cplp e galiza

A dimensión internacional da lingua galega

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia ARQUIVO
Idiomas Galego
 CPLP e Galicia, clic para aumentar
Estados galegófonos ou lusófonos son hoxe Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné Bissau, Mozambique, Portugal, San Tomé e Príncipe e Timor Leste. E as rexións máis significativas son Goa, na India, e Macau, na China. A Galegofonía abrangue, así, 4 continentes. Mais os nomes que vimos de dar, por si propios, quizá digan pouco. Acrecentemos, pois, que a Galegofonía representa, sen incluír a Galiza, máis de 222 millóns de persoas no mundo e manexa a 50ª parte do PIB mundial.
 

"O primeiro a nosa lingua, a lingua que falou este pobo, e a que falan e entenden galegos, portugueses, brasileiros, africanos e asiáticos",

Manuel Murguía.


Este artigo, que non pretende ser un novo contributo ao xa extraordinariamente longo debate arredor de se galego e portugués son dúas variantes da mesma lingua ou linguas diferentes, si vai partir dunha premisa coa que a maior parte de persoas, expertas ou leigas, preocupadas pola lingua galega ou non, coinciden: quen fala galego e quen fala portugués poden entenderse con facilidade.

É este un feito de fulcral transcendencia no mundo de hoxe, onde as distancias xa non son tan limitativas como noutrora, de tal maneira que podemos comunicarnos de modo practicamente instantáneo con calquera parte do planeta e viaxar ou facer chegar bens a calquera lugar en horas. Un mundo que facilita, mais tamén esixe, a internacionalización empresarial a fin de garantir a estabilidade económica e potenciar o crecemento; un mundo que demanda a posta en contacto con outras expresións culturais que nos axuden a ser persoas máis abertas, máis comprensivas, máis tolerantes… máis maduras; un mundo no que proxectar unha solidariedade intelixente e completa, non meramente paliativa ou creadora de novas dependencias; un mundo no que desenvolver unha política externa propia, que nos visibilice como país. Un mundo, en fin, cheo de novas oportunidades.

É claro que para o aproveitamento das posibilidades actuais continúa a ser imprescindíbel usar códigos de comunicación, linguas. Neste sentido, hai meses, quen escribe este artigo ouvía a unha persoa da primeira liña da xestión cultural galega dicir: "Neste país temos un problema grave: non dominamos nada ben o inglés". Isto é certo, e sen dúbida debe ser corrixido. Mais tamén é certo que se ten insistido de maneira irresponsábel, nos últimos tempos, en esquecer a formidábel proxección internacional da nosa lingua. O inglés, o español, o francés… son importantes e non debemos renunciar ao seu coñecemento e aproveitamento, nomeadamente no caso do español, mais resultan inútiles nalgúns lugares nos que a lingua galega non o é. Neses lugares temos, pois, unha vantaxe comparativa. E non está a ser aproveitada!

Eses países e rexións son habitualmente designados co termo Lusofonía, se ben que profesores brasileiros, portugueses e galegos teñen defendido que igualmente lexítimo sería usar a palabra Galegofonía, por ter sido o Reino da Galiza o dominio político no que a lingua galego-portuguesa naceu. E quizá sexa esta a palabra máis adecuada, por máis didáctica, no noso país.

Estados galegófonos ou lusófonos son hoxe Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné Bissau, Mozambique, Portugal, San Tomé e Príncipe e Timor Leste. E as rexións máis significativas son Goa, na India, e Macau, na China. A Galegofonía abrangue, así, 4 continentes. Mais os nomes que vimos de dar, por si propios, quizá digan pouco. Acrecentemos, pois, que a Galegofonía representa, sen incluír a Galiza, máis de 222 millóns de persoas no mundo e manexa a 50ª parte do PIB mundial. O PIB lusófono creceu en 2004 a un ritmo medio de 6,5%, tendo sido os crecementos medios de Mozambique e Angola no período 2000-2005 de 7,72% e 8,29% respectivamente. Constitúe, pois, un mercado considerábel con perspectivas de crecemento notábeis que chegan mesmo a ser extraordinarias se pensamos, por exemplo, que Angola podería crecer, segundo o Fondo Monetario Internacional, 14,3% neste ano e 31,4% no 2007. Téñase en conta que os países do euro, onde o empresariado galego está a concentrar un maior esforzo, creceron apenas 1,3% en 2005, segundo o Banco Mundial.

Aprofundemos aínda un pouco máis. O Brasil é unha potencia económica emerxente con espectaculares expectativas e que, entre outras cousas, podería vir a ser o principal produtor mundial de bio-combustíbeis, substitutos limpos e renovábeis do petróleo. Angola é o segundo maior produtor de petróleo da África Subsahariana e principal fornecedor desta substancia á China, actualmente. Mozambique foi o país co maior crecemento mundial do turismo no ano 2005. Macau e Goa son portas de entrada para a China e a India, respectivamente, dous dos mercados máis cobizados nos días de hoxe. No caso específico de Macau, ademais, esa porta está a ser consciente, intelixente e intensamente aproveitada pola China e polos países de lingua galego-portuguesa, a través do Fórum para a Cooperación Económica e Comercial entre a China e os Países de Lingua Portuguesa. Pénsese, por exemplo, que o comercio bilateral China-Timor Leste creceu 10 veces no presente ano.

A Galegofonía é costa, quilómetros e quilómetros de costa para o sector mariñeiro galego, e non só. "Da minha lingua vê-se o mar" dicía o escritor portugués Vergílio Ferreira. A Galegofonía é necesidade de edificios, de estradas, de universidades, de tecnoloxía, de coñecementos técnicos do máis diverso tipo… para o empresariado e profesionais especializados do noso país. A Galegofonía é tamén necesidade básica, de comida, de bebida, de medicamentos… para as nosas entidades cooperantes para o desenvolvemento. A Galegofonía son institucións e actividade diplomática intensa para que as nosas políticas e políticos poidan proxectar o país no mundo e tamén para que poidan adquirir unha visión máis completa e fértil á hora de gobernar. Galegofonía son os Xogos da Lusofonía, para mostrar ao mundo as seleccións galegas e dar oportunidades ás nosas e aos nosos deportistas que, doutro xeito, quizá nunca chegarían a ter. O próximo encontro, ademais, será en Lisboa. A Galegofonía é actividade cultural intensa e heteroxénea coa que nos enriquecer, e tamén mercado cultural para as creadoras e creadores da Galiza: de literatura, de música, de pintura…

A nosa lingua, en fin, ábrenos un mundo de oportunidades no que a Galiza xorde en situación de verdadeiro privilexio: é un país desenvolvido que non carga co pasado metropolitano portugués, mais co que todas as persoas no mundo que falan a lingua de Camões (cuxos avós eran de Nigrán, convén non esquecer) poden entenderse sen maiores dificuldades. Non se fala aquí de nacionalismo ou galeguismo, senón de senso común, de pragmatismo.

Quen escribe este artigo ten xa constatado, na súa breve experiencia, que no Além Minho a Galiza conta con todas as simpatías e apoios e con toda a disponibilidade precisa para que o noso país se integre sen obstáculos e na primeira liña.

Non vamos facer nada ao respecto?