O impacto local é aínda maior, pois nas comarcas de Valdeorras e Quiroga emprega a 2.500 persoas de forma directa e unhas 10.000 de maneira indirecta, con salarios e nivel de emprego superiores á media das súas provincias (1).
Ademais, en Carballeda de Valdeorras temos ao líder mundial do sector, CUPA (2), que factura preto de 500 millóns de euros, é dicir, en torno ao 50% do mercado internacional, cunha presencia decisiva en Francia, que é o maior importador mundial, cunha grande tradición histórica de tellados de lousa pero que agora xa non ten canteiras propias. As típicas estampas de casas con tellados de lousas que se poden ver en calquera etapa alpina do Tour de Francia proceden en gran parte das canteiras de Valdeorras.
Así, tras un predominio histórico da lousa británica e francesa, e debido ao esgotamento das canteiras deses países, no anos 1960’s comezou a explotación industrial en territorios como o de Valdeorras, favorecidos pola necesidade deste material por parte dos construtores franceses, o cal se traduciu na modernización tecnolóxica desta industria mediante a importación de técnicas de extracción e elaboración, así como de ferramentas especializadas (3). Dende entón, a calidade da nosa lousa foi moi apreciada polo mundo, en detrimento doutros competidores (chineses, brasileiros, etc). Trátase dun produto que pode durar entre 100 e 200 anos e que está asociado cada vez máis coa arquitectura de alta calidade. De feito, hai varias iniciativas de colaboración coa Escola de Arquitectura da Coruña (4). Para reforzar este prestixio nos mercados internacionais creouse o selo “Galician&Spanish slate”, que é o semellante ao recoñecido “Galicia Calidade”.
Malia estar na periferia da periferia, a lousa valdeorresa soubo posicionarse nos países con grande demanda, xa mencionados anteriormente. A cadea de valor péchase aquí, pois a lousa extráese das canteiras e elabórase antes de ser enviada ao exterior. Por iso é frecuente que empresas desa área estean nas grandes feiras internacionais do sector, como por exemplo, a de Rennes ou a de Burdeos, con referencias incluídas na prensa económica francesa (5). Nese sentido foi importante a creación dun Cluster que agrupa ás empresas relacionadas coa lousa (Cluster da Pizarra de Galicia).
Entre as ameazas ás que se enfronta este sector atópanse os custos de produción crecentes, incluídas as pezas de maquinaria e as súas reparacións. Hai escaseza de traballadores cualificados, tanto nas canteiras como na colocación, e é unha industria moi vencellada á construción, por tanto depende moito do ritmo desta última. Ademais, ten a materia pendente de aumentalo grao de aproveitamento da materia prima e de mellorala xestión dos residuos xerados.
Aínda así, as expectativas para o futuro poden considerarse optimistas, pois estímase que o mercado pode medrar nos vindeiros 10 anos ata os 1.500 millóns de dólares dende os 1.000 millóns actuais(6) e aí as empresas galegas teñen moito terreo gañado.
En conclusión, trátase de xerar o maior valor engadido posible aproveitando a vantaxe que dá termos as maiores reservas mundiais e unha estrutura produtiva xa asentada. Ante a despoboación e desertización económica do interior das provincias de Ourense e Lugo, a importancia da industria da lousa é, se cabe, aínda máis crítica.
Referencias bibliográficas:
- https://clusterdapizarra.com/
- https://www.economiadigital.es/galicia/empresas/cupa-500-millones-facturacion-compra-samaca.html
- Artículo: “La industria de la pizarra española en perspectiva histórica”
Elvira Lindoso Tato. Investigaciones de Historia Económica – Economic History Research. 11 (2015) 52–61 (https://recyt.fecyt.es/index.php/IHE/article/view/70659)