Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
A Nosa Terra 1 de Setembro de 2011 Ríos

A ocasión caboverdiana

Jorge Carlos Fonseca foi elixido novo presidente caboverdiano na segunda rolda das eleccións celebradas o pasado 21 de agosto. A vitoria de Fonseca, do opositor MPD (Movemento pola Democracia), de signo liberal, confirma a normalidade dun novo episodio de alternancia no arquipélago, exaltando a condición modélica da democracia caboverdiana nun continente colapsado por guerras e conflitos de diversa orde.

Cómpre lembrar que nas anteriores presidenciais, o vitorioso Pedro Pires, do PAICV (Partido Africano para a Independencia e Cabo Verde), gañou ao seu opoñente por unha diferenza de só 12 votos. Desta vez, pese a que na primeira volta as expectativas favorecían ao candidato oficialista, Manuel Inocencio Sousa, ex ministro de asuntos exteriores, na segunda, as porcentaxes foron do 54 fronte a 45,9 a favor de Fonseca. Os resultados, recoñecidos de inmediato polas partes e saudados como limpos polas misións da UA (Unión Africana) e da CEDAO (Comunidade Económica dos Estados da África Occidental), abren un novo tempo político que non obstante seguirá xirando arredor dos dous grandes protagonistas da vida caboverdiana das tres últimas décadas.

Nas lexislativas celebradas en febreiro, o PAICV obtivera case o 51 por cento dos sufraxios. Puidera ter influído nestes resultados de agosto a deserción das súas filas do ex presidente da Asemblea Nacional, Aristides Lima, quen concorreu por libre na primeira volta. A mobilización electoral na segunda foi superior en case seis puntos á primeira, e iso a pesar de importantes inclemencias meteorolóxicas que mesmo obrigaron a suspender o proceso en Paul, na illa de Santo Antao. 

O prestixio continental de Cabo Verde é froito dunha clase política que hai trinta anos soubo sintonizar cos cambios en curso na escena internacional e establecer bases sólidas para organizar un modus vivendi tan natural como exemplar. Igualmente devén dunha xestión económica con claroscuros pero que no seu conxunto revela datos positivos, sen situacións sociais degradadas, especialmente tendo en conta a súa escaseza de recursos naturais. En suma, un modelo de gobernanza que concita natural admiración na súa contorna.

Por iso, un país pequeno como Cabo Verde, cunha diáspora moi relevante (dobra a poboación residente no arquipélago), a quen se lle asegura a posibilidade de votar nos comicios (e polo mesmo, dada a súa envergadura, condicionar facilmente o resultado), é quen de gozar de boa reputación en todo o mundo e mesmo a pesar da súa reducida dimensión gañar relevancia e proxección como demostrou a mediación desenvolvida no conflito de Côte d`Ivoire (José Brito a instancias da UA). Non é o tamaño o que máis importa. 

A presenza caboverdiana en Galicia xunto coa dimensión do propio país (algo máis de medio millón de persoas), cunha realidade económica moderadamente optimista e unha relación crecente entre ambas sociedades (pesca, enerxía, turismo, servizos, cooperación ao desenvolvemento, etcétera), constitúen sólidos argumentos para que tamén desde aquí arbitremos unha estratexia integral.

Esa perspectiva, bosquexada hai uns anos con visitas institucionais a Galicia da máxima relevancia, foi practicamente abandonada. Minorizada e aqueixada de “grandemanía”, a nosa paradiplomacia debería preocuparse de tirar proveito destas ocasións afianzando un espazo internacional propio e apropiado que nos ofreza oportunidades de desenvolvemento mais alá dos eidos tradicionais, diversificando riscos e tendendo pontes cara escenarios de indubidable alcance estratéxico.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais