Casa do libro de Marcelo de los Reyes

Intelixencia e Relacións Internacionais

Segundo a RAG a intelixencia é “a facultade de coñecer, de comprender e de formar ideas” e acompaña a palabra dun exemplo na versión dixital do seu dicionario: “A intelixencia considérase unha facultade exclusiva do ser humano”.  Desde os inicios da psicoloxía como ciencia no S.XX e especialmente desde a fin da Segunda Guerra Mundial, a discusión arredor da formas e profundidade das intelixencias foi moi frutífera, popularizándose entre o gran público termos como intelixencias múltiples ou intelixencia emocional, complementarias ás tradicionais intelixencia matemática ou relacional.
Liñas de investigación Relacione Internacionales
Apartados xeográficos Otros
Idiomas Galego

Segundo a RAG a intelixencia é “a facultade de coñecer, de comprender e de formar ideas” e acompaña a palabra dun exemplo na versión dixital do seu dicionario: “A intelixencia considérase unha facultade exclusiva do ser humano”.  Desde os inicios da psicoloxía como ciencia no S.XX e especialmente desde a fin da Segunda Guerra Mundial, a discusión arredor da formas e profundidade das intelixencias foi moi frutífera, popularizándose entre o gran público termos como intelixencias múltiples ou intelixencia emocional, complementarias ás tradicionais intelixencia matemática ou relacional.

Nese contexto e atmósfera que definiu o método científico nas ciencias sociais occidentais é cando se atribue a paternidade do conceito, Intelixencia Estratéxica, a Sherman Kent, analista estadounidense entre os anos 40 e os anos 60. Desde a Oficina de Servizos Estratéxicos, núcleo da formación da CIA, Sherman Kent edificou as bases e as ideas fortes que impregnarían o desenvolvemento dos servizos de intelixencia estaodunidense actuais, de grande ascendencia no mundo enteiro. El definiuna así no manual fundacional da disciplina, “Intelixencia Estratéxica para unha política mundial estadounidense” (1949) “A intelixencia, tal e como a describo, é o coñecemento que os nosos homes, civís e militares, que ocupan altos cargos, deben posuír para salvagardar o benestar nacional.”

Para ter unha visión histórica e panorámica da relación entre os servizos de intelixencias e as relacións internacionais, tiven a sorte de que caese nas miñas mans o libro “Intelixencia e Relacións Internacionais: Un vínculo antiguo y su revalorización actual para la toma de decisiones” de Marcelo Javier de los Reyes (Editorial Almatuz, 2019, Buenos Aires), Director da Sociedade Arxentina de Estudos Globais e profesor en Intelixencia Estratéxica, ata o seu retiro, na Universidade Nacional de la Plata e na Escola Superior do Exército Argentino. Ademais Marcelo, entre outras moitas cousas, é investigador asociado do IGADI desde comezos de século, o cal moito nos honra. 

O libro que pode considerarse un manual na materia, parte en primeiro lugar da identificación concreta de conceitos ás veces polisémicos e contraditorios, en función de quen ou desde que latitude do planeta os enuncie, delimitando ideas forza como Política Exterior, Réxime Internacional, Diplomacia ou Sociedade Internacional. Trala clarificación inicial destas pezas  o autor inicia un camiño pola historia que evidencia as ligazóns entre a intelixencia e as relacións internacionais desde antes da idade media até a institucionalización da Intelixencia estratéxica coma disciplina básica de formación en todas as escolas diplomáticas e militares do planeta. Así arranca aproximándose aos antecedentes, aos primeiros servizos segredos en formas de palomas mensaxeiras, enganos e salvocondutos imperiais de axentes segredos con licencia para matar…

Xa co chegar do tempo de entreguerras e a 2ª Guerra Mundial, o autor contorna os sentidos e as formas dos servizos de intelixencia actuais. Desde aquelas fotografías en branco e negro Marcelo fainos transitar por episodios fundamentais da propia Guerra contra os nazis, a posterior Guerra Fría e a actual modernidade líquida e emerxencia do mundo multipolar. Desde a encriptación de mensaxes da mítica máquina Enigma, á vixiancia planetaria de Echelon, da primeira alianza UKUSA aos Cinco Ollos de hoxe en día, así como todo o aprendido pola China de todos estes procesos á hora de xestionar a vixiancia actual da súa poboación. 

O libro finalmente conclúe cun capítulo focado na toma de decisións desde a Intelixencia Estratéxica, nun mundo en revolución tecnolóxica, onde neste caso, a intelixencia artifical, abre un mundo novo, mais no que, explicar, analizar e predecir, seguirán a ser verbos necesarios no marco da cooperación e o conflito entre os Estados do mundo do S.XXI.

Para o IGADI ter unha Intelixencia Estratéxica na acción exterior de Galicia faise basal para unha prosperidade que será moi disputada nas próximas décadas. Na man da sociedade, as institucións e as empresas, está construír esa intelixencia galega global, que prime a cooperación e o conflito desde os nosos atributos na sociedade itnernacional: posición xeostratéxica no Atlántico, diáspora, lingua, cultura…. Temos unha ferramenta máis no libro de Marcelo, parabéns!