Deu resultado o titánico esforzo de Schröder. Seguir con posibilidades de gobernar cando ninguén apostaba por el, e sorprender de novo sendo capaz de conservar o apoio dos alemáns logo da etapa de recesión que sufriu o país despois destes dous últimos anos nos que se sobrepasou a cifra de 5, millóns de parados, é case un milagre. Pola contra, Merkel e o centrodereita, viven unha victoria con sabor agridoce, e a xa cuestionada líder dos conservadores conserva a cabeza, polo momento, pero a sabendas de que a súa carreira política remata aquí.
Semella que logo dos resultados dos comicios do domingo, os dous aspirantes á chancelería, Schröder e Merkel, gañan e perden a un tempo. Ambos descenden en apoio electoral. Un respecto das últimas lexislativas, e a outra, en relación ás expectativas creadas e prognosticadas polos estudos demoscópicos. Proba diso é a resignada análise dos xornais conservadores alemáns, que recollen con desagrado os resultados da noite electoral.
Pero non é así. O primeiro, Gerhard Schröder, xa case apartado do poder en función do desgaste da opinión pública durante estes anos de goberno, parecía cheirar a cadáver, pero a oportunidade das accións emprendidas, unha boa estratexia electoral unida ó conservadorismo da gran masa de indecisos, sacárono a flote. E o cadáver resucitou.
Agora, a chave da gobernabilidade está en dous espacios diferentes. Nas casas de Guido Westewelle "o líder do partido liberal" e dos Verdes "de Joschka Fischer", ou no bo entendemento de Merkel e Schöder que pode facer agromar unha grande coalición entre os dous grandes partidos, como xa se fixera, con máis pena que gloria, en 1966. Desta vez, non parece admisible, non tanto polos programas, a fin de contas, conciliables, como polas estratexias partidarias e as rivalidades persoais. Alemaña queda dividida e atorada.
En calquera caso, os liberais non parecen dispostos a pactar con Schröder, aínda que hai tempo o seu líder, Guido Westewelle, dixera que de darse as condicións idóneas, iso sería posible. Máis tarde rectificou, en función das repercusións electorais que contraía, para soster que o entendemento cos socialdemócratas era imposible debido a motivos de índole económica. Guido fará valer o peso electoral dos liberais en ouro, sobre todo ante a negativa da coalición da Esquerda de apoiar a Schröder. É a oportunidade de deixarse ver, como fixo Joschka Fisher na dirección do ministerio de asuntos exteriores. Os Verdes abríronlle os ollos ós Liberais.
Tan só existe un problema para formar coalicións. Mentres os Verdes teñen tendencia a caer do lado socialdemócrata, en función da tradición e o bo entendemento destes anos, os Liberais penderán do lado conservador, polo seu propio peso. Por forza,teñen que ir da man ou deixar que os grandes arranxen alianzas entre eles, o que non lle convén a ningún.
Por tanto, o gran cumio do que dependerá o próximo goberno alemán, non vai ser probablemente entre Merkel e Schröder, senón entre Guido Westewelle e Joschka Fischer. De aquí sairá o tripartito que de seguro goberne Alemaña nos próximos catro anos, se é que as tensións de goberno "ou un xiro de 180 graos do Partido da Esquerda" non o impiden ou a cuestión de confianza deriva nunha nova convocatoria electoral.
As eleccións debían servir para clarexar a política e o futuro de Alemaña. Pero todo segue igual de confuso.