foto carolina

A Fundación Carolina e o IGADI asinan un convenio para promover o uso científico do galego

O pasado 20 de marzo asinouse o convenio, que ten como principal obxectivo o intercambio e tradución dalgunhas das publicacións promovidas por ambas institucións.

Os documentos intercambiados estarán accesibles para a súa descarga gratuíta desde as plataformas respectivas da Fundación Carolina e a Revista Tempo Exterior do IGADI. As temáticas dos artigos escollidos vincularanse ás liñas de traballo converxentes entre a área de Estudos e Análise da Fundación Carolina e o IGADI, en temáticas como a cooperación internacional, multilateralismo, rexionalismo, ou relacións entre a Unión Europea e América Latina. Os autores serán académicos e especialistas iberoamericanos.

Na xuntanza para formalizar este mecanismo de cooperación participaron por parte da Fundación Carolina, Érika Rodríguez Pinzón, a súa directora, e Andrea Mila-Maldonado, investigadora da área de Estudos e Análise da Fundación Carolina. Polo IGADI, Daniel González Palau, director, e o director da revista Tempo Exterior, Celso Cancela.

A Fundación Carolina é unha institución público-privada sen ánimo de lucro que promove as relacións culturais e a cooperación en materia educativa e científica entre España e os países da Comunidade Iberoamericana de Nacións. Fundada en 2000, o seu obxectivo é fortalecer os lazos entre estas nacións a través de programas de bolsas, cursos, investigacións e proxectos conxuntos. A Fundación Carolina desprega actividades en áreas como a educación superior, a cultura, a ciencia ou a investigación.