Na análise da súa realidade, as organizacións campesiñas atopan a súa forza para articular alternativas. Organizadas a través de Vía Campesiña, grande compendio de sindicatos agrarios de todo o mundo, achegan outras ideas: o rexeitamento das negociacións sobre agricultura na OMC, a reivindicación da ONU como foro no que tratar o tema (por exemplo no seo da esquecida UNTACD) ou a negativa a establecer dinámicas de enfrontamento e competencia salvaxe entre o campesiñado do Sur e o do Norte en aras dun mercado internacional no que os seus intereses non contan. (Foto: Manifestante de Vía Campesiña nunha protesta contra a OMC en Hong Kong. ©Guy Taylor/Globalise Resistance WTO 2005 Reports). | |
A Organización Mundial do Comercio viviu estes días as súas horas máis tensas. Despois de fracasos como o de Seattle ou Cancún, a nova cita de Hong Kong contaba con moitas papeletas para acabar coa fin da Rolda de Doha, que botou a andar en novembro do 2001 co sobrenome da Rolda do Desenvolvemento. Dende a súa creación en 1995, a OMC persegue o obxectivo xeral de acadar a liberalización total do comercio mundial, articulándose en tres grandes áreas: produción non agrícola, na que xa se ven avanzando dende a IIª Guerra Mundial por medio do GATT; fixación dos dereitos de propiedade intelectual dos bens susceptibles de comercialización; e produción agrícola. Esta última, introducida nos Acordos sobre a Agricultura (AoA) que acompañaron a metamorfose do GATT en OMC, é a que está atraendo o maior protagonismo polos efectos transformadores que implica e as dificultades que atopa na súa aplicación.
A Rolda do Desenvolvemento, especialmente dende o Cumio de Cancún de 2003, se está transformando na "Rolda do Enfrontamento". Nela foise debuxando un mapa de alianzas e rivalidades que, significativamente, fan emerxer as profundas facturas dun escenario mundial cada vez máis globalizado. O mundo enriquecido e o mundo empobrecido atópanse cara a cara na OMC cun poder negociador moi desigual, e xuntos tiran en sentidos contrarios da corda do comercio internacional.
O Sur agrúpase arredor do chamado G-20 (liderado por potencias emerxentes como Brasil, India ou China) ou ao G-90 (no que se inclúen os estados máis desfavorecidos). Ambos grupos naceron en Cancún no 2003 ante a necesidade de articular barreiras de contención fronte a hexemonía económica de EEUU e UE, que premen para impor as súas regras de xogo. A súa aposta é a apertura dos mercados do Norte aos seus produtos agrícolas e a loita contra a competencia desleal que practican sistematicamente EEUU e a UE mediante subvencións aos seus sectores agrícolas exportadores; esas subvencións provocan unha distorsión dos prezos internacionais que caen por baixo dos costos de produción (o tal "dumping") e leva á ruína a toda aquela produción que non sexa a das multinacionais. Isto contribúe á desarticulación do mundo rural, cada vez máis desangrado cara as grandes cidades, onde o destino dificilmente se afasta de engrosar as vilas-miseria.
O Norte, con EEUU e a UE como vectores fundamentais, inhíbense das súas responsabilidades á hora de abrir os seus mercados, ninguén quere ceder privilexios antes que o outro. No fondo, a estratexia parece clara: seguir protexendo os seus mercados o maior tempo posible e obter, así, o maior número de contrapartidas. A fin de contas, o máis forte é sempre o que ten máis capacidades para alongar as batallas en prol dos seus intereses. A moeda de cambio son os servizos, terreo no cal as economías do Norte son máis que expertas. Se o Sur liberaliza o seu mercado de servizos (concepto entendido nun senso amplo que tanto abrangue ás finanzas, telecomunicacións, sectores enerxéticos, como, co tempo, á sanidade ou á educación), o Norte promete ir liberalizando pouco a pouco o seu sector agrícola; o problema é que non se parte do mesmo punto nin hai igualdade de condicións para establecer este tipo de contrapartidas.
Pero hai unha terceira voz nos Cumios da OMC, a das miles de persoas campesiñas que se reúnen ás portas das negociacións para reivindicar o seu papel protagonista; non aceptan un futuro deseñado dende as alturas que as condena á exclusión. Non aceptan un desenvolvemento vinculado case exclusivamente á liberalización comercial, por moito que se repita ata a saciedade, o que entenden como un vello lobo cunha nova pel de cordeiro; urxen que se teña en conta a letra pequena (a dos costos sociais) que non é asumible.
En definitiva, despois de dez anos de existencia da OMC e dunha crecente liberalización do comercio de produtos agrícolas, segundo os campesiños e campesiñas reunidos en Hong Kong, o panorama afástase moito do que podemos chamar desenvolvemento: unha progresiva privatización dos recursos, incluídos os máis elementais como poden ser as sementes, a desarticulación da mediana e pequena produción, o fomento das migración campo-cidade e Sur-Norte, o deterioro da capacidade de subsistencia de boa parte da poboación mundial (o 70% das persoas que viven debaixo da liña da pobreza son campesiñas), concentración dos recursos de produción (terra, insumos, sementes…), especialmente en mans trasnacionais, deterioro medioambiental…
Na análise da súa realidade, as organizacións campesiñas atopan a súa forza para articular alternativas. Organizadas a través de Vía Campesiña, grande compendio de sindicatos agrarios de todo o mundo, achegan outras ideas: o rexeitamento das negociacións sobre agricultura na OMC, a reivindicación da ONU como foro no que tratar o tema (por exemplo no seo da esquecida UNTACD) ou a negativa a establecer dinámicas de enfrontamento e competencia salvaxe entre o campesiñado do Sur e o do Norte en aras dun mercado internacional no que os seus intereses non contan.
Pero, sobre todo, a súa idea forza é a proclama da soberanía alimentaria, é dicir, o dereito dos pobos e comunidades a ter poder de decisión sobre os seu patrón agrícola e alimentario. Consideran que, para asegurar a seguridade alimentaria da súa poboación, un país debe considerar clave a súa produción agraria de subsistencia e non abandonala a favor dunha produción unicamente dirixida á exportación, sector caracterizado pola súa inestabilidade no mercado internacional que sume aos países nunha vulnerable dependencia alimentaria.
A soberanía alimentaria presentase como un modelo de desenvolvemento endóxeno, no que a base da produción teña en conta ás medianas e pequenas explotacións agrarias e valorice a súa diversificación e os sistemas de produción sostibles e respectuosos cos ecosistemas e culturas. Un modelo no que se articulen políticas que prioricen a produción dos alimentos para os mercados locais e non para a exportación, con políticas de control do mercado en prol dun comercio máis xusto, e no que sexan os dereitos humanos, e non a lóxica do negocio, os que marquen as pautas.