A fin da Croacia de Tudxman

Logo das lexislativas do pasado 3 de xaneiro, Croacia preparase para as presidenciais do próximo 24. A segunda consulta electoral vai supor o desmantelamento do sistema autoritario imposto por Tudxman tras a proclamación da independencia e a súa elección como presidente en agosto de 1992. Coa desaparición física do líder comezou a desfeita do seu partido, a Unión Democrática Croata (HDZ), que tras a derrota nas parlamentarias afronta as presidenciais con escasas expectativas e sumido nunha fonda división interna. O éxito da coalición entre os socialdemócratas (SDP) e o Partido Social-Liberal (HSLS), que lle pode permitir ao dirixente do SDP Ivica Racan ocupar o cargo de primeiro ministro, pode non repetirse nas presidenciais ante o aumento das posibilidades de Stiepan Mesic, candidato da alianza de catro partidos menores: Agrario (HSS), Liberal (LS), Congreso Democrático de Istria (IDS) e Popular (HNS).

As perspectivas do partido gobernante na última década son tan escuras que o mesmo candidato ás presidenciais, o ata agora Ministro de Exteriores Mate Granic, anunciou que no caso de ser elixido abandonará o HDZ. A razón non está tanto nunha pretendida neutralidade da máxima institución da República coma na súa pretensión de afastarse dunha estructura partidaria cada vez máis desprestixiada. Ao mesmo tempo Ivo Pasalic, líder dos "hercegovinos", decidiu conxelar a súa militancia no partido en protesta pola división interna e para facer valer os votos dos croatas de Bosnia que apoiaron masivamente ao HDZ nas pasadas lexislativas. A súa vez o portavoz do partido, Ivan Ropus, dimitiu do seu cargo tras as fortes críticas vertidas contra o presidente interino Vladímir Seks.

As profundas divisións, a derrota nas lexislativas e as escasas expectativas nas presidenciais auguran un incerto futuro ao partido, que non semella ser quen de superar a desaparición do xeneral victorioso e "pai da patria".

O importante triunfo obtido pola coalición SDP-HSLS nas eleccións do 3 de xaneiro permitíronlle converterse no grupo maioritario ao acadar 71 dos 151 escanos polos que está composta a Sabor croata. Os demais asentos serán ocupados polos deputados do HDZ (46), da coalición cuadripartita de Mesic (24) e os dez restantes por deputados da coalición ultradereitista do Partido do Dereito (HSP) e dos democristiáns (HKDU) e outros grupos étnicos.

Os resultados converteron ao líder do SDP, Ivica Racan, en virtual primeiro ministro, segundo se tiña establecido nos acordos da coalición electoral. Deste xeito o antigo presidente do Comité Central do Partido Comunista de Croacia recupera un relevante papel, dez anos despois de que abandonase, na compaña do seu homónimo esloveno, o 14º Congreso da Liga dos Comunistas de Iugoslavia. Naquela reunión, celebrada en Belgrado no mes de xaneiro de 1990, o posible futuro primeiro ministro croata constatou a incomprensión dos comunistas serbios coas súas propostas de transformar Iugoslavia nunha Confederación de Estados, manifestadas nas burlas do dirixente Slobodan Milosevic. Aquel abandono, entre apupos e asubíos, significaba o inicio do fin da República Federal Iugoslava.

A coalición electoral presenta ao líder do HSLS como candidato á presidencia. En principio as expectativas non poden ser mellores para o social-liberal Drazen Budisa, máis as enquisas que se están a difundir nestes días sinalan unha clara tendencia ao alza das posibilidades do terceiro candidato postulado pola coalición HSS-LS-IDS-HNS. Segundo as mesmas Stiepan Mesic obtería o 31%, superando a Budisa (27´5%) a ao candidato gobernamental Granic (20´9%).

Estes resultados suporían o abandono definitivo do HDZ das instancias de poder e unha hábil corrección equilibradora da cidadanía entre as dúas coalicións que dirixiron a escasa oposición posible durante os anos de Tudxman.

O favorito nestas enquisas, Mesic, foi o último presidente da Iugoslavia Federal segundo o sistema rotatorio da Presidencia colectiva, posteriormente sería o primeiro xefe de goberno da Croacia independente para afastarse en 1994, polas súas criticas á falta de democracia e ao apoio gobernamental aos secesionistas bosniocroatas, do HDZ e de Tudxman.

Sexa cal sexa o resultado semella evidente que a maioría dos croatas queren iniciar unha nova etapa e esquecerse definitivamente de Tudxman.