20070831hato grande bogota chavez uribe

A misión colombiana de Chávez

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Hugo Chávez e Álvaro Uribe, clic para aumentar
O cumio Uribe-Chávez celebrado o pasado 31 de agosto en Bogotá, no que Uribe deu o beneplácito para que Chávez iniciara estas negociacións, marca a apertura dunha nova etapa nas relacións colombo-venezolanas e na probable configuración dun escenario esperanzador para contribuír á pacificación do conflito colombiano.
 

A oferta de Hugo Chávez de iniciar en Caracas unha rolda de negociacións entre unha comisión do goberno colombiano de Álvaro Uribe Vélez e a guerrilla das FARC, coa finalidade de propiciar un intercambio humanitario de secuestrados, supón unha alternativa tan esperanzadora para a paz en Colombia como un audaz viraxe nas cartas xeopolíticas rexionais.

Neste escenario se involucra tamén o presidente francés Nicolás Sarkozy, principal interesado na liberación da congresista colombiana Ingrid Betancourt, secuestrada no 2002 polas FARC e que tamén posúe a nacionalidade francesa.

Sarkozy, presidente dun país que forma parte xunto a Suíza e España do grupo de avaliadores nas negociacións entre Bogotá e as guerrillas das FARC e o ELN, tivo un papel directo na recente liberación de Rodrigo Granda, considerado o "chanceler" das FARC, tralos rumores sobre a posible liberación de Betancourt en territorio venezolano.

Chávez o pacificador?

O cumio Uribe-Chávez celebrado o pasado 31 de agosto en Bogotá, no que Uribe deu o beneplácito para que Chávez iniciara estas negociacións, marca a apertura dunha nova etapa nas relacións colombo-venezolanas e na probable configuración dun escenario esperanzador para contribuír á pacificación do conflito colombiano.

A mediados de agosto, Chávez reuniuse en Caracas coa senadora colombiana do esquerdista Polo Democrático, Piedad Córdoba, quen pediulle a súa mediación na liberación de 41 secuestrados: 10 civís, incluída Ingrid Betancourt; tres contratistas estadounidenses do Plan Colombia; e 34 policías colombianos. Córdoba, simpatizante de Chávez e férrea opositora ao goberno de Uribe, foi nomeada presidenta da comisión negociadora coas FARC.

A cambio, Uribe debía liberar a 400 guerrilleiros das FARC presos nos cárceres colombianos, así como adiantar unha iniciativa de desmilitarización dos estratéxicos municipios de Florida e Pradera. O mandatario colombiano oponse categoricamente á liberación destes municipios.

Este papel pacificador de Chavez revela diversos sinais. O seu rol protagónico como mediador confirma a existencia dunha canle indirecta de relación coas FARC que, moi probablemente, perdura durante varios anos. As FARC sempre manifestaron simpatías políticas pola "revolución bolivariana" tanto como o propio Chávez semella exercer unha voz respectable dentro do movemento guerrilleiro colombiano.

Incluso, Chávez pediu a apertura en Caracas dunha oficina das FARC "para ter unha interlocución directa", mentres anunciou a liberación de 41 presuntos paramilitares colombianos, acusados de tentar un atentado na súa contra no 2005.

Neste contexto, Chávez invitou a Marulanda Vélez, histórico líder das FARC, a visitar Caracas para levar a cabo estas negociacións. No caso de certificarse, esta inédita invitación, impensable hai uns poucos anos debido á oposición do goberno colombiano, determina o aparente nivel de compromiso adquirido tanto por Uribe como por Chávez.

Paralelamente, o papel do presidente venezolano cobra unha importancia decisiva no esforzo de "internacionalizar" un proceso de paz para Colombia. Durante varios anos, foi o goberno de Fidel Castro o principal mediador entre os intentos de negociación de Bogotá coas FARC e o ELN, e La Habana foi a sede deses encontros.

Actualmente, Chávez e Caracas veñen a substituír esa anterior preponderancia de Castro e a capital cubana, unha viraxe que pode ser consecuencia tanto dos cambios políticos que está a experimentar a Cuba baixo Raúl Castro como do ascenso no papel protagónico de Chávez a nivel continental e a súa influencia, xa non só política e económica senón como mediador e negociador.

Un raio de esperanza

Independentemente das diferenzas políticas e ideolóxicas do triángulo conformado por Chávez, Uribe e Sarkozy, a oferta do presidente venezolano e a súa aceptación por parte do mandatario colombiano abren unha vía tan alternativa como arriscada para a posible pacificación do conflito colombiano.

A mediación de Chávez e o nomeamento de Piedad Córdoba como presidenta da comisión oficial colombiana tivo unha gran receptividade exterior, tomando en conta que Arxentina, Brasil, Bolivia, Ecuador e Uruguai anunciaron a súa disposición de apoiar esta iniciativa.

Pola súa banda, a aceptación de Uribe da mediación de Chávez, un veciño incómodo tanto nos eidos político como ideolóxico, supón un marco de pragmatismo que lle permite afastar determinados problemas internos, como o escándalo da parapolítica.

Apuntando os seus esforzos cara a aprobación parlamentaria dun terceiro período de mandato vía reelección no 2010, Uribe tentará balancear ao seu favor esta mediación internacional de Chávez.

Pola súa banda, o presidente venezolano calcula con acerto que a súa iniciativa mediadora pode outorgarlle unha imaxe internacional máis favorable, habida conta das críticas recibidas ante o seu proxecto de reforma constitucional vía referendo o próximo decembro, na que se estipula a reelección presidencial indefinida e o aumento do período de mandato.

A percepción desta viraxe entre Uribe e Chávez tamén será minuciosamente observada dende Washington, tomando en conta a presenza de tres estadounidenses entre os secuestrados. Uribe é un aliado incondicional de Washington mentres Chávez é o seu principal rival hemisférico.

Unha presidencia republicana e un Congreso de maioría demócrata deberán tamén ofrecer unha visión pragmática sobre un asunto humanitario que pode dar cabida a un necesario acercamento político de alto nivel.

Uribe e Chávez tamén trataron temas de axenda bilateral enerxética e comercial, así como o posible reingreso venezolano na Comunidade Andina de Nacións, trala saída de Caracas no 2006. O diferendo limítrofe no Golfo de Venezuela foi outro asunto tratado nunha reunión bilateral que, aparentemente, desconxela os recentes roces diplomáticos entre Caracas e Bogotá.

Chávez ten nas súas mans unha misión humanitaria con amplas perspectivas de alcance xeopolítico. Por moi loable que resulte a súa iniciativa persoal, a experiencia que transmite o drama do conflito colombiano obriga a especular que os factores de éxito non dependen só dunha bondadosa vontade de paz.