Galicia é un país europeo, pero tamén un país atlántico. Pequena e periférica, a nosa proxección continental e marítima confírenos unha singularidade xeopolítica que debe inspirar notoriamente o noso modelo de inserción internacional con opcións estratéxicas que deben gozar de certa permanencia aínda adaptándose ás características do momento histórico que estamos vivindo.
Galicia é un país europeo, pero tamén un país atlántico. Pequena e periférica, a nosa proxección continental e marítima confírenos unha singularidade xeopolítica que debe inspirar notoriamente o noso modelo de inserción internacional con opcións estratéxicas que deben gozar de certa permanencia aínda adaptándose ás características do momento histórico que estamos vivindo. Esa dupla pertenza non é excluinte senón complementaria e alude a factores estruturais inalterables que deberamos incorporar de xeito equilibrado á nosa lóxica de actuación no exterior.
As permanencias que veñen caracterizando a escasa experiencia exterior de Galicia aluden ao espazo europeo, á xestión da política emigratoria pero primando a asistencia social sobre a súa consideración como capital relacional ao servizo dunha estratexia de inserción internacional, unha cooperación ao desenvolvemento feble en capacidades de todo tipo e ás relacións con Portugal, hoxe nunha canella de difícil saída ante a relativa parálise da eurorrexión e o virar de costas de Lisboa facilitado por unha ignorancia a propósito de nós que non deixa de medrar ao outro lado do Miño ante a ausencia dunha política ambiciosa da nosa parte e o aumento das rivalidades tradicionais entre o norte e o centro lisboeta.
Para a nosa acción exterior, ser atlántico significa dispor dun valor engadido que deberamos potenciar. O triángulo Santiago-Porto-Bruxelas, que serviu de principal eixe articulador da nosa acción exterior está claramente en crise no político pese a que o dispositivo xeoeconómico segue incólume. Precisamos dunha fonda reconsideración que pasa pola articulación dun dispositivo multilateral que reflicta as nosas áreas de interese estratéxico e compense o desequilibrio que supón a acentuada continentalización da nosa acción exterior.
Se a prioridade das nosas prioridades é a superación da crise económica debemos aproveitar os importantes avances experimentados polo noso comercio exterior nos últimos anos para afianzar a nosa presenza nos mercados internacionais dando paso a unha xeometría variable específica e adaptada. A mellora da competitividade da nosa economía descansa na innovación e na internacionalización e iso esixe unha clarividencia extrema na nosa política de investigación, e tamén na nosa acción exterior, formulando obxectivos e amosando flexibilidade e creatividade na execución das estratexias. Esta fórmula é a que nos pode permitir reducir vulnerabilidades.
Coa crise sobre as nosas cabezas, resulta mais doado de entender a importancia de outorgar maior atención á nosa dimensión atlántica, pulando por afianzar de forma integrada relacións bilaterais, tanto políticas como económicas e culturais, con socios da dimensión do Brasil ou cos PALOP; e tamén multilaterais, no marco da CPLP, gañando marxe de manobra e influencia cultural e política, pero tamén económica nun mundo en que proliferan as redes de pertenza como factor de modernización.
Estas ideas, que o IGADI ven promovendo dende a súa fundación hai vinte anos, constitúen hoxe unha esixencia elemental para dotarnos dun modelo capaz de aproveitar a crise para saír fortalecidos dela.