alvaro-xose-lopez-mira

López Mira, Álvaro Xosé

Álvaro López Mira é doutor en Dereito Constitucional e licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía, na actualidade exerce a docencia como Profesor Titular de Ciencia Política e da Administración no campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Escribiu distintos ensaios e monografías como “O nacionalismo galego e o futuro do nacionalismo”, “Territorio e democracia”. “Un modelo de participación democrática para Galicia, nacionalidade histórica”, “A Galicia irredenta”, “Un modelo de organización territorial para Galicia”, “Portugal: a rexionalización imposible”, “Galicia e Portugal: A fronteira esvaída”, “O futuro modelo territorial do Estado” (coord.), “Europa, Europa” (coord.), “O terceiro Estatuto Galego”. Ten publicado preto de trinta capítulos de libro e ducias de artigos de investigación en revistas científicas galegas, españolas e de diversos países de Europa e América.

O singular fincapé da súa investigación en materias relacionadas con Galicia é un reflexo do seu compromiso social e do seu ideario, ao igual que a súa participación en diferentes espazos de construción da sociedade civil e da identidade galegas, por exemplo como fundador e membro da Xunta Reitora da Fundación Alexandre Bóveda e tamén da Fundación Castelao e do IGADI, entre outras asociacións. Redactor das Bases do Foro do Novo Estatuto, membro da Comisión Técnica de Dereito Galego no Consello da Cultura Galega, colaborador de revistas de pensamento e debate como Grial, Análise Empresarial, Tempos Novos ouTempo exterior, onde fai parte do seu Consello de Redacción.