Artigo publicado no IGADI Annual Report 2023-2024 "Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade"
paris 2024

A diplomacia deportiva: Das turbulencias no 2023 aos Xogos Olímpicos de París 2024

Un 2023 sen os coñecidos mega-eventos deportivos non significou, en absoluto, baleiro de diplomacia deportiva. Para os deportistas, o ano preolímpico serve para lograr clasificacións e postos nos rankings cara aos Xogos. Paralelamente, os países empregaron a diplomacia deportiva para definir posicións nun contexto internacional convulso, como se estivesen, en certa forma, escalando postos nunha clasificación segundo o seu poder, seleccionando os seus equipos ou definindo os seus rivais.
Apartados xeográficos Europa

Nesa escalada de postos ficticia baseada en lexitimidade e influencia internacional, atopamos un ano máis o crecemento e diversificación das estratexias de sportwashing que están a levar os países do Golfo Pérsico. Porén, o abandono da Liga Saudita e as críticas por parte dalgunhas das estrelas recentemente fichadas para mellorar a súa imaxe, sumado ao fracaso na organización neste país da final da “Súper Copa de Turquía” por motivos políticos, deixan ver un posible declive da súa estratexia.

Pola outra banda, foron moitos os exemplos do emprego de encontros deportivos para reforzar posicións xa definidas. Un ano hostil como foi o pasado 2023 serviu polo tanto, na maioría de casos, para destacar animadversións entre países con relacións totalmente estragadas, como sucedeu entre Marrocos e Alxeria, cando a negativa deste último a abrir o espazo aéreo aos seus veciños lles impediu participar no Campionato Africano de Nacións.

Tamén vimos perigar as recentemente restablecidas relacións bilateráis entre Irán e Arabia Saudí no primeiro encontro permitido entre equipos de ambos os países na Champions Asiática, onde un conxunto saudí retirouse do partido pola presenza dun busto en honra ao líder militar Soleimani.

Paralelamente este tipo de contendas fixeron elevar as tensións no conflito entre Armenia e Acerbaixán, meses antes da última ofensiva azarí́ no Nagorno-Karabaj, ca queima dunha bandeira de dito país no Campionato de Europa de Halterofilia en Iereván.

Neste sentido vale subliñar como serviu a diplomacia deportiva para marcar as posturas de países e organizacións respecto aos territorios en conflitos armados, permitindo ou non a súa participación neste tipo de eventos, co claro exemplo das excepcionais sancións a Rusia e Belarús. Tras a negativa á súa participación nos Xogos Europeos por parte dos comités organizadores, o Consello Olímpico de Asia mostrou un apoio simbólico ao goberno de Putin ao abrir a porta a ambos países no seu homólogo continental, finalmente impedida polo COI alegando motivos técnicos. Estes Xogos Asiáticos celebrados na China deixáronnos un claro exemplo de “diplomacia do pingpong” ao acoller a primeira visita oficial en décadas do presidente Sirio Bashar al-Ásad ao xigante asiático, que culminou co establecemento da “asociación estratéxica Siria-China”. Non só isto, senón que aproveitando o foco mediático que supoñen este tipo de celebracións, China utilizou o evento realizado no polo tecnolóxico da cidade de Hangzhou para mostrar ao mundo o seu potencial no sector.

Mais se falamos dos efectos do protagonismo nos medios, non podemos pasar por alto o Mundial de Fútbol Feminino de Australia e Nova Zelandia – destacando ademais a nova tendencia á organización de eventos de forma conxunta por dous ou máis países – co famoso bico sen consentimento do presidente da Federación Española de Fútbol á xogadora Jennifer Hermoso. Este acto acaparou as portadas dos medios internacionais máis importantes, prexudicando a imaxe dunha “Marca España” cunha forte influencia no deporte. Porén, os apoios mostrados por figuras públicas e cidadás de todo o mundo puxeron de relevo o poder do deporte como catalizador de reivindicacións sociais, neste caso feministas.

Non é o único caso no que vemos o deporte como altofalante, atopando no conflito na Franxa de Gaza o seu máximo expoñente, mediante reivindicacións e os primeiros boicots por parte dos deportistas e, sobre todo, das bancadas. Pese ás prohibicións establecidas, afeccionados de numerosos lugares e disciplinas amosaron bandeiras e cantigas a favor de Palestina, como símbolo de protesta ca escalada de violencia Israelí́ e das posicións adoptadas polos gobernos mundiais.

O Xogos Olímpicos de París 2024

O inicio de 2024 está a ser convulso a nivel xeopolítico, e da mesma forma, intenso a nivel deportivo. Isto fai agardar un ano cargado de diplomacia deportiva, que terá o seu maior expoñente na XXXIII edición dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de verán na cidade de París, deixándonos varios puntos clave a seguir de preto.

En primeiro lugar, será́ de interese cales son os países participantes no evento, tras a exclusión de Rusia e Belarús, e as ameazas de boicot por parte da Ucraína de se permitir a participación de atletas rusos baixo bandeira neutral; que consecuencias suporá isto nas relacións internacionais, e que alternativas de Rusia, que xa propuxo a creación dos Xogos Mundiais da Amizade tras os Olímpicos, así́ como os Xogos dos BRICS ou os da Organización de Cooperación de Shangai, en reforzo das súas alianzas estratéxicas.

Do mesmo xeito será crucial o desenvolvemento da cita olímpica. O novo contexto internacional propón a París 2024 o difícil reto de reunir máis de 200 Comités Nacionais -non necesariamente estados- entre os que se atopan países en guerra e os seus aliados, ou territorios que non se recoñecen entre eles. Isto establece problemas arredor dos encontros ou boicots entre os representantes políticos de ditos lugares, as probabilidades matemáticas de que se atopen como adversarios nos terreos de xogo, así́ como posibles respostas masivas dos afeccionados e dos cidadáns de París, cos problemas que isto pode canlear para as relacións diplomáticas de Francia. Non podemos esquecer tampouco que esta situación complica aínda máis o reto da seguridade no gran evento, cos atentados de Múnic 72´ máis frescos que nunca na memoria.

Por último, e probablemente máis importante, os Xogos poden definir o devir e poder real da diplomacia deportiva, xa que teremos todos os focos e as esperanzas postas na Tregua Olímpica, que xa foi aprobada pola ONU para esta edición que comeza. Con todo, o aumento dos conflitos e as sucesivas negativas ao alto ao lume mostradas, fan que cada día semelle máis difícil, e propón dous escenarios: un triunfo da ferramenta pacifista reafirmando a súa lexitimidade internacional histórica, ou o seu estrepitoso fracaso, relegándoa a un mero acto simbólico.

Podes descarregar o IGADI Annual Report 2023-2024 “Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade” nesta ligazón