BRICS

Xiamen, na China, acolleu o cumio da primeira década dos BRICS, un foro que pretende ser o xermolo dun Sur Global con capacidade para tratar de igual a igual co Norte Global que hoxe domina as principais institucións internacionais. O encontro tratou de transmitir a mensaxe de plena vixencia daquel compromiso que lle dera vida, a modificación da orde mundial para outorgar maior voz e peso aos países menos desenvolvidos tanto en termos de representación como de poder de decisión.

Liñas de investigación Relaciones Internacionales
Apartados xeográficos China y el mundo chino
Idiomas Galego

Xiamen, na China, acolleu o cumio da primeira década dos BRICS, un foro que pretende ser o xermolo dun Sur Global con capacidade para tratar de igual a igual co Norte Global que hoxe domina as principais institucións internacionais. O encontro tratou de transmitir a mensaxe de plena vixencia daquel compromiso que lle dera vida, a modificación da orde mundial para outorgar maior voz e peso aos países menos desenvolvidos tanto en termos de representación como de poder de decisión.

Ao escepticismo habitual que rodea estes encontros e os seus enunciados de boas intencións sumouse nesta ocasión o grave enfrontamento entre India e China nos cumes do Himalaia. A retirada nos días previos das tropas indias que se adentraran en territorio que China reclama como propio fronte a Bután puxo fin a case tres meses de tensións entre os exércitos dos dous países. Pese a todo, deixou ao pairo a cuestión clave que planea sobre os BRICS: ¿poden máis os intereses comúns ca os intereses nacionais? A derradeira palabra non se dixo aínda.

Quedou claro en Xiamen que China segue a apostar por esta fórmula de converxencia das principais economías do Sur. Ás habituais medidas relacionadas coa dotación de instrumentos financeiros e económicos, a promoción das respectivas moedas nacionais en detrimento do dólar ou o acento nas transferencias de tecnoloxía, sumouse a iniciativa do BRICS Plus, un plan que ampliaría o número de participantes ata unha ducia dos cinco actuais. A arriscada operación suporía un alargamento importante da súa representatividade tanto en termos demográficos como de poder económico evidenciando o enorme potencial da cooperación entre os países do Sur. Non obstante, non sempre ampliación é sinónimo de incremento das capacidades especialmente cando a cohesión interna é feble e podería agrandarse. A propia UE pode ilustrar as hipotecas desa fórmula.

As disparidades no seo dos BRICS son evidentes para todos: dende os seus sistemas políticos ás culturas respectivas, historias ou o propio poder económico ou político. A China por si soa equivale a máis do dobre do valor das economías dos outros catro socios. Isto obriga a conformar unha dinámica de novo tipo capaz de convivir con esas diferenzas e ao tempo construír un espazo de interese común afianzado co incremento das relacións económicas e de todo tipo intrabloque.

Cabe sinalar que fronte ás tensións de China coa India ou a incerteza política que rezuma no Brasil de Temer, o entendemento sino-ruso é o piar clave que asenta os BRICS. Moscova e Beijing comparten criterios de valor en asuntos de alcance, a comezar pola contención de EUA. Será suficiente a futuro?