Distribuir

Distribuir contido
ECO 1 de Decembro de 2016 Ríos

Na CPLP

cplp.jpg

O recoñecemento do Consello da Cultura Galega por parte da CPLP (Comunidade de Países da Lingua Portuguesa), agora co estatus de Observador Consultivo, representa unha gran oportunidade para levar adiante unha acción exterior con acento na lingua mais transcendendo o agre debate que arredor dela queima tantas enerxías na nosa sociedade. Tralo franqueo desa porta, cabe agora armarse de ideas e propostas para alentar a cooperación e a reciprocidade. Con mais ou menos posibilidades, a cultura e a lingua poden ser as pontes para achegar vínculos noutras ordes. Para iso precisamos  unha estratexia integral que poña o foco no esqueleto da CPLP e  identifique as principais áreas de interese. Oxalá que non cheguemos exhaustos e sexamos quen de seguir concitando unanimidades como a expresada pola Iniciativa Paz Andrade dándolle o impulso que merece. Ata agora pouco se fixo.

Revalorizar a importancia e utilidade da lingua galega e o valor da cultura como instrumentos para abrir camiños no mundo actual é unha cuestión clave para unha comunidade como a nosa. É un valor preferencial da nosa marca-país. Este achegamento á CPLP bríndanos unha oportunidade para construírmos un espazo de relación que reverta nunha axenda da que poidan tirar proveito tamén os nosos actores económicos e sociais, comezando pola industria cultural, pero non só. Iso require que o compromiso político e institucional vaia máis aló da foto. Hai que arremangarse.

Noutra orde, esta condición adquirida ante a CPLP debe servir a Galicia para reivindicarse ante Madrid como o espazo idóneo para que España desenvolva unha estratexia específica en relación a esta área xeopolítica. Cómpre unha vez mais traer a conto a experiencia de China (case 1.400 millóns de habitantes,  9.596.961 kms), con Macau (pouco máis de 500.000 habitantes, 29,5 kms), convertido en referente da súa política para cos países lusófonos. A Gran China radica en Macau o foro para a cooperación económica e comercial con este grupo de países. Tantas veces se queixan no Palacio de Santa Cruz da competencia que representa a acción exterior das autonomías que ignoran que a lingua galega é tamén un activo co que deberan contar na proxección exterior do propio Estado. Nisto Galicia non fai competencia, simplemente complementa e reforza. Para ser efectivos neste terreo, importa convencer a Madrid para que non poña obstáculos senón, ao contrario, sume medios.

Brasil e Portugal son dous referentes primeiros para Galicia no marco da CPLP. Co noso veciño é constatable certo arrefriamento e debemos seguir investindo para superalo. Pola contra, corre a voz de que en Brasil se nos entende mellor. Por algo será. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais