Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
La Voz de Galicia 2 de Maio de 2016 Franco Grande

O TTIP contra a soberanía

O TTIP, ou Acordo Trasatlántico para o Comercio e a Inversión, entre outras moitas nefastas consecuencias, agocha un nada encuberto ataque á soberanía dos Estados concernidos e, por moito que sexa o secretismo das negociacións, hai filtracións abondo para termos a seguridade de que ese é un dos seus obxectivos. É atacada ou descoñecida a soberanía dos Estados en canto se procura actuar á marxe da súa lexislación e dos seus tribunais, arrogándose tamén as corporacións a potestade de demandar directamente aos Estados membros en tribunais non independentes, extraxudiciais, conformados á maneira daquelas compañías e non sometidos a control de independencia. Nin sequera terán a obriga de esgotar previamente as vías legais de cada localidade. 

Unha versión moderna e avanzada da lei da selva. Esa é unha das súas características, entre outras moitas negativas que pouco a pouco se van sabendo, e que, polo que se ve, nada importan aos patrioteiros  que tanto se alporizan cando unha autonomía reclama algo tan lóxico como compartir soberanía co Estado: entón xorden as pantasmas do separatismo, do secesionismo, da insolidariedade e demais pantasmadas. 

O mesmo sucedeu cando, á marxe de calquera principio democrático e con aleivosía e nocturnidade, nos baixamos os pantalóns cunha reforma da CE coa única e exclusiva finalidade de salvar con prioridade os intereses financeiros dos bancos alemáns. 

¿Lembra alguén que os patrioteiros de sempre dixeran algo en contra? Estraño país o noso cando se nega a si mesmo o que con larganza concede aos alleos, aínda prexudicando, e de maneira moi significativa, os seus intereses ou a súa dignidade. 

¿Morbo? ¿Masoquismo colectivo? ¿Ignorancia? ¿Mentalidades enfermizas? Non o sei. Pode quer de todo un pouco.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais