20081216 sauipe raul catro e lula da silva

Unha cita continental

 Raúl Castro e Luiz Inácio Lula da Silva; clic para aumentar
Ademais dos asuntos económicos, inevitables no tempo presente, a axenda política estivo marcada pola presenza de Raúl Castro e a decisión de reintegrar a Cuba na familia sudamericana, nomeadamente a través da súa participación no Grupo de Río. A disposición de Lula a facilitar esa volta a unha América que se dispón a celebrar o bicentenario das súas independencias, é toda unha mensaxe para Obama, reforzada polos apelos de Raúl Castro a un diálogo directo e incondicional, configurando unha oportunidade histórica que ogallá non caia en saco roto. [Foto: Raúl Castro (esquerda) e Luiz Inácio Lula da Silva en Sauipe, Brasil, o 16 de decembro de 2008].
 

O mega-cumio celebrado en Brasil a pasada semana vestiu de gala o novo ambiente continental reinante ao sur do río Grande coa firme vontade de afirmar a súa singularidade e debater un futuro común. MERCOSUR, Grupo de Río, Unasur, Caricom, ALBA, SICA, etc, siglas e presidentes, ata 34, todos reunidos en diferentes formatos baixo a preocupación común de tender pontes e fomentar a solidariedade rexional, que, pese ás vontades dos uns e dos outros, segue a rexistrar tropezos e avanzando con dificultades, claramente reflectidas nas poucas decisións de calado adoptadas, a pesar da gravidade da crise financeira mundial e dos seus impactos na zona.

Ademais dos asuntos económicos, inevitables no tempo presente, a axenda política estivo marcada pola presenza de Raúl Castro e a decisión de reintegrar a Cuba na familia sudamericana, nomeadamente a través da súa participación no Grupo de Río. A disposición de Lula a facilitar esa volta a unha América que se dispón a celebrar o bicentenario das súas independencias, é toda unha mensaxe para Obama, reforzada polos apelos de Raúl Castro a un diálogo directo e incondicional, configurando unha oportunidade histórica que ogallá non caia en saco roto. Todos deberán poñer algo da súa parte para que as primeiras consultas abran paso a unha normalización progresiva e irreversible das relacións, pese aos altibaixos que poida experimentar, que non serán poucos.

Segundo a CEPAL, a comisión económica de Nacións Unidas para a rexión, en América Latina hai 182 millóns de pobres, dos que 71 millóns rozan a indixencia. Esa situación esixe respostas precisas de líderes políticos tradicionalmente comprometidos co social, comezando polo propio Lula, consciente da capacidade de Brasil para impulsar os proxectos integracionistas. A superación dos desafíos da integración rexional require a asunción dunha vocación latinoamericana e caribeña, dixo Lula, por parte dos países deste bloque. A unidade rexional é clave para abordar os seus problemas sen a presenza dos veciños do Norte, tirando proveito do maior nivel de crecemento do PIB por habitante no último lustro dende os anos 70 para promover a cooperación económica e o diálogo político nesta área xeopolítica. Do contrario, ese impulso acabará por estragarse.