O sentido dunha viaxe

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia ARCHIVO
Idiomas Galego

Recentemente, outra comitiva de autoridades e empresarios galegos, viaxou ó estranxeiro da mán do Presidente Fraga. A visita centrouse na rexión polaca de Opole, aínda que o seu percorrido, dunha semana de duración, achegariaos tamén ás cidades de Varsovia e Cracóvia. ¿Obxectivos? Promoción turística e cultural de Galiza, dar-lle publicidade ao Xacobeo alén da Unión Europea, afondar nas relacións de dúas das futuras capitais culturais do vindeiro ano 2000 así como promocionar entre os estudantes de Galego da Universidade de Varsovia a figura da intelectual galego-polaca , Sofía Casanovas.

Salientou-se ademais a importancia que tiña esta viaxe para a actividade económica galega na medida en que se contabilizan as exportacións a Polonia en case 7.000 millóns de ptas mentres que as importacións ascenden á cantidade aproximada de 1.700 millóns de ptas. Para entender o que significan estas cantidades no conxunto da economía galega conven botar unha ollada comparativa á nosa balanza comercial exterior. Segundo se recolle nun informe correspondente a 1997, realizado polo Banco Pastor, o valor das exportacións galegas ronda os 900.000 millóns de ptas. dos que máis da metade engrosarían a parte correspondente ás transaccións coa Unión Europea. Neste contexto, o volume de transaccións con Polonia estaría por debaixo do 1%.

¿Ten sentido propio esta viaxe ou responde a necesidades escasamente conectadas cos intereses de Galicia? A acción exterior, mesmo sen necesidade de alterar o marco constitucional vixente no Estado autonómico, constitúe un capitulo esencial da acción política. Conforme o tempo pasa, esas fronteiras que situaban as relacións internacionais como unha competencia exclusiva do Estado vanse esvaíndo irremediablemente. Non é un proceso acabado e, pola contra, máis ben estamos no seu comezo. Por iso, baixo ningún concepto se debe renunciar ó desenvolvemento dunha acción exterior propia, pero debe desenvolverse cos pes na Terra, atendendo á promoción e defensa dos intereses de Galicia.

Asi as cousas, cabe sinalar que Polonia si ten interese para Galicia. Existe unha tradición de vencellos sectoriais importantes con ese país a nivel universitario ou sindical, por exemplo. Á existencia dunha Galitzia histórica, hoxe sen correspondencia administrativa pero que pode servir de nexo de relación, ó igual que o valor do feito relixioso en ambas as dúas sociedades, súmase tamén o interese deste país como punto de referencia nunha estratexia de diversificación dos nosos mercados en relación a Europa Oriental e o antigo espacio soviético (Báltico, Ukraína ou a propia Rusia). Por iso que, aínda sendo escaso o valor do noso comercio con Varsovia, procedería afondar nun programa que nos ilustrase sobre as complementariedades das nosas economías e medidas concretas para o fomento da internacionalización das nosas empresas en Polonia e nos PECO.

¿Qué hai de todo isto na axenda da visita? Pouca cousa. O contido predominante foi político, repleto de discursos que para nada tiñan en conta aquelas premisas. Da súa lectura máis parece que a misión galega ten outros obxectivos: divagar sobre a transición, ilustrar sobre o feito rexional no escenario comunitario, informar sobre o funcionamento das eurorexións, mecanismos de xestión dos fondos estructurais, etc. Para as autoridades polonesas todo isto tiña sentido na medida en que, entre as súas prioridades está a de constituir eurorexións coa viciña Chequia.

Lembremos que Galiza é na actualidade unha das rexións obxectivo número 1 e receptora de necesidade destes fondos. O último programa plurianual, de duración quinquenal, remata o presente ano. Este programa inclúe financiamento para unha gran diversidade de matérias como realización de obras de infraestructura, promoción do turismo, formación e reconversión profesional dos recursos e impulso de distintas políticas para o desenvolvemento.Nun momento como o actual, de gran incerteza sobre o futuro deses fondos de cohesión, a defensa da cuota asignada en concepto de fondos estructurais para Galiza é un tema loxicamente fundamental nos contactos mantidos durante a viaxe.

Cómpre ter presente que a integración de Polonia e doutros paises de Europa Central e Oriental na Unión Europea leva implícita novas necesidades de financiamento, e igualmente, un desprazamento xeográfico de boa parte destes fondos. As autoridades comunitárias consideran chegara a hora de privilexiar a franxa oriental en lugar da marítima. Pero non hai en ningunha declaración conxunta un pronunciamento a prol dunha ampliación que non signifique merma da solidariedade e dos intereses dos espacios menos desenvolvidos da Unión. E sen embargo son esas as cuestións que deberían ocupar o lugar central da visita e non discursos e conferencias sobre a vixencia da Constitución española.