Este artigo foi Prólogo da publicación especial do IGADI "Ano Castelao: Río da Prata, Quilómetro Cero" (xaneiro 2026). Podes conseguir un exemplar físico participando no concurso do Maratón de Galeguidades 2026.
2025, Ano Castelao: Río da Prata, quilómetro cero

Como conectar a Galicia territorial e a Galicia exterior?

Rastrexando a historia do IGADI (1991-2025) obsérvase con claridade a identificación da emigración e da diáspora galega como unha dimensión esencial para pensar e crear unha política exterior galega con toda a súa potencialidade. Máis alá dos centenares de artigos arredor da cuestión nas nosas distintas publicacións, destacan iniciativas históricas, como os Foros Bilaterais (1997-2005) ou o Maratón de Galeguidades (2024-2025).
Liñas de investigación Paradiplomacy Diáspora Observatory
Apartados xeográficos Foreign action of Galicia

No ano 2022 decidimos canalizar toda esa tradición do IGADI coas diásporas, na definición do Observatorio das Diásporas, como parte das nosas liñas de análise e investigación explícitas. Cómpre apuntar, que máis alá do peso histórico da emigración galega ou a relevancia da nosa diáspora para a nosa paradiplomacia, as migracións, son hoxe, parte nuclear do novo mundo no que estamos a 2025.

Neste sentido, a experiencia histórica galega é unha ferramenta cualificada para pensar as migracións globais no 2025 e o futuro que vén, onde todos os indicadores apuntan a unha maior relevancia das mesma na configuración das sociedades europeas, até a propia realidade galega, onde novas galegas e galegos redefinen xa hoxe as contornas da idea mesma da galeguidade.

En todas estas historias do pasado, do presente e do futuro, a figura de Castelao é de facto un guieiro para interpretalas. Dunha banda, en termos xerais, a súa obra e biografía é parte esencial do significado estatutario da nacionalidade histórica e da identidade galega contemporánea. Doutra banda, a súa experiencia no exilio e o seu impacto nas comunidades galegas da diáspora, fan del un persoeiro específico das migracións e a diáspora galega, tamén pola propia lectura universalista do seu nacionalismo e galeguismo, integrador e antirracista.

Así as cousas, a publicación especial que tes entre as mans, coordenada por Paula Sabajanes desde a máxima xenerosidade, é un produto moi significado do Observatorio das Diáspora, xa que Castelao é unha referencia obrigada para pensarmos -Como conectar HOXE a Galicia territorial e a Galicia exterior? Porque conectarnos fai a Galicia máis competitiva, porque conectarnos é parte imprescindible dunha política exterior galega que multiplique o noso modelo de desenvolvemento, na economía, a cultura ou o coñecemento.

Oxalá o percurso do Ano Castelao que agora remata estimule novas formas de pensar a relación de Galicia coa súa diáspora, superando o ritual e as imaxes fosilizadas, aproveitando a revolución dixital e o capital relacional global que temos como país. Mentres que agardamos por unha política exterior galega recoñecible, seguimos a sementar camiños que podan inspirar ese momento.

Cómpreme só agradecer en nome do IGADI, a Paula e a todas as persoas e entidades que colaboraron co noso Especial do Ano Castelao, polo seu compromiso para sermos nós no mundo. Moitas grazas e moi feliz 2026!

Podes descarregar online a publicación desde esta ligazón.

Podes ver o Especial Ano Castelao da IGADI TV.

Participa no concurso do Maratón de Galeguidades 2026 e consegue un exemplar físico.