Publícase o Tempo Exterior nº44 acompañando o Día nacional de Galicia "Representación dos gobernos territorias na UE. Experiencias e prácticas”

Distribuir

Distribuir contido
25 · 07 · 2022

 

- O Tempo Exterior, a revista semestral de estudos internacionais do IGADI, xa está dispoñible na web (igadi.gal). A descarga é gratuíta. O número conta co apoio publicitario da Deputación da Coruña, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra, así como a colaboración da SX de Política Linguística da Xunta de Galicia.

- O número coordinado por Serafín Pazos Vidal, céntrase no papel dos gobernos territoriais europeos, achegándose ao papel do Comité das Rexión na articulación da UE, aos procesos abertos arredor da gobernanza multinivel no marco da Conferencia sobre o futuro de Europa, e a experiencias concretas de proxección exterior de carácter local e rexional, coma Euskadi, os gobernos locais de Austria, a cooperación interdaministrativa na Holanda ou a proxección exterior de Baviera. 

 

O Tempo Exterior continua a súa cuarta etapa histórica baixo a dirección do profesor da UVigo Celso Cancela, achegándose de maneira monográfica aos gobernos territoriais europeos, nun número moi especial coordenado por Serafín Pazos Vidal, Doutor en Unión Europea e investigador asociado do IGADI, con quince anos de experiencia no Comité das Rexións.

Neste volumen contamos con autorías de luxo, chegadas de especialistas de recoñecido prestixio en relación ao papel das entidades subestatais na UE, con textos tan suxerente coma "O papel do Comité Europeo das Rexións na actual reforma da Política Europea de Cohesión" de Thomas Wobben, "25 anos da creación da Delegación de Euskadi na Unión Europea" de Marta Marín, "De camiño á gobernanza multinivel. Como o Rexistro de Transparencia da UE contribuíu a reforzar o papel dos axentes subnacionais no proceso lexislativo da UE" de Michael Schmitz, "Cooperación interadministrativa en asuntos da UE nos Países Baixos: un código formal como base para un diálogo e unha consulta estruturados amplos" de Bas van den Barg, "Representación de intereses do goberno local austríaco a nivel da UE" de Simona Wolesa, ou o propio Serafín Pazos achegándose á realidade galega no marco da UE con "¿Novos comezos ou máis do mesmo? A nova Lei de Acción Exterior de Galicia e a Estratexia de Acción Exterior de España 2021-2024".

O número péchase coa sección de Miscelánea, con textos de Christoph R. Schreinmoser "Bayern no mundo: unha análise nas relacións exteriores do Estado Libre de Baviera", "Cuestións xeopolíticas despois da retirada de Estados Unidos de Afganistán" de Bichara Khader, e "Cultura política e opinión pública do nivel subnacional ao nacional: Claves comparativas a partir do caso uruguaio" de Gerardo Caetano Hargain e Ernesto Neto de Francesco. O Tempo Exterior 44 pecha co artigo do investigador novel Gonzalo Otero Rosales "A ampliación da Unión Europea cara aos Balcáns Occidentais: o caso albanés" e a recensión de libros de actualidade.

Pódense consultar de balde os artigos deste número 44 en galego así coma na lingua orixinal dos artigos recibidos. 

O próximo número 45, proxéctase para a súa presentación no mes de decembro do 2022, cun monográfico arredor das economías emerxentes nun mundo en cambio, coordinado pola economista mexicana Raquel I. León de La Rosa, investigadora asociada do IGADI e analista do Observatorio de la Política China.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais