A sociedade internacional asistirá en 2011 ao afondamento das principais tendencias manifestadas no último lustro, marcado polo inexorable avance de Asia na escena global e a reestruturación socioeconómica no mundo desenvolvido, activando as discusións arredor dos equilibrios monetarios e financeiros, comerciais e mesmo no eido ambiental, nun planeta que podería superar os sete mil millóns de habitantes, cifra que elevará a presión sobre os recursos.
Tendencias
A economía global estase recuperando da crise, pero os riscos de recaída seguen sendo elevados e a revitalización é tan desigual como está chea de dúbidas. A crise económica imporá un ano especialmente duro para boa parte do mundo desenvolvido, cun previsible incremento das tensións sociais arredor da introdución de reformas con vistas a encarar unha débil recuperación que novamente contrastará coa forza das economías emerxentes en América Latina ou Asia. Esa reestruturación terá como epicentro o futuro do Estado e do benestar, ao albo dunha crise fiscal que imporá recortes de alcance diverso pero que incentivarán as protestas públicas. Será tamén un ano de proba para constatar a firmeza das hipotéticas saídas da actual parálise, nun contexto de progresiva retirada dos estímulos públicos.
A gobernanza da economía global vai afrontar igualmente momentos decisivos, na medida en que as economías emerxentes aumentarán as súas presións para transformar en poder político o seu crecente poder económico. O G-20, liderado agora por París, irase conformando como un espazo para ese liderado colectivo onde converxan os novos polos de influencia global, dixerindo a redución das capacidades dos países ricos e conformando un novo mapa do poder e das responsabilidades, impondo a todos o desafío de acomodarse ao novo contexto.
Despois do cumio de Cancún, a loita contra o cambio climático reclama novos enfoques e compromisos que desembocarán en Durban (Sudáfrica), onde proseguirán as negociacións para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, entre outras cuestións urxentes. Tendo en conta que o primeiro período de compromiso do Protocolo de Kioto expira a finais de 2012, a reunión de Durban é crucial para que o mundo avance por unha senda de desenvolvemento sostible.
Focos de atención
Europa agravará, previsiblemente, os seus déficits políticos, cunha Alemaña en ascenso e impoñendo as súas regras nun continente a varias velocidades. O incremento da influencia xermana, económica e política, incidirá na evolución do euro e no compromiso de salvamento dalgúns países da eurozona (España, incluída) nun ano que se aventura especialmente difícil. A controversia que pesará na configuración económica europea influirá tamén na capacidade continental para proxectar o seu poder a nivel global, debilitando as posibilidades de conformarse como un polo, xenuíno e cohesionado, da nova orde mundial que está a se configurar.
En EEUU, moitos sinais non son favorables, en especial pola fraxilidade da recuperación debido á diminución do consumo privado, resultado da elevada taxa de desemprego e das reticencias bancarias a conceder préstamos. Noutro ámbito, Washington deberá encarar a promesa de retirada de tropas de Afganistán. Obama fixara o mes de xullo de 2011 como data para o inicio do regreso a casa dos soldados estadounidenses. Algúns cuestionan a viabilidade do plan de Obama ante unha insurxencia crecida e a falla de progresos. Os apoios internos á estratexia da OTAN vanse reducindo, a medida que medra a incerteza sobre o resultado do conflito. A finais de 2011, EEUU debe retirar tamén os 50.000 soldados que aínda quedan en Iraq. Os límites de Obama poden quedar, unha vez máis, en evidencia nun ano que pode resultar clave para as súas aspiracións á reelección (2012).
Rusia, vinte anos despois da disolución da Unión Soviética (cualificada por Putin como o maior desastre xeopolítico do século XX), irá definindo o seu horizonte político inmediato. Dunha banda, é o momento de clarexar o futuro da alianza Putin-Medvedev ante a perspectiva das eleccións presidenciais de 2012: ¿deixará Putin que Medvedev opte a un segundo mandato ou imporá o intercambio na xefatura do goberno retornando á presidencia? En decembro haberá eleccións lexislativas e todo indica que Rusia Unida, o partido do Kremlin, directamente baixo o control de Putin, revalidará, case á soviética, a forza da súa omnipotente burocracia.
China proseguirá o seu ascenso, se ben multiplicaranse as tensións internas, tanto no económico-social como no político. Será un ano decisivo para abrir camiño ao novo liderado que asumirá o poder en 2012 da man de Xi Jinping e Li Keqiang, e para encarar a loita contra inflación e o impulso a un novo modelo de desenvolvemento menos dependente das exportacións. A presión dos países de Occidente, en especial de EEUU, a quen superará como maior fabricante mundial, deixará entrever posibles agravamentos na península coreana e no sudeste asiático, sen prexuízo dun aumento das tensións nas áreas tradicionais da axenda bilateral, xa sexa o valor do yuan, a propiedade intelectual ou o déficit comercial. A India, obxecto das interesadas miradas das grandes potencias, seguirá cada vez mais preto a emerxencia chinesa, mentres Xapón pelexará por saír do estancamento e superar a inestabilidade política dos últimos anos.
Cuba encara un ano decisivo con ese congreso do Partido Comunista, o primeiro en décadas, a celebrar no mes de abril. Raúl Castro incrementou nos últimos meses as esixencias dunha implementación activa das reformas económicas e sociais para garantir a supervivencia do sistema, nun contexto ameazado polo colapso. Ás portas dunha nova fase do proceso cubano, as experiencias asiáticas de China e Vietnam semellan inspirar uns cambios que poderían contribuír a suavizar o bloqueo estadounidense. Por outra banda, cabe esperar que a rexión latinoamericana no seu conxunto manteña o seu ritmo de crecemento económico (entre o 4% e 5%), confirmando igualmente o período de bonanza política dos últimos tempos (con escasas excepcións como Ecuador), propiciando marcos de integración autónoma que respondan ás autenticas inquedanzas continentais.
Os tirapuxas na península coreana e na cuestión nuclear iraniana seguirán marcando boa parte das tensións internacionais na medida en que, como aconteceu en 2010, ningunha das partes en conflito amosa signos de concesión e os avances semellan lentos cando non imposibles. Por outra banda, a frustración xerada polo enésimo intento da Casa Branca de retomar o proceso de paz en Oriente Medio, aboca as negociacións, hoxe indirectas, a un fracaso seguro en tanto Israel non acepte a moratoria na construción de novos asentamentos.
Dez anos despois do atentado contra as Torres Xemelgas, a loita contra o terrorismo segue na axenda internacional, sen baixar a garda, se ben cun perfil máis focalizado en determinados países e movementos con capacidade aínda para xerar sobresaltos desestabilizadores.
Reinventarse
O desafío do mundo desenvolvido é o de reinventarse nun contexto de incremento das tensións de todo tipo, internas e externas, e de liderados políticos aqueixados de febleza en capacidade e discurso. Sexa como for, haberá que dar o adeus definitivo ao mundo unipolar dos vencedores da guerra fría para asumir un multilateralismo que abra espazos para unha cooperación capaz de sosegar unhas relacións internacionais nas que a confrontación e a contención semellan gañar enteiros.
Asia será o principal espello da nova competición. En 1820, a significación de Asia na economía mundial era do 60% (en paridade de poder de compra), baixando ao 38% en 1870 e ao 18% en 1950. As previsións do FMI indican que ese peso pasará do 28% en 2010, elevándose ao 35% en 2020 e ao 42% en 2030. Washington incrementará a tensión estratéxica con China en 2011 co propósito de conter e condicionar a súa emerxencia como poder global rival.