A encrucillada mozambicana

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

O acordo de Roma, asinado por Joaquím Chissano e Afonso Dhalakama en 1992 viña por fin á guerra civil en Mozambique, marcando o inicio do que podemos chamar a II República, e reconducindo a pugna militar ao marco dun xogo democrático, aínda non ben asumido por todos, que ameaza con arrebatar o poder á Frelimo, partido que o monopolizou dende 1974, en favor do populismo de Dhalakama, líder da Renamo, nas vindeiras eleccións lexislativas e presidenciais a celebrar en 2004.

Mozambique é un país cunha infraestructura e entramado social que foron esnaquizados por anos de guerra, inestabilidade e secas, en proceso de recuperación. Os éxitos macroeconómicos que o converteron nun país de moda non poden ser automaticamente traducidos nunha reducción da pobreza, que afecta á maioría esmagadora da poboación, un aumento do IDH, ou unha distribución máis equitativa do rendemento. Non se extrapolan ó 80% dos habitantes, que practican a agricultura de subsistencia, nin ó 60% da poboación que entra na clasificación de pobreza absoluta. A imposibilidade do Estado para crear un sistema que minimice os efectos sociais negativos das reformas económicas, está a provocar o crecemento da exclusión, da reivindicación e da violencia, ameazando o mantemento da lexitimidade do goberno da Frelimo, refén dun paradigma económico que espera que a creación de condicións apetecibles para o investimento, garanta a atención ás cuestións sociais, pero que non consegue solucionar os altos déficit público e inflación, nin impedir que Mozambique continúe a depender da asistencia exterior para equilibrar a súa balanza de pagos.

Así e todo, conseguiuse certo éxito nalgunhas reformas sociais e administrativas fundamentais e o aumento da eficacia e transparencia do sector público, a mellora da prestación dos servicios sanitarios básicos e da educación, así como doutros indicadores clave, o que mellora as expectativas do goberno de se perpetuar no 2004. Pero a Frelimo, segue sen seducir ó electorado centro-norte, especialmente á faixa campesiña, concentrando o seu avance nos medios urbanos, que en troco, son moi críticos coa corrupción, a falla de transparencia nos actos administrativos e a turbulencia política creada polos desentendementos coa Renamo. Ö desgaste do programa político da Frelimo súmase a complexidade a medio prazo da sucesión de Joaquím Chissano á súa fronte. Dificilmente poderá o novo candidato enfrontarse a Dhalakama con éxito logo de que este, a pesar da aparatosidade e dos medios da campaña da Frelimo, ficara nas eleccións de 1999 a só un 4% dun dos máis valorados líderes africanos.

Os discursos da Frelimo e da Renamo coñecen agora unha radicalidade que explota tódalas pantasmas da situación anterior. Segundo escribía o xornalista Carlos Cardoso, semanas antes do seu asasinato, as abas radicais de ex-militares da Frelimo e da Renamo estaban a dar longos pasos na dirección do enfrontamento. A dura represión policial, absolutamente innecesaria, que tivo lugar durante as violentas manifestacións de novembro de 2000, seguida da traxedia na cadea de Montepuéz, e a negativa a calquera conversa ou concesión na que se manteñen moitos membros electos do partido no poder, contribúe a que as bases e dirixentes da Renamo se acheguen á intransixencia de Eduardo Dhalakama, pondo en perigo a situación de paz dos últimos oito anos.

Namentres, a Renamo segue a boicotear a acción do parlamento, negándose a recoñecer a lexitimidade do presidente Joaquím Chissano e do seu goberno, apoiandose na acusación de que a Frelimo falsificou os resultados das pasadas eleccións ó seu favor, reclamación que non tivo respaldo internacional nin diplomático, se ben, o estreito do resultado deu lugar a fortes presións a prol do diálogo entrambos partidos, o que daría á Renamo e a Dhalakama un protagonismo importante, anque non previsto na Constitución do país. Pero a negación da lexitimidade do goberno leva a Dhalakama a insistir nun acordo meramente político que obvie o legalismo vixente, nun movemento que a Frelimo teme pretenda desprazar a Constitución e as leis, para marxinar ó Parlamento. Temor que semella xustificado pola groseira réplica de democracia que constituíron as pasadas eleccións á executiva da Renamo, un partido que ata agora se amosou incapaz de abandonar a súa condición de movemento fortemente controlado e centralizado a prol da conversión en partido político, e máis aínda de se converter nunha oposición activa e constructiva ou de presentar programas alternativos de goberno. Son moitos os diplomáticos que pensan que a esixencia de Dhalakama de nomear ós gobernadores das rexións nas que esta conseguiu maioría en 1999, máis que inspirada nunha arela democratizadora, está alimentada pola necesidade de satisfacer as demandas da vella clase militar e dos militantes do partido no norte do país logo da oportunidade perdida que neste senso supuxo o boicot ás eleccións municipais de 1998.

En resposta á violencia e á polarización política dos últimos tempos, está a agromar un sentimento no seo da sociedade civil mozambicana e internacional, arredor da necesidade imperiosa dunha “terceira forza” que non é nin a Frelimo, nin a Renamo, opción esta que atraeu a numerosos líderes, pero que aínda non conseguiu materializarse en ningún partido forte, capaz de arrebatar protagonismo ós dous partidos hexemónicos.

Mentres, está claro que se o goberno quere para o seu programa, unha lexitimidade que hoxe de por si non ten, terá que se esforzar para por fin ás graves carencias democráticas, integrando ós sectores do poder tradicional no cadro institucional do país para recuperar os apoios perdidos, e sobre todo, procurar o benestar social, porque en tanto a poboación non poida comer das estatísticas do FMI, o populismo de Dhalakama leva todas as de gañar.