Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 11 ao 17 de Xullo de 2016

Taiwan Hebdo 28-2016

1. Informe

A sentenza da Corte Permanente de Arbitraxe sobre a disputa territorial no Mar de China meridional provocou diversas reaccións en Taipei. A Corte ditaminou que China continental non ten dereito algún histórico ou legal sobre a área que reclama. A maiores, tamén sinala que o arquipélago Nansha/Spratly está formado por arrecifes, incluíndo a illa Taiping ou Itu Aba, a maior de todas, baixo control de Taipei, polo que non disporía dunha zona económica exclusiva de 200 millas náuticas. A reclamación de parte ou a totalidade das illas en disputa afecta a Taiwan, China continental, Filipinas, Vietnam, Malaisia e Brunei. Filipinas presentou o caso na Haia en 2013. 

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

1. Informe

A sentenza da Corte Permanente de Arbitraxe sobre a disputa territorial no Mar de China meridional provocou diversas reaccións en Taipei. A Corte ditaminou que China continental non ten dereito algún histórico ou legal sobre a área que reclama. A maiores, tamén sinala que o arquipélago Nansha/Spratly está formado por arrecifes, incluíndo a illa Taiping ou Itu Aba, a maior de todas, baixo control de Taipei, polo que non disporía dunha zona económica exclusiva de 200 millas náuticas. A reclamación de parte ou a totalidade das illas en disputa afecta a Taiwan, China continental, Filipinas, Vietnam, Malaisia e Brunei. Filipinas presentou o caso na Haia en 2013. 

O goberno taiwanés, admitindo o contido “extremadamente lesivo” contra a soberanía territorial da República de China, reafirmou o seu pleno rexeitamento ao ditame e recordou que non se lle permitiu realizar obxeccións, non sentíndose obrigada por esta sentenza. O tribunal utiliza para referirse a Taiwán a denominación “Taiwán authority of China”, tan inaxeitada como inaceptable, aseguran en Taipei.

O goberno aclarou que segue defendendo a “liña de 11 trazos” tamén coñecida como a “liña en forma de U” recollida nos mapas elaborados polo goberno da República de China en 1947. O PCCh pasou a defender a partir de 1953 a “liña de nove trazos”. O goberno negou calquera intención de abandonar dita reclamación ou de limitarse á esixencia de recoñecemento do control de facto da illa Taiping e outros illotes -todos simples “rochas”, segundo a Corte-, reivindicando a soberanía das catro cadeas de illas e as súas augas circundantes. 

No plano material, os pescadores taiwaneses que faenan na zona mostraron a súa preocupación por canto o fallo poida afectar aos seus dereitos e aos riscos de detención forzosa ou interferencia por parte de países veciños como Vietnam ou Filipinas. As perdas estimadas roldarían os 31 millóns de dólares anuais. Taipei insiste en que estes dereitos de pesca non se verán afectados. 

Taipei enviou outro barco de 10.000 toneladas á zona para patrullar a illa Taiping e outros illotes controlados por Taiwan. No entanto, reivindicou a negociación sobre a base de métodos pacíficos entre todas as partes implicadas para resolver os litixios. Tsai Ing-wen ofreceu un discurso desde o acoirazado Dihua, un buque que patrullou as augas da zona un día antes de emitirse o fallo da Corte Permanente de Arbitraxe, querendo demostrar así a determinación do pobo taiwanés de protexer a soberanía nacional. Pese a que o Yuan Lexislativo instouna a visitar a illa Taiping -como fixo o ex presidente Ma Ying-jeou en varias ocasións-, non hai plans inmediatos en tal sentido. O ex presidente formulou nun artigo de opinión dez consellos á súa sucesora para “facer respectar” os dereitos de Taiwan.

Beijing instou a salvagardar conxuntamente a soberanía territorial e os dereitos marítimos. Aínda que as reclamacións de Taiwan son similares ás de China continental, Taipei rexeitou cooperar, insistindo en distinguir as reivindicacións dun e outro, a diferenza do acontecido durante o mandato do KMT, para evitar dar a impresión dunha postura unificada sobre o tema. Taipei non quere ofender a EUA -claramente situado do lado denunciante- nin tampouco atraer as críticas continentais. Fontes taiwanesas especularon coa posibilidade de que este fallo induza a Beijing a tomar unha postura máis conciliadora no Estreito á vista da prioridade que suporá os desafíos no Mar de China meridional. 

Para Tsai Ing-wen, este fallo marca un terceiro gran obstáculo no seu inicio de mandato (xunto á suspensión de comunicacións con Beijing e o disparo accidental dun mísil). Algúns deputados reclamaron xa a súa comparecencia no Yuan Lexislativo para presentar un inusual informe á nación.

2. Observacións de contexto.

* A presidenta taiwanesa aprobou a renuncia do actual presidente e vicepresidente do Yuan Xudicial, Rai Hau-min e Su Yeong-chin, propoñendo como substitutos a Hsieh Wen-ting e Lin Chin-fang. O vicepresidente Su advertiu que a presidenta non debe intervir no proceso de reforma do Yuan Xudicial e que este debe levarse a cabo de xeito independente, condenando todo intento de afectación da imparcialidade do organismo. A proposta debe ser confirmada polo Parlamento. De saír adiante, por primeira vez, unha muller accederá á vicepresidencia do Yuan Xudicial.

* O goberno taiwanés cualificou de “feito illado” a contaminación provocada por Formosa Plastic Group nun proxecto en Vietnam, asegurando que “non vai afectar á promoción da Nova Política cara ao Sur”. James Huang, responsable da oficina que coordina este programa, reiterou que en ningún caso deixarase de lado o mercado de China continental. O Yuan Lexislativo decidiu promover asociacións cos países do sueste asiático. 

* O Consello de Asuntos de China continental recoñeceu que as comunicacións entre os dous lados do Estreito “son peores que antes”, ao non dispoñer dunha canle de relación fluída. Os contactos realizados desde o 20 de maio ata a data redúcense a dous e ambos realizáronse por escrito. A liña telefónica non está operativa. 

* Proseguen os debates na dirección do PDP a propósito da inclusión ou non do mantemento do statu quo nos estatutos do Partido. Algúns dirixentes avogan pola supresión do nome de República de China. Para outros, os pronunciamentos de 1991, 1999 e 2007 en relación ao futuro de Taiwan e as relacións a través do Estreito son obsoletos e propoñen unha redacción que facilite o acomodo da postura defendida pola presidenta Tsai Ing-wen como liña de acción de goberno.

* O KMT cualificou de “inconstitucional” o proxecto de lei impulsado polo PDP sobre os activos irregulares do partido, anunciando que suscitará unha severa oposición na súa tramitación parlamentaria. 

* Ante as observacións realizadas desde o continente polo caso do disparo accidental do mísil supersónico Hsiung Feng III, Taipei aclarou que “non houbo ningún problema por quen foi notificado primeiro e quen despois”. No entanto, primeiro foi notificado EUA e despois China continental. 

* A resolución do Parlamento Europeo solicitando á Comisión o inmediato inicio de discusións con Taiwan para alcanzar un acordo bilateral sobre investimentos foi moi ben acollida en Taipei. Taiwan foi considerado por primeira vez como candidato potencial nesta materia o 14 de outubro de 2015. 

* Taiwan e Francia reforzan os seus vínculos coa entrada en vigor de dous acordos relativos ao programa de vacacións e traballo e o aumento das frecuencias nos voos directos entre os dous países. 

* Novos cambios no corpo diplomático taiwanés afectarán ás representacións ante a OMC, Gran Bretaña, Singapur, Alemaña e Grecia. 

3. Datos relevantes

* O total de estudantes de China continental que cursarán estudos en Taiwan no próximo curso académico ascende a 1.693 distribuídos en 92 centros universitarios. A cifra supón unha diminución de 331 estudantes en comparación co curso anterior. Aumentan os matriculados en estudos de doutorado e descenden en bacharelato e mestría. 

4. Nomes relevantes

* O actor taiwanés Leon Dai foi substituído nunha película dirixida pola actriz chinesa Zhao Wei polas “imprecisións na súa postura política”. Dai recoñeceu ter posicións propias en varios temas pero negou ser un partidario da independencia de Taiwan.