20070714 chapela autoestrada ap9 cara vigo

Poder e sociedade civil en Galicia

 Chapela, autoestrada AP-9 cara Vigo, clic para aumentar
Pode Galicia contar con modernas autoestradas, redes tecnolóxicas moi avanzadas e todo o que queirades de última xeración, pero se non somos capaces de autodeterminar a sociedade respecto ao poder e convencer a este de que unha sociedade non instrumentada e mediatizada é do seu interese, de pouco valerán os grandes esforzos que require a xestión desa transformación, en moitos aspectos só superficial, que Galicia ven experimentando nas últimas décadas. (Foto: Autoestrada Ap-9 ao seu paso por Chapela, en sentido Vigo. ©Tomás Rodríguez Ontiveros/Galipedia).
 

Emancipar a sociedade do poder é o grande reto da política en Galicia. E cousa sabida que, de vello, unha dependencia enfermiza lastra e condiciona a creatividade e a independencia da sociedade galega. O poder, con independencia de quen o exerza, sexan dereitas ou esquerdas, nacionalistas ou non, manifesta unha inercia, consciente ou inconsciente, que o leva a considerar todo a través do estreito prisma da inmediatez, o oportunismo e a falla de perspectiva estratéxica. Premios e rexeites camiñan da man dun interese a cotío mesquiño que ignora o valor obxectivo das achegas que poidan partir da sociedade civil, desa que non quer ser expresión oficial de poder e que reivindica a existencia do seu propio espazo como un ámbito necesario que, en condicións normais, ao propio poder debía interesar o seu fortalecemento como expresión de lucidez leal que alerta de variables e factores que están fóra da súa axenda.

Pode Galicia contar con modernas autoestradas, redes tecnolóxicas moi avanzadas e todo o que queirades de última xeración, pero se non somos capaces de autodeterminar a sociedade respecto ao poder e convencer a este de que unha sociedade non instrumentada e mediatizada é do seu interese, de pouco valerán os grandes esforzos que require a xestión desa transformación, en moitos aspectos só superficial, que Galicia ven experimentando nas últimas décadas. Cabe significar que esa construción da sociedade civil debe orixinarse nela mesma, gañando confianza, exercéndoa e dándose a respectar cando sexa o caso. Confianza e creatividade son as dúas ideas esenciais para que poida avanzarse nesta liña, desterrando aquelas concepcións que fan depender a plasmación dun proxecto do logro da consabida subvención e o apadriñamento público.

A reserva de independencia e de capacidade crítica nun marco de lealdade confire ás expresións da sociedade civil un poder alternativo que enriquece non soamente as relacións sociais senón o acervo común que permite o avance e a innovación. Sen esa perspectiva de respecto e facendo bandeira da manipulación máis ou menos disimulada pero sempre interesada, pouco cabe esperar do novo tempo. As coordenadas galegas neste aspecto son moi específicas, pero aquí hai plans para todo menos para iso. O poder tende a considerar que aqueles dinámicos sectores sociais que non secundan ao completo os seus puntos de vista, sempre acaban por incomodar.