nos no mundo 22 23

Como chegamos ata aquí? Construír as autoestradas globais de Galicia

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave Galicia egaex

Para entender o desenvolvemento histórico das políticas públicas de acción exterior galegas, e o seu momento actual, debemos ter en primeiro lugar, moi presente, a longa tradición por parte da Autonomía. Desta maneira, xa desde finais dos anos 80, coa creación da Fundación Galicia Europa, ou co nacemento e desenvolvemento da Eurorexión a comezos dos 90, desenvolvíase un modelo xenuíno propio, que acabaría por cristalizar no 1997, coa creación da Secretaría Xeral de Acción Exterior no organigrama político e administrativo da Xunta.

Nese impulso inicial, os Presidentes Fernando González Laxe e especialmente Manuel Fraga, polo duradeiro do seu mandato e a súa impronta persoal, xogan un papel decisivo, de concepto, que ten vibracións ata os nosos días. Xunto a eles, a figura de Xulio Ríos e o IGADI acompaña, enriquece e impulsa unha orixinalidade que é un valor engadido na Galicia de hoxe.

A evolución da Eurorexión e as ligazóns coa lusofonía, a creación dos Centros Galegos no exterior, o desenvolvemento das políticas dirixidas a emigración galega, o desenvolvemento da liña de traballo internacional do IGAPE, a definición dun sistema galego de cooperación internacional galego… Arredor de toda esta historia prestou a atención o Informe anual Nós No Mundo do ano 2022, que está dispoñible na rede para quen quera profundizar na xenealoxía da nosa acción exterior.

A Acción Exterior de hoxe: Das Leis de Acción exterior españolas á Lei de Acción Exterior de Galicia

Partindo da herdanza e tradición da acción exterior galega, para coñecer o modelo de acción exterior da Galicia de hoxe primeiramente debemos ter presente a grande novidade que implicou para as Comunidades Autónomas e a Administración Local en España, en materia de acción exterior, a Lei 2/2014 do 25 de marzo de Acción Exterior e do Servizo Exterior do Estado e a Lei 25/2014 do 27 de novembro, de Tratados e outros Acordos Internacionais.

Esta arquitectura legal estatal, a primeira desde a entrada en vigor da Constitución de 1978, artella mecanismos de coordinación, seguimento e cooperación entre o Estado e as Comunidades Autónomas e a Administración local, na idea de maximizar as posibilidades do conxunto da acción exterior en rede.

A Xunta de Galicia, para axeitarse a este novo marco xurídico, aprobou rapidamente o Decreto 178/2015, do 26 de novembro, que regula a Acción Exterior da Comunidade Autónoma de Galicia e posteriormente o Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento, que completaron o desenvolvemento autonómico da nova lexislación do Estado, e que conduciu a aínda en vigor -Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) Horizonte Post 2020, aprobada en marzo de 2018. Cómpre subliñar que foi daquela negociación entre os grupos no Parlamento de Galicia para a aprobación da primeira EGAEX no 2018, que naceu o compromiso de impulsar unha Lei de Acción Exterior de Galicia.

Así, o proceso que iniciaron as novidosas Lei españolas de Acción Exterior, acabou de definirse en Galicia co salto cualitativo da aprobación da Lei de Acción Exterior de Galicia do 9 de marzo de 2021, na que se traballaba desde o ano 2019, mais distintas incidencias, ata a aparición da Covid-19, acabaron por atrasar a culminación do proceso.

Ademais non é para nada unha anécdota neste proceso, a aprobación en Galicia no ano 2014 da Lei de impulso do portugués e vínculos coa lusofonía (a coñecida como Lei Paz Andrade). De feito, e como parte do proceso de desenvolvemento e consecuencia desa Lei, en xullo de 2021, España entrou como observador asociado á Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e a Lei galega de Acción Exterior introduciu o Observatorio da Lusofonía Paz Andrade, que se concretou coa súa creación neste 2023 co Decreto 34/2023, de 28 de setembro.

Todo este marco normativo abre un modelo singular en España e en Europa, un exemplo real con cimentos para desenvolver unha política pública multinivel que multiplique a internacionalización de Galicia beneficiando o benestar e as posibilidades da cidadanía. Sen embargo, o modelo normativo ten na operativa concreta un camiño por percorrer, comezando por recuperar a Secretaría Xeral de Acción Exterior no organigrama da Xunta.

A definición da EGAEX 23-27

Xa desde o 2021 e ao longo do ano 2022 a Dirección Xeral de Acción Exterior, relacións coa UE e Cooperación internacional da Xunta de Galicia, traballou na definición da nova EGAEX, que será a primeira xa coa Lei en vigor.

No marco dese proceso, tralo envío do borrador da EGAEX 23-27 ás entidades parte do Consello de Acción Exterior en outubro do 2022, o IGADI presentou en novembro un documento que incidía nas cuestións por traballar da útlima década: Como promover a coordinación da acción internacional na Xunta de Galicia? Como implicar ao resto de administracións públicas, sector público e axentes privados? Como proxectar e conectar a Galicia global ao resto do mundo?

Para isto animabamos a que o fundamental fose contar cun plan de seguimento, coordinación, comunicación e avaliación, que por pequeno que fose, identificase un rumbo e un plan de acción desde onde promover esa coordinación, seguimento, comunicación e avaliación que multiplique os impactos das accións. Para a nosa desilusión, ningunha das nosas propostas foi tida en consideración e a EGAEX 23-27 que aprobou primeiramente o Consello de Acción Exterior en marzo do 2023 e o Consello da Xunta no mes de outubro, da mesma maneira que a EGAEX 2018, non conta cun plan de acción e coordinación, seguimento, comunicación ou avaliación verificable.

En si, a EGAEX 23-27 resulta unha boa guía arredor dos intereses galegos no exterior e a súa estrutura en rede, mais o seu valor redúcese ao ser unha reflexión panorámica arredor das distintas liñas de traballo e Estratexias sectoriais na Xunta (Estratexia para a internacionalización das empresas galegas 2021-2025, Plan Director do Xacobeo, Estratexia intelixente da Eurorexión, Estratexia Retorna, Plan Director da Cooperación Galega…).

Cómpre indicar que actualmente ningunha destas Estratexias sectoriais dos departamentos da Xunta con incidencia na Acción Exterior teñen en conta a EGAEX vixente dende finais do 2018, nin a Lei de Acción Exterior de Galicia vixente dende marzo do 2021. Tampouco nas súas convocatorias de internacionalización, nin na súa comunicación pública se incorporan as referencias ao marco xurídico da acción exterior galega.

O Plan de acción da EGAEX 2023-2027?

Alén das distintas posicións políticas e a falta de concreción operativa, Galicia conta cun marco singular en España e na Unión Europea que permite a posibilidade de programar e desenvolver políticas públicas de acción exterior con impacto positivo para o país, sendo un modelo en España e na Unión Europea.

Galicia está preparada para ser vangarda, tanto pola súa traxectoria histórica e natureza na sociedade internacional, como pola rápida actualización do marco legal galego trala definición do novo marco xurídico da acción exterior española. Son avances da última década que recoñecemos e aplaudimos, especialmente valiosos no marco da España e do mundo actual.

Por este motivo, agora que a Estratexia Galega de Acción Exterior 2023-2027 (EGAEX 23-27) ten de ser definitivamente aprobada no Parlamento de Galicia, reunímonos cos tres grupos políticos do Parlamento, co obxectivo de conseguir que se traballe en ponencia entre os tres na Comisión1ª para definir un Plan de acción 2023-2027 que multiplique o valor da EGAEX.

O IGADI presentou un Plan de acción aos grupos, aberto e flexible, mais que identifica ese rumbo para falar da Acción Exterior de Galicia, máis alá da forza simbólica e universal da galeguidade ou da realidade xurídica da Lei. Precisamos un cambio estratéxico que active a Lei e maximice as oportunidades de posicionamento de Galicia en Europa e no mundo, atendendo de maneira estratéxica á galeguidade, ás conexións coa lusofonía, ás ligazóns co mundo celta1 ou aos xa universais Camiños a Santiago.

Un Plan de acción facilitaría a ollada coral da EGAEX 23-27 ao interior da Xunta de Galicia e multiplicaría as posibilidades para a internacionalización de Galicia en todos os ámbitos. Da mesma maneira, unha ollada coral da acción exterior reforzaría a consecución de resultados tanxibles en liña coas distintas estratexias sectoriais dos distintos departamentos (IGAPE, Emigración, Cultura, Turismo de Galicia, Mar…) con incidencia na Acción Exterior de Galicia.

O noso exemplo, sen aspirar a un salto programático de tanta envergadura, é a Estratexia Vasca de Acción Exterior actualmente en curso. Seguiremos atentas, achegando na medida do posible o noso esforzo para chegar a conseguilo.


  • 1. O 3 de agosto do 2023, Galicia participou na constitución do Foro de Países Celtas para reforzar a dimensión atlántica na construción europea. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea representou á Xunta na constitución deste foro en Rennes.

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”, podes descarregalo completo aquí. Consulta todos os Informes Nós No Mundo aquí.