20090310 santiago chile reunion unasur grupo

O UNASUR de Lula

 Michelle Bachelet (c) xunto aos ministros de Defensa do UNASUR; clic para aumentar
Nunha xuntanza celebrada recentemente en Chile, a primeira aposta consistiu en asentar un mecanismo de diálogo e concertación política no área militar que debe permitir superar as diferenzas en materia de gasto militar e coordinar as políticas de seguridade externa. Ata agora, os países da rexión negociaban bilateralmente entre si os temas de defensa, sempre mediatizados pola forte influencia de EEUU. Agora, os asuntos militares abordaranse de xeito multilateral. [Foto: Michelle Bachelet, presidenta de Chile (centro), xunto aos ministros de Defensa do UNASUR, nunha foto de grupo no Palacio da Moneda, en Santiago de Chile o 10 de marzo de 2009].
 

A creación do UNASUR (Unión de Nacións Sudamericanas), unha iniciativa de Lula, desencadeouse inicialmente como resposta ao conflito que hai un ano enfrontou a Colombia con Ecuador e Venezuela pola decisión de Bogotá de atacar un campamento das FARC en territorio ecuatoriano. O camiño da integración en materia de defensa xurdiu entón como unha necesidade para fomentar a confianza mutua no militar entre os países sudamericanos. Cabe pensar, por iso, que UNASUR non será unha alianza militar clásica nin tratará de semellarse á OTAN. A súa principal valía radica en constituírse como plataforma para coordinar as estratexias de defensa dos países do Cono sur americano, alentando a cooperación entre si e consolidando unha estrutura básica para defender a soberanía e a paz rexional.

Por onde empezar? Nunha xuntanza celebrada recentemente en Chile, a primeira aposta consistiu en asentar un mecanismo de diálogo e concertación política no área militar que debe permitir superar as diferenzas en materia de gasto militar e coordinar as políticas de seguridade externa. Ata agora, os países da rexión negociaban bilateralmente entre si os temas de defensa, sempre mediatizados pola forte influencia de EEUU. Agora, os asuntos militares abordaranse de xeito multilateral.

As disputas territoriais e os intereses dos grandes imperios sempre condicionaron os diversos enfrontamentos da historia recente latinoamericana. Os roces e tensións, como se comprobou recentemente, non están fóra de axenda e non sería de estrañar tampouco a aparición de novos conflitos armados. UNASUR establece un marco para resolver esas confrontacións pola vía do diálogo e da integración. E cun valor engadido substancial: van a poder facelo sen a presenza dos enviados de Washington, o cal representa un cambio de significación certamente histórico.

UNASUR abre, sen dúbida, unha nova etapa que afastará as posibilidades de conflito aberto en América do Sur e reforzará as posibilidades de cooperación nun eido básico como o militar (dende as misións humanitarias ata a industria de armamento ou as operacións de paz). Ogallá que esta cooperación avance e que os fortes sinais de unidade e as positivas expectativas que transmite poidan consolidarse plenamente, evitando que se transforme nunha sigla máis de tantas que invocando a integración tristemente pasaron a mellor vida ou ficaron como meras expresións de impotencia.