Mofa e provocación

Durante a xa distante paréntese londinense, un dos argumentos máis esgrimidos polos partidarios progresistas da non extradición a España de Augusto Pinochet estaba relacionado coa necesidade de non interferir na transición chilena, de deixar ós propios cidadáns deste país resolver á súa maneira os problemas pendentes, incluído o axuste de contas co pasado inmediato. Paradoxalmente, mes a mes, a realidade viña a confirmar a tese contraria: o forzado exilio do dictador favorecía a construcción en calma dunha sociedade democrática, dun futuro distinto para a sociedade chilena sen o agobiante peso daquela sombra, en resumidas contas, sen a permanente intriga do que dirá o xeneral. De regreso ó seu país, as feridas volven a abrirse, as fráxiles paces construídas pouco a pouco están de novo na picota e unha gran incógnita circunda o esforzo reconciliador.

Se, como parece, houbo pacto entre bastidores para facilitar o seu regreso a Chile, hai cousas que non quedaron atadas ou foron rapidamente desatadas polo mesmo xeneral sen palabra que en 1973, días antes daquel sanguento golpe militar, expresaba a súa fidelidade a Salvador Allende. O epicentro da discusión trasládase ás grandes alamedas de Santiago que cantaba Víctor Jara. Está por ver aínda como evoluciona nos próximos meses o tira e afrouxa que agora principia. Á vista desa exhibición provocadora dos seus compañeiros de armas, o compromiso do Presidente Lagos de facilitar o procesamento do xeneral está en entredito. A mensaxe da cúpula castrense á clase política difícilmente podería revestir maior contundencia. O pulso entre o poder civil e militar regresa ó futuro dese Chile que, moi ó seu pesar, deberá aínda dar moitas voltas ó seu pasado recente. Agora mesmo, é difícil saber en que punto exacto se atopa a transición chilena.

En calquer caso, á vista do estado de saúde do xeneral, sen máis achaques aparentes que os comúns da súa idade, o Sr Jack Straw, ministro británico do Interior, cuestionado primeiro, no exterior e internamente, legal e políticamente, polo sentido da súa decisión, e ridiculizado agora pola donairosa camiñata de Pinochet no aeroporto de Santiago, non debería demorar a súa demisión.