Baixo o título «Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade» o anuario presenta as Chaves do 2023 e as Perspectivas deste 2024, acompañados de 10 análises por áreas xeográficas e transversais que atenden á nova natureza e formas da multipolaridade en curso, proceso que o IGADI Annual Report retratou nas súas edicións anuais desde o ano 2008.
O anuario do 2023-2024 conta coa participación de 12 analistas do IGADI, que desde Galicia, os EE.UU, México ou Arxentina, poñen a lupa nos principais acontecementos globais do 2023 e o 2024. O IAR conclúe coa identificación das Personaxes do ano 2023: Prigozhin, Jennifer Hermoso, Elon Musk, Binyamin Netanyahu e Javier Milei.
O ano 2024 atópase, así, marcado pola interacción entre as eleccións en 70 países e o aumento dos conflitos de seguridade nos cinco continentes. No horizonte final deste ano electoral global, as eleccións do 5 de novembro nos Estados Unidos delimitarán un dos grandes marcos dos próximos anos.
Presentaremos o IGADI Annual Report 2023-2024 de maneira pública, coas persoas editoras e analistas, o próximo día 6 de maio ás 12:30 na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela.