Van aló máis de trinta anos dunha cruenta guerra civil que dende 1975, data histórica da independencia política a respecto da metrópole, vén azoutando con teimosa persistencia un dos países con maior potencial e riqueza do continente africano, destruíndo toda a súa infraestructura de comunicacións e imposibilitando o aproveitamento do solo e subsolo. Estas circunstancias e a brutalidade dos abusos sobre a poboación civil por ambos contendentes, así como a destrucción da economía polo longo conflicto, está na raíz dunha situación humanitaria de proporcións dramáticas, que así e todo suscita escaso interese internacional. Un millón e medio de mortos, tres millóns de desprazados, 350.000 angolanos refuxiados nos Estados veciños e máis de 700.000 mutilados polas minas, das que trinta millóns fican aínda espalladas no territorio nacional, é o balance civil deste conflicto que ten ó setenta por cen da poboación angolana sumida na máis absoluta miseria, mentres os señores da guerra dilapidan os recursos naturais para saciar os seus apetitos de poder e riqueza, amparados por un estado feble e corrupto.
O conflicto en Angola constitúe esencialmente unha pugna pola posesión de recursos xeradores de importantes plusvalías, o petróleo e os diamantes, inserta sobre enfrontamentos étnicos, e no marco dunha profunda crise e desigualdade extrema. Os recursos minerais veñen servindo de base económica ós dous actores visibles,o MPLA, partido no goberno, e a oposición armada: UNITA As áreas de influencia abarcan respectivamente a zona de extracción e procesado de petróleo, no caso do goberno, e os xacementos de diamantes que financian á UNITA. Ao mesmo tempo os partidos en pugna polo poder veñen contando co patrocinio de diversos actores estranxeiros, apoio que fluctuou en función da evolución dos intereses económicos e xeopolíticos dos mesmos. De feito, a intervención americana na zona, evoluiu dende o apoio á UNITA, de raizame eminentemente ideolóxica, a un apoio case incondicional ó partido no goberno que foi parello ó incremento das inversións americanas na industria do petróleo.
As múltiples resolucións do Consello de Seguridade de Nacións Unidas a respecto de Angola, veñen devindo letra morta por mor dos importantes intereses económicos e estratéxicos que implican a moitos dos seus membros. Así se explica o fracaso das sucesivas misións de verificación e observación, na tentativa de desarmar ás partes en conflicto e os escasos resultados das sancións e embargos á UNITA. Os combates se reactivan rapidamente tan pronto como unha das partes se sinte agraviada polo resultado dos acordos de paz ou dunhas eleccións, como ocorreu coas de setembro de 1992, que veñen constituíndo así meras treguas aproveitadas polos contendentes para recuperar posicións e rearmarse.
O equilibrio entre MPLA e UNITA, e a súa concepción excluinte do poder, fai imposible resolver o conflicto pola vía militar e tamén a coexistencia pacífica. As correntes de opinión publica e os grupos de influencia, coa Igrexa católica á cabeza, apoian unha “terceira vía” destinada a crear e fortalecer unha cultura democrática. Nesta liña, o anuncio do actual presidente, Eduardo dos Santos, de que non se vai presentar ás próximas eleccións, e a actitude dialogante de Jonas Savimbi, líder da UNITA, permiten abrigar a esperanza dunha pronta solución dialogada á guerra civil.
Por contra, semella difícil que a Unita acepte un desarme unilateral, ou que o goberno considere o ano que vén, data prevista das vindeiras eleccións, que existen as condicións precisas para a celebración dos comicios, o que introduce un elemento de incerteza, cando non de escepticismo, a respecto dunha solución próxima ó conflicto.