A crise de Xinjiang

Xingjiang é a rexión máis remota e máis grande de China. O goberno de Pequín encomia estes días as excelencias da política aplicada nos últimos anos na zona: redución da pobreza á metade, aumento significativo dos ingresos dos campesiños e gandeiros, acceso crecente a un maior benestar como resultado da explotación dos seus importantes recursos, petróleo incluído. Cifras quizais reais que abundan na perplexidade orixinada por uns feitos que só chegan a explicar en virtude da influencia desestabilizadora do exterior, un argumento a todas luces insuficiente. De ser tantos e tan excelentes os progresos rexistrados non sería tan doado exacerbar as tensións cun balance tan dramático e desolador.

A causa inmediata coñecida do estoupido do conflito (ao parecer, o linchamento de dous uigures acusados de violar a unha traballadora han por parte de grupos desta comunidade na provincia de Guangdong) exclúe a intencionalidade política directa, pero as razóns de fondo que explican o desbordamento da situación son inseparables da insatisfacción socio-económica, cultural, relixiosa e política que aniña nos uigures, ao igual que noutras nacionalidades minoritarias chinesas, cansas do paternalismo narcotizante das autoridades centrais. O crecemento dos últimos anos no Xinjiang e noutras zonas do Oeste obedece a un padrón de desenvolvemento chinés, é maioritariamente xestionado por hans e benefícialles especialmente a eles, reproducindo unha dinámica de tintes neocoloniais para satisfacer a avidez de recursos que precisa a locomotora chinesa, sempre baixo a presión de medrar a un alto ritmo para manter a estabilidade social.

Os sucesos de Xinjiang son o espello dun fondo resentimento e manifestan as eivas dunha política que se revela a todas luces anticuada e incapaz de vencer as desconfianzas, e de sentar as bases dunha nova lealdade baseada no respecto e fomento do autogoberno, na asunción sincera da diversidade e na plasmación de políticas verdadeiramente inclusivas. En tanto non mude a concepción actual, que nega toda posibilidade de autonomía efectiva ás nacionalidades minoritarias, o conflito cos uigures e con outras nacionalidades que se resisten á sinización, irase agravando. Toda impresión de calma será equívoca e a ignorancia das causas reais das tensións auguran un incremento substancial da inestabilidade. Aínda que hoxe o PCCh se sinta depositario da continuidade histórica das dinastías imperiais, dificilmente poderá manter a paz á vella usanza, botando man de gobernadores e forzas represivas e aplicando castigos exemplares.