Podes ler todos os artigos de Xulio Ríos en www.xuliorios.com
Zhou Enlai, Mao Zedong e Zhu De na Longa marcha.

A Longa Marcha, mito fundacional da China contemporánea

Hai noventa anos, en outubro de 1936, as principais forzas do Exército Vermello chinés culminaban unha das retiradas militares máis extraordinarias do século XX. A Longa Marcha deixaba tras de si milleiros de quilómetros, combates, fame, frío e perdas humanas inmensas. O Partido Comunista de China (PCCh), que chegara a estar ao bordo da destrución, sobrevivira. O que comezara como unha retirada estratéxica acabaría convertido nun dos grandes mitos fundacionais da revolución chinesa e nunha referencia permanente da súa cultura política.
Liñas de investigación Observatorio de la Política China
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Palabras chave China Mao Longa marcha

A efeméride, conmemorada oficialmente en Beijing o 22 de outubro de 2026 coa participación de Xi Jinping, invita a examinar non só a dimensión militar daquela epopea, senón tamén a súa significación política e a súa proxección ata os nosos días.

Zunyi e o comezo dunha nova dirección

A Longa Marcha non foi inicialmente unha empresa concibida para entrar na historia, senón unha saída desesperada ante a presión das tropas nacionalistas de Chiang Kai-shek sobre as bases revolucionarias do sur. En outubro de 1934, o Exército Vermello abandonou a súa principal base en Jiangxi. A ofensiva nacionalista e os erros da dirección militar, influída pola doutrina convencional e polo asesoramento soviético, colocaran o movemento comunista nunha situación límite.

A crise abriu unha oportunidade para Mao Zedong. A Conferencia de Zunyi, celebrada en xaneiro de 1935, cuestionou a orientación militar de Bo Gu e do asesor da Internacional Comunista Otto Braun, coñecido como Li De, e favoreceu o ascenso de Mao á primeira liña da dirección. Os chamados 28 bolxeviques, vinculados á formación recibida en Moscova, simbolizaban unha concepción da revolución máis dependente dos esquemas internacionais e menos adaptada, segundo os seus críticos, ás condicións específicas de China.

Zunyi non converteu inmediatamente a Mao nun dirixente absoluto. Foi, máis ben, un punto de inflexión nun proceso de concentración da autoridade que se prolongaría durante os anos seguintes. Pero a súa significación foi profunda pois a experiencia chinesa comezaba a reivindicar a súa autonomía fronte á aplicación mecánica de modelos externos. A revolución debía construír a súa propia estratexia a partir da realidade do país.

A marcha que fixo a Mao

A travesía contribuíu a transformar a relación entre o liderado e a organización. Mao foi consolidando a súa autoridade non só pola súa capacidade para disputar a orientación política, senón tamén pola súa interpretación das condicións concretas da guerra revolucionaria. A mobilidade, a elección do momento oportuno, a adaptación ao terreo e a capacidade de evitar os enfrontamentos desfavorables convertéronse en elementos centrais dunha concepción estratéxica que se afastaba da confrontación frontal.

A elaboración intelectual de Mao acompañou este proceso. En 1936 escribiu “Problemas estratéxicos da guerra revolucionaria en China”, onde sistematizou cuestións fundamentais da experiencia militar acumulada. En 1937, xa concluída a marcha, redactou “Sobre a práctica” e “Sobre a contradición”, dous textos esenciais para comprender a súa concepción do coñecemento, da análise concreta e das tensións que impulsan os procesos históricos.

A súa relevancia excede o ámbito militar. A teoría debía comprobarse na práctica; as contradicións debían estudarse nas súas condicións particulares; as decisións debían responder á realidade e non á fidelidade abstracta a unha doutrina. A Longa Marcha contribuíu a crear o contexto político e intelectual no que estas ideas adquiriron unha dimensión decisiva.

A retirada como vitoria política

A importancia histórica da Longa Marcha non pode medirse exclusivamente polo seu resultado militar inmediato. As forzas comunistas sufriron perdas enormes e tiveron que abandonar as súas bases territoriais. Sen embargo, preservaron o núcleo dunha organización que, anos despois, sería capaz de derrotar o Kuomintang e fundar a República Popular China en 1949.

A marcha permitiu, ademais, reconstruír a dirección do Partido, ampliar a súa presenza en novas rexións e reforzar unha identidade compartida entre os superviventes. A chegada ao norte non significou o final da guerra nin garantiu por si mesma o triunfo revolucionario. Pero proporcionou unha base para a reorganización, a expansión política e a posterior resistencia fronte á invasión xaponesa.

Nesa transformación reside o carácter excepcional dun episodio no que a supervivencia converteuse en promesa de vitoria. A memoria da marcha fixo posible presentar a adversidade non como unha refutación do proxecto, senón como unha proba da súa capacidade de resistencia.

A ética do esforzo e os límites do voluntarismo

O relato da Longa Marcha asentou unha cultura política na que a disciplina, a austeridade, o sacrificio e a perseveranza ocupan un lugar central. Estes valores non desapareceron coa conquista do poder. Pola contra, o PCCh procurou incorporalos á identidade do Partido gobernante, como recordatorio das orixes revolucionarias e como instrumento de mobilización ante os desafíos do desenvolvemento.

Cada xeración, segundo a fórmula posteriormente popularizada polo propio Partido, debe afrontar a súa propia Longa Marcha. A expresión permite trasladar unha experiencia histórica concreta a obxectivos moi diferentes como a construción socialista, a modernización económica, a loita contra a pobreza, a renovación organizativa ou a revitalización nacional. Todo é, en suma, unha “longa marcha”…

Pero a lección histórica admite tamén unha lectura crítica. A determinación é indispensable para soster obxectivos difíciles, mais non substitúe o coñecemento das condicións materiais nin garante a corrección das decisións. As derrotas iniciais e as perdas sufridas pola mala orientación militar lembran que a vontade política pode converterse nun risco cando se separa da análise concreta. A propia experiencia de Mao permite distinguir entre a flexibilidade estratéxica que favoreceu a supervivencia e o voluntarismo que, noutros momentos da historia chinesa, contribuíu a graves erros.

A Longa Marcha non debería reducirse, por tanto, a unha exaltación do sacrificio. A súa ensinanza máis fértil reside na combinación entre firmeza de propósito, capacidade de adaptación e disposición para rectificar.

Unha fonte de lexitimidade para o presente

Noventa anos despois, a Longa Marcha continúa ocupando un lugar destacado na memoria oficial chinesa. O PCCh reivindícaa como proba da súa capacidade para superar crises, preservar a unidade e manter unha misión histórica mesmo en condicións extremas. A súa función lexitimadora consiste en vincular a autoridade presente coa resistencia pasada de xeito que quen sobreviviu á adversidade e conduciu a revolución ao triunfo reclama tamén a capacidade de guiar a modernización en curso.

Esta continuidade simbólica non elimina as diferenzas entre a China revolucionaria dos anos trinta e a potencia mundial contemporánea. Tampouco converte automaticamente as virtudes atribuídas á marcha en garantías de acerto político. Si revela, non obstante, a importancia que a dirección chinesa concede á memoria histórica como fonte de cohesión e como recurso para interpretar o futuro.

A Longa Marcha foi, en definitiva, moito máis ca unha retirada militar. Foi unha experiencia de supervivencia que contribuíu a definir un liderado, unha organización e unha cultura política. Se a súa épica naceu da adversidade e o seu mito, da transformación da derrota en promesa de vitoria, a súa actualidade reside precisamente nesa tensión entre a perseveranza e a rectificación, entre a confianza nun obxectivo e a obriga de comprender a realidade para alcanzalo.