O quencemento global, máis que desenvolverse de xeito gradual, pode empurra-lo clima a un punto extremo. Crecentes evidencias científicas sosteñen que o sistema océano-atmosférico que rexe o clima da Terra pode mudar dun estado a outro en menos dunha década, situada nun futuro non afastado, 2020, nos estudios máis recentes e pesimistas. A necesidade de adaptarse poderá colapsar moitas sociedades e, daquela, altera-lo equilibrio de poder.
Vexamos un exemplo. Tuvalu, diminuto estado da Polinesia, afunde no Pacífico. Tras unha década pedíndolle axuda á ONU, os expertos opinan que xa é tarde para evita-la desaparición total dun país baixo as augas da Historia. Os dous países máis cercanos con posibilidades de acepta-los refuxiados de Tuvalu (que só ten 11.500 habitantes) son Australia e Nova Zelandia, que xa se negaron a concede-lo permiso "política de "tolerancia cero" á inmigración" . A outra opción, a illa de Niue, foi desbotada a principios de ano "o país veciño foi asolagado por un ciclón".
A historia do primeiro estado víctima mortal do quentamento global introduce un elemento moi presente no recente informe do Departamento de Defensa dos EEUU "An Abrupt Climate Change Scenario and inst Implications for United States National Security", un extraño panfleto co que o Pentágono pretende tirarlle rédito á crecente credibilidade dos estudios serios do clima. O informe, encargado por un dos pais do Escudo Antimísiles (Andrew Marsahall) e redactado por un consultor de negocios (Peter Schwartz) e un ex consultor da petroleira Shell "e de Steven Spielberg para "Minority Report"" urxe ó seu presidente a tomar medidas e o fai dun xeito moi consecuente: Bush "non cre" no cambiamento climático, pero "si cre" no Armaggedon. O cambiamento climático non é, sen embargo, unha cuestión de fe, como tampouco o é a seguridade nacional, o interese nacional, dos EEUU.
Que lle preocupa ó Pentágono? Os estudiosos do clima alertan dende hai máis dunha década de que algúns cambios climáticos abruptos, producidos fundamentalmente polos gases contaminantes que liberan as industras, que respostan ás vellas leis da era glacial, terán lugar, nalgúns casos, en poucos anos. Os científicos non están seguros sobre a causa que levou ó colapso no pasado remoto, pero sinalan que os cambios atmosféricos que precederon ós primeiros desplomes foron moi semellantes ó actual cambiamento climático. O documento predí, como escenario moi plausible, que o cambio climático abrupto podería leva-lo planeta ó bordo da anarquía e o colapso. En tanto, para defende-la provisión de alimentos, auga e enerxía, en diminución, os países desenvolverán a súa capacidade nuclear, onde xa non é aceptable a falsa distinción uso civil-uso militar.
A civilización humana comezou coa estabilización dun clima temperado na Terra. Un clima inestable e extremo significa que os humanos non poden controla-la agricultura "o alimento" nin garantir asentamentos permanentes. Nese estado de cousas, as sociedades defínense a si mesmas de acordo coas súas capacidades para conducírense na guerra, e a cultura da guerra convértese nunha característica estructural: as sociedades loitan cando perden o control sobre o hábitat, cando a elección é fame ou ataque…
Agora ben, dado que "os EEUU están mellor posicionados que a maioría das nacións" porque posúen "máis benestar, tecnoloxía e abondosos recursos", deben "enfronta-la construcción dunha fortaleza en torno a si para preserva-los seus recursos", xa que as fronteiras poden verse desbordadas con "masas famentas de inmigrantes" procedentes de México, América do Sur e as illas caribeñas. "The haves-vs.-nots gap-"; trátase diso, do que ten fronte ó que non ten, ou vaino deixar de ter. Ou o que vai ter o que os outros tiñan. E aventura un enfrontamento armado en 2020 (pax 17) entre unha China que non pode alimenta-la súa poboación e os EEUU en territorio do Golfo Arábigo. Máis modesta, e hipoteticamente, o informe sitúa a España e Portugal ó bordo do enfrontamento directo polos recursos pesqueiros.
Non embargante, os efectos económicos do quencemento global xa atinxen ós EEUU. En 2003, os desatres naturais máis custosos para as empresas aseguradoras ocorreron nos EEUU. Os incendios forestais desatados no país custáronlle á industria 2.000 millóns de dólares, e os tornados deixaron perdas superiores ós mil millóns. Fóra, os desastres naturais mataron 75.000 persoas (sete veces máis víctimas que en 2002), que as aseguradoras cuantifican en 65.000 millóns de dólares en danos económicos (un 18% máis que en 2002). As cifras non son do Pentágono, nin dos científicos, nin dos ecoloxistas, senón dunha fonte de prestixio para os que, coma Bush, "non cren": a Munich Re., a maior compañía aseguradora do mundo.
En canto ó informe do Pentágono, "axuda ós planificadores para pensar estratexias para facerlle fronte ó cambiamento climático", non demanda a sinatura do Protocolo de Kioto, non demanda a reducción das emisións de CO2. Dado que a pregunta non é ¿ocorrerá? Senón ¿cando? ¿con que impacto? ¿como podemos prepararnos?, a súa resposta é: política de imigración de tolerancia cero para preserva-los "seus recursos" que, para 2020, o deus de Bush mediante, deberán ser maiores. Din que o saben, pero comprenden realmente o que quere dicir que a estabilizadora Corrente do Golfo non pode ir á guerra contra El Niño, ese bárbaro.