20090207 caracas chavez campanha polo si

A elección de Venezuela

 Campaña polo SI de Chávez; clic para aumentar
Nas últimas semanas, Chávez foi erosionando a vantaxe inicial do NON cunha fortísima campaña e cesións intelixentes como a ampliación das posibilidades de reelección a gobernadores, alcaldes e deputados ou a presentación da iniciativa como un dereito da cidadanía (e non só do presidente) a elixir a quen considere oportuno cantas veces queira. [Foto: Chávez fai campaña polo "Si" no barrio do Petare, en Caracas, o 7 de febreiro de 2009].
 

O referendo que hoxe celebra Venezuela é dunha importancia capital. A oposición rexeita a emenda á Constitución de 1999 promovida por Chávez porque é consciente do difícil que resulta competir cun presidente que controla os principais resortes do poder e que goza dun amplo apoio popular aínda despois do transcurso dunha década da súa chegada ao Palacio de Miraflores. Os chavistas tamén saben que sen o seu carismático e controvertido líder, o proceso bolivariano pode esvaerse e por iso non queren prescindir do liderado de Chávez como presidente. Por outra banda, o resultado do referendo, nun sentido ou noutro, vai ter consecuencias importantes con respecto á viabilidade inmediata de procesos similares en curso na rexión.

Unha derrota de Chávez obrigaríalle a buscar urxentemente un herdeiro capaz de disputar con éxito os comicios de 2012. É unha elección difícil tanto pola complexidade natural de atopar un sucesor viable e con posibilidades como polo crecente despertar dunha oposición, moi fragmentada aínda pero motivada e mobilizada en extremo con múltiples apoios e solidamente decantada. Nas últimas semanas, Chávez foi erosionando a vantaxe inicial do NON cunha fortísima campaña e cesións intelixentes como a ampliación das posibilidades de reelección a gobernadores, alcaldes e deputados ou a presentación da iniciativa como un dereito da cidadanía (e non só do presidente) a elixir a quen considere oportuno cantas veces queira.

Co apertado resultado que aventuran as enquisas, a clave pode residir no voto oculto, unha incógnita na que centra as esperanzas unha oposición que tamén comprendeu o carácter decisivo deste plebiscito. A vitoria de Chávez conlevará unha probable radicalización do proceso político co propósito de asegurar a súa plena irreversibilidade, un empeño que paradoxalmente podería frustrarse tanto pola cuestionada racionalidade dalgunhas políticas como pola excesiva dependencia do proxecto da súa propia e discutida figura.