A liberalización comercial no continente americano: ALCA, Mercosur e OMC

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Cando se trata de referirse ós escenarios de liberalización económica cara ó futuro, debemos partir do exame da interacción que se produce entre os diferentes niveis nos que esta ten lugar. A cuestión fundamental consiste en entender ata que punto os países de América Latina identificarán: a) modelos de integración sub-rexional como o Mercosur; b) un modelo de alcance continental e multilateral como o ALCA, ou c) un intento de que as dúas dinámicas sexan compatibles, como o mellor camiño para a defensa dos seus intereses e a promoción do desenvolvemento para os seus pobos.

Para posicionarse ó respecto é adecuado sinalar que, no marco destas negociacións, existen dous tipos de necesidades que a súa vez proveñen dun ámbito máis global como é o que constitúe a OMC: a converxencia temática e a xerarquía institucional. Independentemente da fórmula e o escenario elixidos, os compromisos da integración rexional deben ser compatibles co rexime multilateral de comercio e, tendo coma referencia os acordos OMC, as restantes negociacións comerciais deberán afondalos ou amplia-la súa axenda cara novos sectores aínda insuficientemente desenvolvidos.

Se adoptamos unha perspectiva Mercosur, está claro que, á raíz das recentes modificacións políticas nos membros do bloque (ascenso á Presidencia de Luiz Inácio Lula da Silva e Néstor Kirchner), existe unha vontade aberta e declarada por parte dos seus líderes de afondar na integración rexional. Neste sentido a declaración do "obxectivo 2006" constitúe o mellor exemplo. Se está formulando un proxecto común que é necesario para interactuar no contexto e a dinámica internacionais antes descritos, pero estes avances poden cualificarse ata o momento de soamente declarativos e de inoperantes na práctica, en tanto non se resolvan de xeito eficaz e coherente os aspectos máis prosaicos da creación dunha Unión Aduaneira real e as vías de saída da crise económica que afecta á rexión.

Poderíamos considerar, entón, que a capacidade de deseñar un novo escenario máis favorable que o actual para os países do Cono Sur nas negociacións comerciais pasa pola súa capacidade de avanzar no perfeccionamento dun bloque institucionalmente mellor integrado. Calquera avance nesta dirección dotará de contido e aplicación práctica ás vontades políticas dos líderes rexionais, permitirá unha maior capacidade de negociación ante as propostas unilaterais e fragmentadas que proveñen dos EEUU e contribuirá á consolidación dun escenario hemisférico máis centrado nas cuestións que podan incidir realmente na mellora das súas condicións económicas.

O entorno internacional no que estas decisións e escenarios se están a desenvolver está definido por unha dobre tensión: a crecente importancia do papel dos EEUU na area internacional e a súa liña de marcado unilateralismo, e a posibilidade de que determinadas asociacións rexionais de estados tenten reubicarse fronte a esta realidade fomentando modelos de integración que camiñen nunha dirección máis multilateralista.

De entre os os escenarios previsibles para o futuro dos acordos de liberalización comercial, resulta difícil escoller algún e prever que ese será o que vai recoller en exclusividade os desenvolvementos futuros. Unha perspectiva ecléctica, que tome elementos de entre as diversas posibilidades é probablemente a máis axeitada para achegarse á realidade.

Así, o escenario futuro das negociacións virá marcado por unha conxunción de:

1) Predominio rexional dos EEUU, que tentarán dirixi-lo proceso cara os sectores que máis lle interesan e solapa-las cuestións de desenvolvemento.

2) Afortalamento dos bloques rexionais como o Mercosur e a Comunidade Andina e, polo tanto, unha tentativa de incrementa-lo multilateralismo baseado nos bloques rexionais.

3) Aspectos de competición nacional en cada bloque a costa do deterioro do eido multilateral, xa que os desenvolvementos virían marcados por unha sectorialización dirixida polos acordos de libre comercio cos EEUU e cicais a Unión Europea.

4) Un grave risco de que todos estes procesos superpostos cheguen a unha situación de compás de espera e paralización debido á súa incapacidade para realizar unha síntese coherente de intereses tan diversos e dependentes dos desenvolvementos políticos dunha rexión tan inestable como América Latina.

Cara ó futuro, é imposible aventurar con que realidade nos atoparemos a medio prazo. Se nos limitamos ó exame das variables que coñecemos hoxe en día podemos considerar que o liderado económico dos EEUU e a súa proposta de integración hemisférica a través do ALCA serán contestados no nivel discursivo polos líderes do subcontinente. Ó mesmo tempo, probablemente sexan aceptados certos modos de integración na proposta norteamericana que é, arestora, insuficiente por centrarse nos sectores de prestación de servizos, investimentos e propiedade intelectual pero desbota materias de máis importancia, coma son o sector téxtil e a agricultura. Esta coexistencia pacífica das dúas propostas de integración, que hoxe adquire unhas características de importante asimetría, so poderá ser contrarrestada na medida en que as declaracións políticas de unidade e integración se convertan en decisións con consecuencias prácticas de desenvolvemento institucional: Parlamento e moeda comúns, mecanismos de decisión e coordenación macroeconómica, etc… Converte-las declaracións políticas en leis con contido efectivo e lealdade na súa aplicación é o camiño a seguir para acadar unha maior capacidade de defensa dos intereses propios da rexión nos ámbitos continental e global.

En liña co exposto anteriormente, a interacción ALCA/OMC constitúe na actualidade un dos maiores retos que os líderes rexionais deben afrontar. Cómpre lembrar que ningún proceso de integración económica sucede de xeito illado, senón que calquera desenvolvemento producido ten relación co que acontece nos niveles superpostos que o condicionan: o nacional e o global. Tanto o ALCA como o Mercosur son acordos que dependen ó mesmo tempo do seu inserimento nun marco multilateral como o é o da OMC e das decisións que tomen gobernos nacionais nunha dobre interacción-negociación: co resto dos gobernos e cos seus cidadáns.

Neste sentido, e pese a ser procesos liderados polos gobernos, a calidade das institucións democráticas que lexitiman e controlan a eses gobernos e o poder específico dos mesmos, así coma o dos grupos de presións que ante eles actúan, son factores a ter en conta á hora de analizar estas interaccións e negociacións.

Pese á confianza depositada pola maioría das institucións respecto das políticas de liberalización comercial, cómpre sinalar que o que acostuma a denominarse "fertilización cruzada" ó referirse á interaccións entre foros rexionais de comercio, ben podería ser chamada tamén "dinamización unidireccional". Na práctica, os EEUU teñen utilizado a súa situación predominante na arena internacional para liderar, premer, identificar sectores de liberalización favorables, limitar outras iniciativas rexionais e hexemoniza-lo deseño das axendas. A asimetría existente entre as disímiles capacidades dos diversos gobernos e asociacións rexionais é a responsable de que non sempre se poda utiliza-la acepción positiva de "fertilización" e, en cambio, poda entenderse mellor como un serio condicionante da liberdade de acción para os países implicados.

Existe unha perspectiva que asegura que a interacción existente entre os dous ámbitos de negociación (ALCA e OMC) ten un carácter "facilitador" ou "conseguidor", no senso de que a introducción dun sector para a súa liberalización no ALCA pode servir de arrastre para a súa incorporación á axenda global das roldas OMC. Ó mesmo tempo, os avances acadados no ámbito ALCA son susceptibles de seren igualados por terceiros países que non queren perde-la súa oportunidade de acceso a mercados nin permitir a "compartimentalización" xeográfica de mercados accesibles.

A idea da interacción entre os ámbitos rexional e global remítenos a unha especie de carreira por acada-los beneficios de acceso a mercados ó mesmo tempo que se pretende limita-las concesións inevitables para acadalos. Para o sector agrícola, a liberalización non pode desvencellarse de medidas máis profundas cá as soas reduccións arancelarias, e se introducen no debate cuestións como as das subvencións internas e as compensacións cruzadas noutros sectores. A tensión é dobre, por unha banda temos unha tendencia de liberalización de mercados e, pola outra, temos unha tendencia/necesidade de regulamento das condicións deses mercados.

A discusión sitúase na énfase que se lle vai outorgar a cada un dos sectores temáticos en cada un dos ámbitos (continental ou global) e a globalidade que cada un deles vai acadar, e isto acontece en gran medida en función das condicións internas dos estados que negocian.

No caso dos EEUU, a súa capacidade negociadora para o momento actual vén limitada polo escenario electoral que afronta e que limita as concesións que está en condicións de outorgar a cambio dos avances desexados, e no caso dos países do Mercosur, por exemplo, existe un momento político de unidade discursiva fronte ó ALCA que non ofrece grandes perspectivas para o mesmo. Se enlazamos coas aparentes concesións que a UE semella estar disposta a realizar gradualmente na reforma da súa Política Agraria Común poderíamos aventurar que o ALCA non é, nestas circunstancias, o escenario de liberalización máis prometedor.

Na OMC atopamos un escenario máis complexo. Pese á necesidade política de pular avances na súa rolda actual, as perspectivas son limitadas debido á relación cruzada entre as diversas axendas (trato especial e diferenciado, temas agrícolas, patentes e servizos). A interacción que se produce no marco OMC co do ALCA e as relacións da UE co Mercosur dificultan a converxencia temática e, polo tanto, a consecución de acordos. Existe na actualidade un "spaghetti bowl" que eleva os custos de xerarquización de sectores e, sen que isto suceda, as roldas globais non poden substituír ás rexionais senón simplemente irlles detrás. O ALCA e as negociacións bilaterais entre EEUU e a UE cos países e bloques actúan como dinamizadores do que posteriormente sucederá na OMC. Se os acordos rexionais se paralizan ou non avanzan, as negociacións OMC deben lidar no ámbito macro con cuestións que non foron resoltas no ámbito micro.

Como conclusión, poderíamos afirmar que a superposición dos diferentes ámbitos de liberalización ten un efecto dobre: primeiro de dinamización e despois de estancamento. Introdúcense sectores para a súa negociación en ámbitos restrinxidos e a partir dos avances conseguidos se amplían espacial e tematicamente, co conseguinte efecto paralizador das negociacións. EEUU lanza o ALCA; perante o seu freo, asina acordos bilaterais como o acadado con Chile, pretendendo logo que teñan un efecto de ampliación necesaria cara ó Mercosur que, á súa vez, está a negociar coa UE. E nesta situación ten lugar a rolda global da OMC, na cal a defensa do acadado pode estancarse ou consolidarse. E para o sector agrícola sucederá unha cousa ou a outra en función da capacidade e vontade política dos estados no que toca a facer concesión nos sectores relacionados, como son investimentos, subvencións e trato especial e diferenciado.