20090402 g20 london barack obama e dimitri medvedev

A feira dos cumios

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Barack Obama e Dmtri Medvedev; clic para aumentar
O cumio Obama-Medvedev definirá unha nova etapa nas relacións entre Rusia e EEUU, especialmente sobre temas vitais para a seguridade global como a ampliación da OTAN, o equilibrio nuclear, o escudo antimísiles estadounidense, a crise económica global e escenarios específicos de confrontación como Afganistán, Cosova, Irán e o espazo euroasiático.
 

O comezo da primavera anuncia a proliferación dunha serie de cumios multilaterais, síntoma latente da dinámica de cambios, aínda prematuros, que están xurdindo no escenario internacional. A temática destes cumios ven sendo diversa: Afganistán, crise económica, América Latina e mundo árabe, Rusia e EEUU…

A total atención mundial está concentrada no Cumio do G-20 do 2 de abril, onde os países máis importantes da economía mundial, detentores de máis do 80% do PIB global, achegáronse a Londres repletos de contradicións e perspectivas diferentes sobre as solucións da crise económica mundial.

A estrela de Obama

En medio de anuncios sobre medidas de regulación e cooperación multilateral para "reformar" o sistema financeiro mundial, a estrela do cumio do G-20 reflíctese directamente na figura do presidente estadounidense Barack Obama, quen iniciou a súa primeira e estratéxica xira europea. Unha xira cuxo momento clave será o encontro que manterá en Londres co seu homólogo ruso Dmtri Medvedev.

O cumio Obama-Medvedev definirá unha nova etapa nas relacións entre Rusia e EEUU, especialmente sobre temas vitais para a seguridade global como a ampliación da OTAN, o equilibrio nuclear, o escudo antimísiles estadounidense, a crise económica global e escenarios específicos de confrontación como Afganistán, Cosova, Irán e o espazo euroasiático.

Obama achegouse a Londres cunha axenda exterior de claro carácter xeopolítico e un ambicioso plan de rescate da súa economía, que aínda agarda unha dura batalla lexislativa. Dous días antes, o 31 de marzo, celebrouse na Haia a Conferencia Multilateral sobre Afganistán, definida baixo unha nova estratexia de cooperación deseñada por Obama e que inclúe unha variable de sumo interese e importancia: a presenza de Irán como actor de estabilización e cooperación.

No marco desta xira europea de Obama cobran importancia co Cumio da OTAN en Alemaña e o Cumio UE-EEUU en Praga. Finalmente, o presidente estadounidense pechará a súa xira en Turquía, nun encontro de alto nivel estratéxico para Washington.

Un eixe árabe-latino

Con menos impacto mediático tivo lugar en Doha (Qatar) o II Cumio entre América do Sur e Países Árabes (ASPA), celebrado o mesmo día da conferencia internacional sobre Afganistán. O cumio ASPA reúne importantes organismos de integración como MERCOSUR e o Consello de Cooperación do Golfo Pérsico.

Alén do interese informativo que supuxo a defensa realizada polo presidente venezolano Hugo Chávez ao seu similar sudanés Omar Hassan al Bashir, ante a orde de captura decretada polo Tribunal Penal Internacional, esta segunda edición do Cumio ASPA consolida un marco de integración Sur-Sur que busca mecanismos de definición destinados a concretar un sistema internacional multipolar e multilateral.

Progresismo nas Américas

A riada de cumios de alto nivel continuará o próximo 17 e 19 de abril en Trinidad e Tobago, sede do V Cumio das Américas, que contará de novo con Obama como máxima atracción. Así, está por determinar se en Trinidad poderá clarificarse a visión do novo goberno estadounidense con respecto a América Latina.

Con Brasil e México como claras prioridades no contexto latinoamericano, Obama deberá afrontar neste cumio determinados retos definidos pola visión hemisférica de Chávez e a necesidade de afrontar o futuro de Cuba, así como a tendencia de integración rexional e os desafíos para a rexión formulados pola crise económica global.

O pasado 29 de marzo celebrouse en Viña del Mar un encontro "progresista" organizado pola presidenta chilena Michelle Bachelet, e que reuniu ao primeiro ministro británico Gordon Brown, ao vicepresidente estadounidense Joseph Biden e aos presidentes Lula da Silva, Tabaré Vázquez e Zapatero, entre outros convidados.

Todos estes cumios traducen unha dinámica de movementos que están confeccionando cambios tectónicos no sistema internacional. Por riba das crises, a multipolaridade busca impoñerse como elemento diplomático clave.