80 anos do Partido Comunista Chinés

¿Quen dixo que xa non quedaban comunistas no mundo? ¡Soamente na China son máis de sesenta millóns! Pero ¿son comunistas de verdade ou rabanetes, como dicía Stalin: vermellos por fóra e brancos por dentro? O PCCh conmemorou en Shanghai, onde se constituíu en 1921, o seu oitenta aniversario, cunha cerimonia-espectáculo ao formato tradicional chinés. Pese á apariencia de estilo hollywoodiense, o certo é que ata nos anos máis duros da Revolución chinesa, cancións, obras teatrais e espectáculos musicais acompañaron sempre a coreografía maoísta. Unha caligrafía, un poema, unha canción, unha ópera, son ingredientes insubstituibles en toda celebración.

Na información oficial divulgada pola axencia de noticias Xinhua, destácase particularmente o feito de que “partidos non comunistas e a federación de industria e comercio de China felicitan ao PCCh”, un esforzo por significar dúas cousas. Primeiro, que non necesitan botar man dos seus aliados tradicionais (sindicatos, organizacións sociais, etc), para significar o nivel de apoio da súa política. Segundo, que os comunistas chineses contan cun amplo respaldo social e un gran recoñecemento da súa condición dirixente. Como é sabido, na China non existe un sistema de alternancia política, senón de participación no poder por parte doutras organizacións políticas e sociais que comparten determinados niveis de xestión sen rivalizar pola dirixencia. Os seus hipotéticos rivais (outros partidos democráticos, eses industriais e comerciantes que representarían unha hipotética clase social belixerante) rindenlle pleitesía.

A reforma chinesa achégase a un final de etapa que culminará coa próxima entrada na Organización Mundial do Comercio (OMC). Pese ás dificultades do presente, o PCCh conserva un nivel de implantación e de introducción social considerable. Se o seu discurso presenta numerosas aristas, os logros da reforma facilitan unha adhesión social ao seu proxecto que doutro xeito podería verse totalmente lapidado.

Ás portas dun novo cambio no liderato do país, na China, a diferencia de Corea do Norte ou de Cuba, non parece terse chegado ao extremo de asentar unha pseudomonarquía (¡flaco favor á causa do socialismo!) e a dirección política semella funcionar con altas doses de colectividade efectiva e baixos niveis de culto á persoalidade.