Votos para a concordia

A consolidación do proceso de paz en Camboia presenta varias hipotecas. En primeiro lugar, trátase dun país económicamente arruinado, totalmente desfeito e empobrecido, onde as tareas agrícolas dos seus habitantes (nove de cada dez viven no campo) son imposibles de efectuar pola elevadísima densidade de minas antipersoais que habitan os arrozais. En segundo lugar, o plan de paz da ONU, globalmente exitoso, non culminou sen embargo o pleno desarme das diferentes faccións. En maior ou menor medida, todas están en condicións de reproducir os enfrontamentos armados que se viñeron producindo ó longo destes anos. En terceiro lugar, a fraxilidade das institucións e a inhabilitación de espacios suficientes para o consenso producto da inexistencia dunha vontade política xenerosa e suceptible de transformar a necesidade en virtude. Por último, pero non por iso menos importante, a incompatibilidade persoal entre os principais líderes do país, Hun Sen e o príncipe Norodom Ranaridh, que aspiran ó control absoluto e non compartido do poder.

Pero se algo demostrou a evolución posterior á asonada de hai un ano é que sen reconciliación non hai futuro para Camboia. Pese ó exito das súas manobras militares e políticas, Hun Sen, apoiado por Vietnam e a China, non conseguiu estabilizar un país esgotado por unha das maiores traxedias producidas neste século. Pola súa banda, as intrigas do príncipe Ranaridh procurando unha alianza cos restos das forzas de Pol Pot para reducir a influencia dos seus principais rivais, ademáis de extremadamente perigosas soamente poden desacreditalo ante a comunidade internacional e os propios camboianos. Por iso, destas eleccións soamente poden sair gañadores a paz e a concordia. Con independencia dos resultados concretos, os principais líderes e partidos deberán por forza de entenderse se realmente desexan un mínimo futuro para o seu país deixando atrás a incerteza dun novo conflicto civil.