20090116 avonmouth docks coches sen vender 03

A crise en Europa

 Stock de coches sen vender nunha factoría inglesa; clic para aumentar
Stock de coches sen vender nunha factoría inglesa; clic para aumentar
A presión do emprego e a inestabilidade política que suxire multiplica as axudas estatais a sectores en crise, dende o automobilístico ao enerxético. [Fotos: Centos e centos de coches almacenados polo colapso das ventas nunha factoría na localidade inglesa de Avonmouth, a mediados de xaneiro de 2009].
 

A reacción de Europa ante a crise invita certamente ao pesimismo. A presidencia checa está practicamente ausente. As medidas que os integrantes da Unión veñen adoptando nos últimos meses para reactivar a economía a penas logran amortecer os severos impactos. A falla de coordinación dos plans de estímulo convida á renacionalización dalgunhas políticas básicas e ao proteccionismo. A lentitude e a falta de ideas e vontade auguran un novo fracaso do cumio de primavera da UE. O caos reinante despois de tantos anos de invocar a integración e a cooperación non deixa de medrar mentres cada país segue actuando, no esencial, pola súa conta.

As previsións máis recentes indican unha contracción das economías da zona euro arredor do 2% como media nun contexto de avance incontrolable do desemprego. As discrepancias arredor do nivel de ampliación do gasto público, da diminución de impostos e outros instrumentos fiscais expansivos para reactivar a economía, complican a posible coordinación. A presión do emprego e a inestabilidade política que suxire multiplica as axudas estatais a sectores en crise, dende o automobilístico ao enerxético. Sen posibilidades reais de animar a demanda interna e sen perspectivas de mellora nos mercados externos, a UE afronta un momento especialmente delicado. Ata a credibilidade e futuro da divisa europea está en entredito ante a activación das tendencias centrifugas, especialmente no social, as diferencias de competitividade e a falta de converxencia das políticas financeiras, o que conleva fortes tensións intracomunitarias.

Sabiamos das feblezas da Europa política, tanto no eido interno como no exterior. E con optimismo valorábamos o acadado no eido económico, con todas as súas pegas, como un primeiro chanzo para facilitar unha integración máis global e acaída. Pero esta crise, que presenta oportunidades certamente para renovar os vínculos transatlánticos sobre outras bases, ou imaxinar un papel político máis destacado no global, sitúa contra as cordas o espazo económico común, cunha potencialidade destrutiva de tal calado que, de persistir a desaceleración mundial por moito tempo, enfronta o proxecto comunitario a un futuro especialmente incerto.