centroamérica fose aprobado na Cámara de Representantes o recente 27 de xullo, para por un contrapeso na crecente influencia venezolana na zona.

Nunha carta persoal dirixida ao presidente de Ecuador, Alfredo Palacio, o día 3 de agosto, o fulminantemente destituído Ministro de Economía, Rafael Correa, aseveraba que fora apartado do Ministerio debido a presións internacionais (léase EEUU) por ter xestionado relevantes plans económicos con Venezuela, país ao que o ex-ministro cualifica de irmán, como: compra de débeda ecuatoriana por valor de 300 millóns de dólares, proxectos de refinación en solo venezolano, ou de comercialización conxunta de gas natural.

O 2 de agosto renunciaba o presidente de Petroecuador, Carlos Pareja, logo de pedir a fin do contrato coa petroleira estadounidense Petroleum Corp, e mostrarse favorable ás alianzas con PDVSA.

O pulso vai continuar, e son moitos grupos de presión norteamericanos que tremen pensando que o ano próximo, pódese unir ao club do socialismo transnacional, México, coa probable chegada á Presidencia de López Obrador.