O nove de decembro remata a contenda electoral que leva un mes axitando o panorama político exipcio. Deseñadas en tres voltas, estas eleccións lexislativas estanse convertendo nunha molestia para o monopolio político de Mubarak, reelixido hai uns meses cun 88,6% dos votos e unha participación do 23%.
Para as presidenciais, o goberno engadiu unha serie de reformas co obxectivo de ampliar o espectro electoral e, desta forma, proporcionar unha maior aparencia de normalidade democrática. Mediante a reforma do artigo 76 da Constitución, permitiuse a presentación de varias candidaturas á presidencia do goberno, aínda que os duros requisitos establecidos para poder presentar candidatura, fan moi estreito o camiño cara a presidencia, e, os partidos que aspiren ao poder, teñen que contar co apoio dun número elevado de representantes xa no parlamento, onde o partido no goberno conta cunha aplastante maioría. Nese punto é onde reside a importancia das eleccións lexislativas porque delas dependerá o equilibrio de forzas no que se moverán as presidenciais do 2011.
Ata agora, os resultados provisionais están sorprendendo ao goberno pola forte subida que rexistran os candidatos independentes, detrás dos cales atópanse os Irmáns Musulmáns. O movemento islamista, prohibido pero tolerado, non pode formar partido polo seu ideario relixioso, tal como se explicita na Lei de Partidos de 1977, pero, presentando candidatos independentes, entra na escena política e sortea o veto legal. Os resultados son espectaculares: están multiplicando por cinco a súa presenza no Parlamento, o que os sitúa á cabeza indiscutible da oposición e convérteos en auténticos aspirantes ao poder no alcance dos próximos catro anos. É precisamente por isto, que o goberno está recrudecendo a represión contra os seus militantes e dirixentes (uns 700 encarcerados nos últimos días), e está impedindo o acceso ás mesas electorais naqueles distritos máis proclives ao movemento relixioso.
O paradoxo está servido: é unha organización ilegal, teoricamente fóra do xogo institucional, a única que consegue o respaldo social para presentarse como alternativa a un réxime personalista con 24 anos ás súas costas. O sistema político exipcio atópase nunha encrucillada: ou ben opta por unha apertura que o converta en auténtico espello das vontades sociais, ou corre o perigo de deslexitimarse gravemente e dar paso á xeralización de formas de acción política fóra do Estado de dereito. Legalizar aos Irmáns Musulmáns e aceptar a súa implantación social sería un paso cara a primeira opción.
Os Irmáns Musulmáns (dende 1928) contan cunha extensa e complexa traxectoria que os consolida, tanto dentro como fóra de Exipto, como referente dos movementos islamistas. Polo apoio popular co que contan, foron sempre un actor clave, aínda que non admitido, na vida política exipcia. Tanto Naser, como Sadat ou Mubarak, mantiveron relacións con esta organización, ben de proximidade estratéxica ben de enfrontamento aberto, dependendo da conveniencia do momento.
O seu papel é controvertido. Cando sectores influentes da opinión pública internacional identifican islamismo con fundamentalismo, os Irmáns Musulmáns presentan aos seus candidatos baixo o lema "o Islam é a solución". Para os estereotipos dun Occidente temeroso dun simplificado terrorismo islámico, pouco importa que os Irmáns Musulmáns leven anos tentando adaptarse ás canles participativas formais dun sistema democrático e renunciasen ás súas antigas posturas maximalistas dun estado islámico, nun esforzo por contemporanizarse aceptando a noción de cidadanía e igualdade, como tamén outros elementos do estado de dereito. De feito, souberon incorporarse á ola de reformas económicas liberais que impulsou o goberno nos últimos anos, o que os afastou dunhas clases populares cada vez máis empobrecidas e espertou as simpatías de parte da burguesía. Son outros os grupos islamistas que manteñen posturas máis radicais e belixerantes co goberno e o propio estado como, por exemplo, o grupo coñecido como Gamaa Al-Islamiya.
Dous son os posibles modelos a seguir: o primeiro sería a negación dos movementos islamistas como actores de pleno dereito na escena política, tal como sucedeu en Alxeria no 1991 cando a Fronte Islámica de Salvación alcanzou o 47% dos votos na primeira volta das eleccións lexislativas, e foron suspendidas cun golpe de estado que marcou o inicio dunha guerra civil solapada que custou a vida a unhas 100.000 persoas. Un segundo escenario podería ser o de Turquía, onde un grupo islamista gaña as eleccións lexislativas do 2002 e, na actualidade, é un primeiro ministro islamista o que dirixe a Turquía cara Europa.
Se ben non todos os islamismos son iguais, e as comparacións simplifican moito as distintas realidades, o binomio Alxeria/Turquía, debería servir de exemplo á Exipto, peza clave do mundo árabe, para dar solucións democráticas e a longo prazo ás contradicións que está vivindo na esfera política formal e informal. Debuxar unha vía de inserción dos movementos islamistas nunha dinámica política normalizada é hoxe un dos principais retos dos países musulmáns, e Exipto podería desempeñar un papel importante como referente. A súa vinculación económica e estratéxica con EEUU pode dificultarlle este proceso, pero se o papel dos Irmáns Musulmáns continúa sendo rexeitado polas elites políticas, tanto exipcias como estranxeiras, as transformacións democráticas non pasarán de mera farsa.