Distribuir

Distribuir contido
Praza Pública 25 de Xaneiro de 2014 Ríos

Redescubrir a Plácido Castro

Recentemente, por mediación de Eva Moreda, soubemos máis do percorrido académico de Plácido Castro na Universidade de Glasgow, onde cursaría estudos de Enxeñería Naval entre 1918 e 1921, cando a súa familia aínda residía no Castelo de Ameixenda, na ría de Corcubión.

Tamén da man de Rafael Fraguas accedemos á correspondencia de Plácido con Luís Seoane, primeiro desde Vigo para Bos Aires, e despois desde Londres para París. Nelas quedan de relevo tanto a amizade común como as arelas compartidas. Por esas cartas sabemos que xa daquela (1947), Plácido traballaba na tradución de As Rubayat de Omar Khayyam, que vería a luz en Grial en 1965. Desde Londres, Plácido, xa colaborando coa BBC, axuda a Seoane a abrirse camiño para realizar unha exposición na cidade do Támesis. Escribíalle a Seoane desde a súa residencia en Richmond, rodeado por algúns recordos pictóricos de Laxeiro, Maside, Torres, Lugrís… que formaban a súa pequena exposición galega en Londres, como el mesmo confesa.

Precisamente, este ano, a Fundación Plácido Castro dedica a Conferencia Anual que conmemora o seu nacemento á obra plástica do autor corcubionés, contextualizándoa na arte galega do seu tempo da man de Carlos L. Bernárdez (da miña pintura é mellor non falar, confésalle nunha carta a Seoane). Esta é unha dimensión da súa actividade intelectual practicamente inédita e que a Fundación recuperou ao longo de 2013, reflectindo tanto a súa formación humanista como o seu compromiso coa Galicia que retrata nas súas acuarelas en diferentes etapas da súa vida.

Pero non rematan aí os achados. A incansable Susi Castro, filla do noso autor e presidenta da Fundación, verdadeiramente admirable no seu empeño e entusiasmo nese persistente labor de recuperación da figura do seu pai, ábrenos unha carta de Valle Inclán dirixida ao pai de Plácido en marzo de 1927, onde opina sobre os propósitos e querenzas literarias do seu fillo. Valle destaca que dispón dunha “pluma fácil, ágil y despierta”, se ben cun “funesto sentido provinciano”, criticando a súa devoción polo celtismo.

Os documentos de 1946 e 1947 que testemuñan a constitución da editorial Sept da man de Isla Couto, Celso Collazo e Plácido Castro, sinalan algúns dos seus últimos episodios nunha Galicia da posguerra que ao pouco abandonaría para exiliarse en Londres. Plácido confesa a Seoane que respecto á hipótese dunha volta, canto menos se diga mellor: “sigue completamente inhabitable”, asenta Plácido.

Estas achegas, e outras que axiña virán, contribúen a fixar algo máis de luz. Confiamos en ter pronto noticias de Cambridge. E con estes e outros vimbios axiña poderemos contar cunha nova biografía daquela voz que acadou o recoñecemento internacional de Galicia como nación.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais