20070715 tripoli 2 conferencia internacional darfur

A forza ou o diálogo?

 2º Conferencia Internacional para a paz en Darfur, clic para aumentar
A aplicación do diálogo e do multilateralismo concreta unha maneira de facer que está a dar bos resultados. O mesmo camiño apunta a crise de Darfour, onde a conferencia internacional celebrada en Trípoli, abriu perspectivas para que, baixo a liderado da ONU e da UA, goberno e forzas opositoras poidan iniciar un diálogo crible compartido polos países veciños. (Foto: Primeira sesión da 2ª Conferencia Internacional sobre a situación en Darfour e os esforzos encamiñados a conseguir a paz, o 15 de xullo de 2007).
 

O dramático pouso que está a deixar a guerra de Iraq xunto á maior vontade de certos actores internacionais (China ou Rusia, especialmente), está permitindo a visualización doutra maneira de encarar, non soamente no plano teórico, algunhas das crises internacionais máis mediáticas do presente. No caso de Corea do Norte, por exemplo, os avances, como a subsistencia aínda de problemas, son un feito innegable, como se demostrou a pasada semana en Beijing. A aplicación do diálogo e do multilateralismo concreta unha maneira de facer que está a dar bos resultados. O mesmo camiño apunta a crise de Darfour, onde a conferencia internacional celebrada en Trípoli, abriu perspectivas para que, baixo a liderado da ONU e da UA, goberno e forzas opositoras poidan iniciar un diálogo crible compartido polos países veciños. Bush renunciou ao envío unilateral de forzas militares á zona. A mestura de diálogo, multilateralismo e paciencia é todo o contrario do recurso á forza, do unilateralismo e da precipitación. A primeira fórmula semella casar mellor cos tempos actuais, caracterizados por unha gran complexidade e interdependencia.

Pola contra, a política seguida pola actual Administración de EEUU non se arreda do vello herdo da guerra fría e soña aínda coa supremacía militar como instrumento que pode preservar a súa dominación mundial. En Iraq, nin máis soldados nin máis represión poderán achegar nin máis paz nin máis seguridade. É unha fórmula esgotada e aínda na hipótese de que non se pretenda actualmente outra cousa que estabilizarse para negociar despois dende posicións de maior forza, as expectativas de arranxo do conflito pasan, tamén aquí, por un diálogo paciente e multilateral que inclúa non soamente ás forzas internas, senón a países veciños como Irán ou Siria, entre outros.

O mesmo tic podemos observar na proposta de Bush de celebrar unha conferencia internacional sobre a paz en Oriente Medio. Será outro fracaso anunciado. O diálogo que se promove exclúe aos "inimigos" e dese xeito é imposible sentar as bases dunha paz sólida. Sen Hamás, sen Siria, etc, que validez e operatividade poden ter os acordos promovidos por Bush e o Cuarteto? Todo seguirá máis ou menos igual e a persistencia do conflito seguirá alimentando a desconfianza.

Ben é verdade que dialogar esixe tempo e recursos, pero moito menos que o financiamento das guerras e a reconstrución pos-conflito. E causa un "dano" infinitamente menor. Tampouco debemos ser ilusos e crer que o diálogo pode resolvelo todo. Non sempre é así, e, ás veces, os seus altibaixos e atascos precisan do empuxe de novas xeracións para encaralos doutro xeito e de boa fe. Pero son tempos xa de desterrar o uso da forza nas relacións internacionais, de deixar de lado os intentos de condicionar pola brava a solución dos problemas e contradicións internas en función de estratexias xeopolíticas perversas e á marxe do protagonismo que corresponde ás propias sociedades.

As medidas militares non permiten por si soas a solución dos problemas. Soamente o diálogo pacífico entre todas as partes involucradas pode conducir á seguridade e á estabilidade. Toda esa reorientación que tanto urxe á diplomacia internacional debe estar complementada coa participación social. A diplomacia configurouse sempre como unha especie de mundo aparte, totalmente á marxe do control da cidadanía, da rendición de contas, e mesmo da necesidade de articular consensos para a súa planificación e desenvolvemento. Tal déficit democrático desa diplomacia levou e leva a distintos gobernos a asumiren compromisos internacionais en contra do sentir cidadá e hipotecando o futuro do propio país, sen ter en conta e mesmo desprezando o parecer maioritario da colectividade. Esa a quen todo Estado lle reclama que abandone a violencia e aposte polo diálogo.