O futuro da reforma chinesa

Despois da admisión da China no seo da Organización Mundial do Comercio, en decembro de 2001, os empresarios non estatais do xigante asiático confían en que o XVI Congreso do Partido Comunista, próximo a celebrarse, será fonte de boas noticias. Se examinamos as modificacións introducidas na Constitución nos anos 1982, 1988 e 1999, se constata que o goberno chinés viu ofrecendo un apoio legal e político crecente á economía non estatal, tanto colectiva ou social como privada. Nos últimos 20 anos, a contribución da economía non estatal ao PIB chinés pasou de menos do 1 por cento ao 43 por cento, convertíndose no elemento de maior vitalidade e dinamismo, en especial aquela vencellada ao aparello burocrático. Pero a China aínda non tomou unha decisión definitiva respecto desa crucial elección entre economía planificada e economía de mercado, combinando ambas as dúas nun marco de equilibrios non sempre doados.

Segundo sinala Craig S. Smith en The New York Times, case cen millóns de chineses dispoñen hoxe dunha renda neta anual superior aos 3000 dólares e entre 5 e 6 millóns contan cuns aforros individuais superiores aos 100 mil dólares. En paralelo, con rendas á baixa, a situación de 350 millóns de campesinos se agrava, e outros 20 millóns de desempregados contemplan con estupor aos 150 millóns con emprego en precario. ¿Estará o mercado en condicións de amortiguar o impacto social dun proceso de reforma tan acusado ou pola contra extremará as diferencias territoriais e as desigualdades sociais?

Os documentos e discusións que preceden ao XVI Congreso do Partido Comunista alentan novas estratexias de impulso do proceso de modernización chinés que poderían dar comezo ao alonxamento do denguismo, é dicir, a esa filigrana de combinación entre mercado e socialismo, non tanto para afondar na democratización do sistema político como para reforzar a autoridade do Partido atraguendo ás súas filas a un empresariado que obtería a cambio maiores facilidades para desenvolver os seus proxectos.

As relacións entre o Partido e os empresarios na China da reforma foi un dos temas máis debatidos na última década. A decisión final respecto á admisión no seu seo é simbólica, pois moitos membros do Partido eran xa millonarios, pero outros xurdiron na periferia do Estado-Paertido, como consecuencia do proceso de modernización e aínda que favorecidos polas dinámicas impulsadas e polo mesmo eternamente agradecidos, os dirixentes chineses nunca as teñen todas consigo e sempre abrigan o temor do desafío ao poder. Fagocitando unha vez máis o habido e por haber, e ubicando aos empresarios privados nas chamadas forzas avanzadas da producción, a doctrina das tres representacións ““xunto á cultura e as grandes masas”“ argumentou teóricamente a extensión do manto partidario aos novos ricos.

Nese marco xeral, o XVI Congreso, que sancionará as aportacións de Jiang Zemin como mostra de agradecemento ante a súa inevitable xubilación, pode representar o inicio do vaciamento de significado dos catro principios irrenunciables enunciados por Deng Xiaoping para evitar a deriva capitalista dun proceso de reforma que fundamentalmente aspiraba a proporcionar maior benestar e poder ao milenario Imperio do Centro e ao seu peculiar mundo de habitantes, sen se prantexar por iso o cambio de sistema político.